Unha ruta polo Vigo galeguista homenaxea o sábado a Miguel Barros

Miguel Barros Dominio Público CxG

O propio político será o guía dun percorrido que inclúe a Imprenta Compañel, a casa de Olimpia Valencia, a sede de El Pueblo Gallego, a casa de Celso Emilio Ferreiro ou o bar Elixio

Miguel Barros (Cotobade, 1944) recibirá o próximo sábado día 16 unha homenaxe en Vigo que incluirá unha ruta polos puntos máis significativos do galeguismo na cidade da que el mesmo será o guía. Organizada por Compromiso por Galicia, partido no que agora milita o histórico galeguista, está aberta á participación de calquera aínda que non sexa afiliado desa formación.

Segundo informa Compromiso por Galicia, a ruta comezará ás 10.30 horas cun café de benvida e un percorrido que incluirá a Imprenta Compañel, a Casa Galega da Cultura, a casa de Olimpia Valencia, a Fundación Penzol, a Sede de El Pueblo Gallego, a casa de Celso Emilio Ferreiro ou o bar Elixio. Posteriormente terá lugar un cruceiro pola ría de Vigo con xantar a bordo. O prezo de toda a xornada é de 25 euros e para anotarse é necesario enviar previamente un correo a vigo@compromiso.gal

Barros, mestre de primaria, foi un activo mobilizador do colectivo no franquismo,  deputado do PSdeG no Parlamento de Galicia entre 1981 e 1993 e concelleiro en Vigo. Deixou o PSOE en 2006 e nos últimos anos militou en CxG, polo que mesmo foi candidato á alcaldía de Vigo. É tamén doutor en Ciencias Políticas cunha tese sobre Ramón Piñeiro e a revisión do nacionalismo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.