DE LIBROS | No ventre da balea

Capa do libro de Vanesa Santiago Dominio Público Praza Pública

A segunda novela de Vanesa Santiago (Sada, 1983) chega da man do Premio Illa Nova para menores de 35 anos que convoca a editorial Galaxia. Neste libro, que pode ser de viaxes mais, sobre todo, de viaxeiros, a narrrativa de Santiago acóllenos dentro de si nunha literatura convertida en lugar, en tempo, en ensoñación. A de Marcelo Firmamento, personaxe infatigable que, na procura do pai ausente, desenvolve un periplo onde se tecen historias de mar e mariñeiros.

O lector desenvolve, así, un exercicio de inmersión no ventre da balea que é a novela, porque dentro dela existen obxectos impensables e extraordinarios e porque ten o poder de bambear a quen le cun movemento continuo e protector, como imaxino que debe sentirse a xema do ovo dentro da casca. Cun estilo de miniaturista e absoluta precisión no achado da palabra, a autora sabe poñer o derradeiro nó a cada fragmento para pechar a rede da historia e das historias que poboan o ronsel de personaxes sobre a auga.

É o libro de Marcelo Firmamento, personaxe infatigable que, na procura do pai ausente, desenvolve un periplo onde se tecen historias de mar e mariñeiros

Se cadra podería dicirse que é un libro contado, non escrito, onde conviven como parentes naturais o extraordinario e o común dentro dese universo do posible que se estira e se comba inexplicable como un mar descoñecido pola superficie dun mundo que é o noso e non. Destaca en especial esa vontade de que o contado chegue ao lector como intuición, non como relato, o que colma de engado ao conxunto. Para non deixar de navegar.

 

Capa do libro de Vanesa Santiago Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.