Setembro de libros: O rei dos monstros

Tres das obras máis coñecidas de Maurice Sendak Dominio Público Praza Pública

Cando fan cinco anos desde que nos deixara Maurice Sendak (Brooklyn, 1928) cómpre celebrar o legado que construíu para a literatura universal. Podemos atopar máis de media ducia dos seus álbumes ilustrados e outros dos seus traballos editados por Kalandraka, entre os que destacan clásicos como Onde viven os monstros, Na cociña de noite, Máis alá da fiestra ou Osos, boa mostra dun xeito de ver e contar o mundo e as súas sombras que devén nun universo artístico clarescuro, permanentemente en conflito, situado na entrevisión do coñecido e ganduxado inevitablemente pola mirada emocional.

O universo Sendak resulta sempre profundo e inquietante, fermoso e non compracente, máis afincado no pesadelo e no que se transparenta que na solidez das certezas. O autor, profundamente marcado por unha infancia atravesada pola enfermidade e o desexo de descuberta dun contexto histórico en convulsión, afonda nas pantasmas do mundo visto desde a casa, desde o doméstico familiar como escenario intrigante e instigador de acontecementos extraordinarios.

Sendak foi quen de trazar un camiño para axudarnos a coñecer e convivir cos nosos

Así, a cama na que dan comezo os misterios da escuridade, a fiestra como lugar que é limiar de dous mundos, a noite sobre o suxeito, a posibilidade de regresar ou permanecer e a necesidade de dominar o temible, conviven en textos que alimentan non só a curiosidade e a sensibilidade literaria e estética infantil senón tamén a confianza no poder da diferencia e a elección, a indagación no propio eu, a contigüidade coa soidade e a necesidade de observar e comprender as ambivalencias que a vida propón.

Ignoro se Sendak era, como Max, o neno que puxo o disfraz de lobo, o rei dos seus propios monstros, pero foi quen de trazar un camiño para axudarnos a coñecer e convivir cos nosos. Que non é pouco

 

Tres das obras máis coñecidas de Maurice Sendak Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.