0 Gardados para despois

Percorre o Castro de Viladonga sen saíres da casa

Redacción | @prazapublica

O Castro de Viladonga (Castro de Rei) é un dos máis coñecidos e visitados de Galicia. Ocupa unha extensión aproximada de 4 hectáreas e en 2009 foi declarado Ben de Interese Cultural. Dende hai uns días conta cunha nova web que inclúe vídeos, unha galería fotográfica, completa información sobre o recinto e o museo e a posibilidade de realizar unha visita virtual polo lugar.

Esta visita virtual é guiada por unha voz en off, que nos ofrece as distintas posibilidades e percorridos que podemos escoller, movéndonos polo Museo e o propio recinto, penetrando no antecastro e o castro, atravesando os sistemas defensivos e achegando informacións e explicacións sobre cada elemento. Ademais, en cada unha das paradas deste roteiro poderemos movernos en 360 graos, para observar todos os detalles do lugar.

Ademais, a páxina ofrece algúns vídeos que permiten aprender máis cousas sobre o castro e os traballos arqueolóxicos e de conservación alí realizados. A web informa, igualmente, das actividades que organiza o Museo e a Asociación de Amigos do Castro de Viladonga. Finalmente, póñense a disposición de todo o mundo recursos didácticos, que poden ser aproveitados por centros de ensino e por calquera persoa.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.