Sarria, capital ibérica dos observadores de nubes

O ceo, con algúns cirros CC-BY-SA colin hansen

Cirros, cúmulos, estratos, nimbos... Todos os días vémolas pasar por riba das nosas cabezas. Mirámolas, a nosa imaxinación outórgalle unha forma, tirámoslle unha foto para o noso Instagram. Hai quen queda pampo ollándoas e del seguramente se dirá que Está nas nubes (é, dicir, seguindo a definición do diccionario da RAG, que "anda distraído ou fóra da realidade"). As máis das veces, seguramente, non lles facemos caso. Porén, hai persoas que se dedican a observar as nubes, de forma atenta e sistemática, dende un punto de vista ténnico e afondando tamén na importancia cultural que tiveron e teñen e nas mil formas en que o ser humano as recolleu nas súas expresións artísticas. 

Asociación Ibérica de Observadores de Nubes celebrará os vindeiros 22, 23 e 24 de setembro en Sarria o seu terceiro congreso, que dará continuidade aos dous celebrados no mesmo lugar en 2012 e 2014. No evento, que se celebrará nas instalacións da Granxa Escola de Barreiros, haberá intervencións de expertos en física e meteoroloxía, como José Miguel Viñas, que ofrecerá unha charla sobre o farmacéutico inglés Luke Howard, a quen lle debemos a nomenclatura empregada para clasificar as nubes. Ou Rubén del Campo, que falará sobre os fotometeoros, as nubes que adquiren distintas cores. Ademais, inauguraranse dous Cianómetros, os instrumentos deseñados por H. B. de Saussure para medir as diferentes tonalidades do azul do ceo, adaptados neste caso ao ceo de Galicia.

Haberá igualmente intervencións sobre a importancia das nubes no cinema (Esmeralda Barriendos), na poesía (Jesús Aguado), concertos (Fetén Fetén) e unha exposición sobre o debuxante Troubs. E, sobre todo, varias actividades de observación, a través de roteiros polas proximidades da Granxa Escola de Barreiros e tamén de parapentes con motor que permitirán aos participantes ollar as nubes dende dentro e dende arriba.

Fernando Fuentes, un dos iniciadores da asociación, destaca que o perfil dos asistentes ao congreso é moi variado, dende meteorólogos a moitísimas persoas que -coma el- está simplemente interesada nas nubes: "O perfil é moi variado: músicos, pintores, amantes da natureza... No primeiro congreso convidamos dous meteorólogos -Martín Barreiro e José Miguel Viñas- e destacan que unha das sorpresas máis agradables que levaron era que o encontro non estivese organizado por meteorólogos, senón por un grupo de xente moi transversal. A meteoroloxía é moi importante, sempre incluímos varias charlas técnicas, pero queremos facer fincapé tamén na creación cultural". 

"O camiño da arte está sempre cheo de nubes. No congreso anterior  José Miguel Viñas, que tamén intervén este ano, ofreceu unha charla sobre a presenza das nubes en cadros de Velázquez e de Goya o que significaban", engade Germán Díaz, outro dos fundadores da entidade. Para Díaz, a atracción polas nubes "é algo común ao ser humano, mirando ao ceo, un emociónase. A calquera persoa que lle preguntes, dirache que lle gustan as nubes e son moitos os que unha vez que ven que existe un congreso así deciden apuntarse e nos din que eles tamén miran as nubes habitualmente". 

Fuentes salienta que "aínda que temos charlas moi interesantes, seguramente o momento máis bonito do congreso é cando nos xuntamos todos para dar un paseo e observar as nubes, acompañados por expertos en física ou en meteoroloxía que nos explican que estamos vendo". "Por exemplo unha vez puidemos conectar cun satélite meteorolóxico que xusto estaba pasando por aí e puidemos ver as nubes dende abaixo e dende arriba", engade.

Miramos menos ao ceo que antes? "Si, e máis agora que proliferaron os smartphones", di Fernando Fuentes. "Eu teño amigos que pasan todo o día mirando o móbil a ver que tempo vai facer, cando hai veces que é tan sinxelo como mirar ao ceo. E cuns mínimos coñecementos que antes nos transmitían os nosos avós, ti sabías se ía chover, se viña unha treboada ou se estaba cambiando o tempo", engade. Germán Díaz, que dende hai uns anos vive na Terra Cha, sinala que "eu vivo no rural e aquí a xente segue mirando ao ceo, e sabe se unha nube trae chuvia ou se significa outra cousa. A xente aquí segue tendo ese coñecemento, o que pasa é que agora obviamente hai máis distraccións, miramos para o móbil en canto temos un minuto libre".

Cales son os mellores lugares para ver nubes? Germán Díaz explica que "en Galicia hai moito nimbostrato, que é esa nube da que chove e chove e chove. Pero en Sarria no congreso anterior puidemos ver o desenvolvemento completo dun cumulonimbo, como se ía formando ao lonxe unha treboada". "Dependendo do momento do ano hai un determinado tipo de nube e cada lugar ten nubes singulares, por exemplo a costa de Galicia é tamén un bo lugar para velas", engade.

E os organizadores do Congreso son máis de cirros ou de cúmulos? Teñen algunha nube favorita? Fernando Fuentes recoñece que "a min as que máis me gustan son os cirros, porque son quizais as nubes máis fráxiles, as que menos duran tamén. Pero á vez son tamén unhas das máis fermosas pola súa natureza filiforme e moi sutil. Son tamén as máis altas e as que teñen máis cantidade de xeo, o que fai que algunhas veces se poidan ver coreadas". Germán Díaz coincide: "Gústanme moito os cirros e os cirrocúmulos, a verdade. Dediqueilles mesmo unha canción. É unha nube moi sutil, moi efémera e moi delicada". Díaz explica que hai nubes moi bonitas: as asperitas, que foron recentemente incorporadas pola Organización Meteorolóxica Mundial ao Atlas Internacional de Nubes, son moi impresionantes. Tamén a mammatus ou a Morning Glory. Pero os cúmulos de toda a vida tamén son preciosos".

Cúmulos sobre a Ría de Vigo CC-BY-SA contando estrelas
Cúmulos e cúmulonimbos CC-BY Álvaro Ibáñez
Cumulonimbos CC-BY-SA Petr Hykš
O ceo, cuberto de estratos CC-BY-NC-ND CPGXK
Cartel do congreso, que terá lugar en Sarria © Asociación Ibérica de Observadores de Nubes
Participantes na segunda edición do congreso, celebrado hai dous anos en Sarria © Asociación Ibérica de Observadores de Nubes

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.