Meninas 2017: Sen Banksy, nin falta que fai

© @EvaMFerrol

A edición 2017 das Meninas de Ferrol pechouse este domingo cun incontestable éxito de público e tamén de promoción para a cidade, o evento e para o barrio de Canido. Docenas de murais foron pintados e algúns máis -previamente existentes- repintados ou completados, mentres soaban concertos e se desenvolvían outras actividades coma o mercado de arte Mercalegre ou photowalks que contribuíron a inmortalizar e difundir polas redes sociais as rúas da cidade naval. 

Non apareceu Banksy mais a súa mención serviu para catapultar nos medios de todo o Estado esta celebración da arte urbana que está preto de facer unha década. Houbo creacións para todos os gustos e en distintos formatos de arte plástica e visual; dende o mural dedicado ás xogadoras do Universitario Ferrol (terceiras o pasado ano na Liga Feminina de baloncesto e pregoeiras das festas) ata a celebrada obra de dúas meninas bicándose que ocupou unha das medianeiras do barrio. Ao final Banksy non pasou por Canido, pero como dirían os Radio Océano (que actuaron o domingo) "nin falta que fai".

© @cerveza1906

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.