Armadiña Rock, decibelios "sen complexos" en Combarro

Presentación do festival © Armadiña Rock

Sen facer moito ruído nunha escena galega inzada de festivais, pero cun traballo constante que lle permite chegar á súa novena edición e encher Combarro de decibelios roqueiros. Así se presenta neste 2017 o Armadiña Rock, que este xoves solta amarras cunha exposición fotográfica, espectáculos infantís e curtametraxes para, a partir do venres e durante toda a fin de semana, encher esta vila mariñeira de rock, pero tamén dun feixe de actividades que sitúan esta cita a medio camiño entre o festival e a festa.

Nomes como os xa míticos Heredeiros da Crus, Ruxe Ruxe, Def con Dos ou Talco destacan nun programa no que se reflicte o traballo da asociación organizadora, que vai alén da montaxe dunha serie de concertos. Así, o Armadiña Rock non se cingue unicamente ao espazo de concertos da Praza da Chousa, senón que se estende por todo Combarro con actividades como o teatrao de rúa polo recinto histórico, concertos infantís na praza de San Roque, obradoiros para a rapazada na Escola do Campo ou sesións vermú na Praza da Rualeira.

O festival non é alleo á fisonomía da vila que o acolle e por iso, por segunda ocasión, trae consigo un concurso de balcóns, patíns e solainas. O obxectivo, explican dende a organización, "consiste en visibilizar os beneficios de recuperar" estas partes dos edificios como "elementos vivos da vila no marco da tradición e da cultura de Galicia, así como implicar a veciñanza no seu coidado". O coidado da contorna tamén está presente en decisións como prescindir dos vasos de plástico dun só uso e substituílos por ecovasos.

Bandas xa míticas como Heredeiros da Crus, Def con Dos ou Ruxe Ruxe forman parte do cartel da novena edición do Armadiña Rock

A área da Reiboa serve como "privilexiada" zona de acampada nun festival no que tamén se escoitará a bandas como Dakidarría, Bala, Kitai, Skarnivals, Blues do País, Carla Green & The Demons ou Soul Breakers. Así e todo, cando remate o festival a actividade da Asociación Armadiña non para; non en van, xa está a ultimar a terceira edición do Curtas Armadiña, o certame audiovisual que ata o peche de recepción de traballos, a comezos de agosto, recibiu ata 1.400 montaxes.

Mostra da vertente audiovisual do traballo dos compoñentes deste colectivo é o vídeo co que anuncian o propio festival. Fica claro, aseguran, que se trata dun evento "sen complexos".

Cartel do Armadiña Rock 2017 © Armadiña Rock

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.