Peter Greenaway, protagonista do Curtocircuíto 2017

Peter Greenaway CC-BY-SA Valerij Ledenev

O cineasta galés Peter Greenaway será o convidado especial da edición 2017 do Curtocircuíto, que comeza o vindeiro 1 de outubro en Compostela. Considerado unha das personalidades máis excéntricas do cinema británico e recoñecido pola súa persoal interpretación da realidade, é autor de filmes coma O contrato do debuxanteO ventre do arquitecto ou O cociñeiro, o ladrón, a súa muller e o seu amante. Con formación como pintor e muralista, os seus traballos recollen tamén a influencia da pintura renacentista e barroca e dos mestres flamencos, como queda demostrado na súa serie de videocreacións Nine Classical Paintings Revisited, na que afonda en obras de Rembrandt, Da Vinci ou Veronese, entre outros. 

O seu cinema “combina a personalidade do cinema experimental coa accesibilidade das propostas máis narrativas"

Greenaway é “un cineasta que, partindo da pintura, é quen de desenvolver todas as súas inquedanzas formais nunhas primeiras obras experimentais nas que desenrolou unha linguaxe que foi evolucionando a un cinema máis narrativo e accesible para todos os públicos. Esta versatilidade convérteo nun dos directores máis destacados na década dos 80 e os 90”, destaca Pela del Álamo, director do festival.

Segundo o director de Curtocircuíto o seu cinema “combina a personalidade do cinema experimental coa accesibilidade das propostas máis narrativas. El é quen de combinar, como poucos cineastas contemporáneos, esas dúas vertentes. A súa formación interdisciplinaria encaixa á perfección co carácter interdisciplinario ao que tende, ano tras ano, Curtocircuíto”.

O nome de Greenaway súmase así ao doutros directores ilustres que visitaron o festival en edicións anteriores, como Aki Kaurismaki, Jorgen Leth e Abel Ferrara, e, ao igual que eles, participará nun encontro co público o sábado 7 de outubro no Teatro Principal. Nese evento, o director empregará fragmentos das súas películas para realizar un percorrido pola súa filmografía, ao tempo que responderá ás preguntas do público.

Greenaway participará nun encontro co público o sábado 7 de outubro no Teatro Principal

A presenza de Greenaway únese a doutros cineastas habituais do circuíto internacional, que teñen películas seleccionadas na competición, como o galego Lois Patiño (quen estrea en Galicia a súa última obra Fajr), Jessica Sarah Rinland, Gabriel Abrantes, Jennifer Reeder, Yann González, Rainer Kohlberger, Rosa Barba, Ben Rivers, Mike Holboom (quen foi o protagonista da retrospectiva do festival en 2014) ou Salomé Lamas. Unha escolma representativa da heteroxénea escena audiovisual galega tamén formará parte do elenco presente nesta décimo cuarta edición, con traballos de cineastas como Adrián Canoura, Jaione Camborda, Tono Mejuto, Diana Gonçalves, Claudia Costafreda, Noemi Chantada, Marcos Flórez, Lois Patiño, Iván Nespereira e Fon Cortizo. A eles hai que engadir á compostelá Helena Girón, quen co-dirixe xunto a Samuel Delgado Plus Ultra, obra estreada no pasado festival de Locarno que compite na sección Radar.

 

Proxección en Venecia de 'As vodas de Caná' de Greenaway CC-BY Jean-Pierre Dalbéra
Peter Greenaway CC-BY Andrea Mancini

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.