15 nomes para o 15ª Festival de Cans

Este mércores comeza a 15ª edición do festival © Festival de Cans

Este mércores comeza unha nova edición do Festival de Cans, a número 15, que un ano máis volverá atraer a esta parroquia do Concello do Porriño milleiros de persoas e máis dun cento de realizadores e realizadoras, convertendo Cans nun escaparate da creación audiovisual galega. Unha festa popular do cinema que terá o sábado o seu día grande, pero que xa dende este mércores comeza a ofrecer unha variada programación. Proxeccións, coloquios e música son os tres pés dun festival que é, sobre todo, divertido. Unha forma de espallar sorrisos. Velaquí van 15 recomendacións, 15 nomes aos que seguir nesta nova edición do festival.

Fernando Trueba, Gracia Querejeta e Chelo Loureiro

Por Cans pasou nestes últimos 14 anos anos o mellor do cinema galego e español. O éxito dos encontros con directores en edicións anteriores motivou que este ano se conte por primeira vez con dous coloquios en lugar de un. Estarán protagonizados por Fernando Trueba (sábado ás 12 horas) e Gracia Querejeta (sábado ás 17 horas), que pasarán polo Espazo Mahou da Leira de Alicia e tamén inaugurarán a súa estrela no Torreiro de Cans. Ademais a Asociación Arela decidiu concederlle nesta edición o Premio Pedigree 2018, o seu máximo galardón honorífico, á produtora Chelo Loureiro, imprescindible na construcción do audiovisual galego nas últimas dúas décadas. Será o venres ás 22.30.

'O Bichero' de Luís Davila

O venres ás 20.30 terá lugar a inauguración da exposición retrospectiva de O Bichero de Luis Davila, que inclúe algunhas creacións nas que o festival é protagonista. O morraseiro é un dos debuxantes máis populares do país e arrinca sorrisos diariamente coas súas tiras no Faro de Vigo, que tamén se recollen en álbumes de cómic e son compartidas sen descanso nas redes sociais.

O cine galego que virá

A sección A que andas? permitirá descubrir os guións en proceso de Borja Cobeaga, Olga Osorio, Roi Fernández e Laura Villaverde, Ángeles Huerta ou Roque Cameselle entre outros e outras cineastas. Será o venres ás 13 horas. Saberemo por exemplo algo máis de María Soliña 2.0, o novo filme de Ignacio Vilar. Vilar recupera neste filme a historia de María Solinha, canguesa condenada pola Santa Inquisición no século XVII, acusada de bruxería.

Olla un anaco destes filmes antes que ningúen

Algo semellante permite facer a sección Fillas e fillos de Cans (venres ás 16.30), na que realizadores/as e guionistas que xa pasaron polo festival en anos anteriores amosan algunhas imaxes dos filmes que teñen en proceso, xa preto do seu remate. Neste caso, poderemos ver o proceso ou imaxes inéditas de filmes tan esperados como La sombra de la ley (de Dani de la Torre), Arima (de Jaione Camborda), Nación de muchachos (de Javi Camino), Sad Hill Unearthed (de Guillermo de Oliveira), Tempo vertical (de Lois Patiño), 3 (de Blas Lamazares) ou Trote (de Xacio Baño), na imaxe. Trote ten lugar na fin de semana da Rapa das Bestas; con guion do propio Xacio Baño e de Diego Ameixeiras, foi seleccionado no programa de residencias Ikusmira Berriak que promove o Festival de San Sebastián.

Contra o lume

O pasado outono o lume arrasou unha parte importante do país e provocou un gran debate público sobre as súas causas e as políticas públicas aplicadas para previlo e combatelo. A sección especial Contra o lume amosará o sábado ás 10.30 horas diferentes pezas audiovisuais que convidan á reflexión crítica permanente sobre o futuro dos montes e do noso territorio. Entre elas está As Neves, zona 0, de Adrián González, veciño da propia localidade. Un percorrido desolador por un Concello arrasado polo lume, coa terra índa fumegando e as brasas no chan. Vivendas devoradas polo lume, negocios arrasados e persoas devastadas, co esforzo dunha vida enteira reducido a un puñado de cinza.

Roteiros con Xurxo Souto e Carlos Meixide

Carlos Meixide conducirá un roteiro cinéfilo-literario o mércores, xoves e venres pola mañá. O sabado Xurxo Souto guiará outro no que a música será a protagonista, acompañado das Pandereiteiras de Cans, Os Zoqueiros, os Acordecans ou a Banda de Música de Rubiós. 

A noite dos videoclips

Nos videoclips música e audiovisual (dúas das grandes protagonistas do festival) van da man. O xoves pola noite o xornalista Eduardo Herrero presentará a gala na que se proxectarán (e escoitarán) os 18 finalistas, entre os que se atopa este "Papá Borracho" de Ataque Escampe, dirixido por Mar Catarina. Ademais Cans acolle a primeira retrospectiva dos videoclips dirixidos por Rubén Domínguez, figura esencial do underground galego como músico, realizador e deseñador. Irá unida a un concerto de Pantis, o seu proxecto de pop electrónico.

MiniCans

Os e as máis pequenas da casa tamén son protagonistas e converten Cans en todo un parque de atraccións durante os días que dura o festival. Este ano a programación específica esténdese dende o venres á tarde a todo o sábado con música, proxeccións, maxia, obradoiros... Destaca a selección de curtas de animación producidas por Chelo Loureiro ou o concerto de Magín Blanco. Ademais, a actividade Cans do Futuro traerá cada día a 200 escolares ao Festival, e a rapazada participará cos seus deseños en Debuxa Cans.

Concertos e máis concertos

De Burning a Triángulo de Amor Bizarro, de Tanxugueiras a De Pedro, de Pardo a MounQup, de Familia Caamagno aos xa comentados de Magín Blanco ou Pantis... A música non parará en Cans, especialmente o venres e sábado pola noite. Ademais, haberá Sesións Discochimpín protagonizadas polos DJs David Van Bylen e Rafa Morcego.

Cans & Cadelas

“Cans & Cadelas" é a canción do festival nesta 2018. Composta por Magín Blanco, e interpretada a dúo con Uxía e coa colaboración de As Mosas, poderase escoitar nos catro días que dura o evento. "O can de Cans, tachán-tachán, anuncia que chega o verán, vai rematando a primavera, mudando de can a cadela" di a canción que borboriñando: "O que pasa en Cans, queda en Cans". Xa sabedes! 

Este mércores comeza a 15ª edición do festival © Festival de Cans

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.