0 Gardados para despois

"O sistema galego de axudas ao teatro crea unha dependencia absoluta porque xera comodidade"

Montse DopicoMontse Dopico | @montsedopico


En salas de teatro e danza como a Ensalle -ou como as desaparecidas Galán ou Nasa- é máis importante o que se xera que o que se exhibe. O intercambio entre compañías, os espectáculos que xorden das residencias artísticas e técnicas, a investigación, a exploración de novas linguaxes, as oportunidades para exportar a cultura galega. Para consolidar todo isto, Ensalle vén de lanzar o proxecto .Exe, con financiamento de Agadic. Falamos con Pedro Fresneda sobre esta iniciativa e, sobre todo, sobre políticas teatrais.

O proxecto .Exe parece, basicamente, un xeito de darlle estabilidade a algo que xa viñades facendo…

Si, é unha cristalización. A Sala ten cinco compañías residentes, que son tres de danza -Provisional Danza, Pisando Ovos y Cielo Raso-, e dúas de teatro, Anómico Teatro e nós mesmos. Compañías de Galicia, de Madrid e de Euskadi…, desde Pisando Ovos, que levan tantos anos, ata Anómico, que é nova. Outras dez formacións realizaron residencias técnicas ou artísticas no Teatro Ensalle no 2016.

Pasou, ademais, que as cinco residentes fixas de Ensalle foron seleccionadas este ano en circuítos estatais e algunhas en circuítos internacionais. Cielo Raso foi a compañía máis votada no circuíto 2017 da Red de Salas Alternativas no apartado de danza, Provisional Danza foi a segunda máis votada neste mesmo apartado, Ruth Balbís foi seleccionada pola rede para o proxecto de distribución de danza para público infantil 2017, Anómico Teatro pola Red de Salas Alternativas para realizar a xira de residencias que en 2017 propoñen o INAEM e a RED, e nós mesmos acabamos de chegar dunha xira por México e Chile.

“As cinco residentes fixas de Ensalle foron seleccionadas este ano en circuítos estatais e algunhas en circuítos internacionais”

Aquí pasan cousas, mais seguía a ser difícil explicarlle á administración que somos un punto de entrada e saída que xera todo iso... Temos moita relación co teatro estatal e vemos que, por exemplo, un proxecto que apadriñas no Vigo en Bruto comeza a funcionar por si só… O ano pasado tivemos 120 días de residencia, e este ano 130, dos que saíron 14 estreas, algunhas no CDG, algunhas aquí, outras fóra de Galicia… E o que ocorre con todo este movemento é que non se ve: o público non o ve e a administración tampouco. Por iso decidimos presentar un proxecto, no que este ano entrou Agadic, pero que tamén lle presentamos por exemplo á Deputación de Pontevedra por se pode interesar.

Na práctica, o que pon Agadic é cartos…

Si, pon un diñeiro para que o proxecto siga a desenvolverse. O noso funcionamento vai ser o mesmo que ata agora. Non van ser convocatorias públicas nin nada así. Vamos seguir a facer unha escolla segundo criterios artísticos. Mais o máis interesante é que por primeira vez Agadic entende a creación en proceso como algo importante. Sempre se traballara coas axudas á produción, á exhibición… con proxectos rematados.

Na sala Ensalle, como foi na Galán ou na Nasa, é máis importante o que se xera que o que se exhibe. E esa é a cuestión. En Vigo, ademais, está a ESAD, e iso crea un caldo de cultivo. Igual que foi coa Galán ou coa Nasa, como dicía. De aí xurdiron profesionais coma Marta Pazos e tantos outros. Exhibición e creación van da man. O público pode ver o proceso e non só o resultado acabado.

"Na sala Ensalle, como foi na Galán ou na Nasa, é máis importante o que se xera que o que se exhibe. E esa é a cuestión"

Si, lembro a Marta Pazos a dicir que ela comezara a ver na Galán o tipo de espectáculos que despois comezou a facer…

E non é só iso. É que non temos a porta de atrás dos teatros. Se está aquí Mónica Valenciano, podes vir ver a súa peza. Pero ademais, se quedas despois, vas poder coñecela e estar un anaco con ela. E ese contacto entre profesionais que crearon a súa propia linguaxe e xente que empeza, que quere atopar a súa propia linguaxe pero que non sabe por onde comezar, é moi importante, e dáse neste tipo de espazos. E é un vector de modernización. O relevante, como comentaba antes, é que unha estrutura férrea coma Agadic abra a súa mente e todo iso se consolide. Porque cando tes 15 funcións ao ano, non é que traballes só 15 días. É que traballaches 150 días para despois poder facer só 15 funcións…

“O relevante é que unha estrutura férrea coma Agadic abra a súa mente e todo iso se consolide”

Jacobo Sutil inseriu a colaboración con esta iniciativa “na liña de traballo” de Agadic con  “outros programas similares, como as Residencias Paraíso de danza” ou... as do Centro Dramático Galego!. Iso di a nota de prensa da Xunta. Soa un pouco raro. Como se fose o mesmo cunha compañía privada que co Salón Teatro.

Si, a nós tamén nos soa raro. Supoño que non podes pedir que todo o mundo entenda todo á primeira. O ideal é que o modelo se estenda a outras cidades, que non sexamos nos sós. E sei que hai outra xente traballando en proxectos semellantes. A dificultade é que as administracións entendan algo que non sexa estritamente numérico. Nós estivemos un mes en México e Chile e, na nosa ausencia, a sala seguiu a funcionar.

“O ideal é que o modelo se estenda a outras cidades, que non sexamos nos sós”

As compañías que traballan nela organizáronse, tomaron o espazo como seu. Catorce anos de traxectoria nótanse. Son varias compañías a tirar do carro. Pisando Ovos fixo a súa primeira función na Ensalle e agora son coñecidos en todos os lados. Cando proxectos coma ese nacen arroupados, nacen sen medo, máis abertos, máis distanciados do teatro clásico, por non falar de linguaxe escénica, que é moi diferente da do macroteatro galego.

Non sei se falar hoxe de macroteatro galego ten moito xeito…

Para min que che dean unha axuda á produción de 50.000 euros, que estrees nun espazo público e que xires por unha rede pública si é falar de macroteatro. É un sistema teatral, o galego, que crea unha dependencia absoluta, porque xera comodidade. E sei que hai xente á que lle amola que diga isto. Pero é indecente que para unha soa produción poidan darlles ata 50.000 euros e que para a actividade que ten unha sala coma a nosa, ou como tiña a Galán, o máximo sexan 30.000 euros. É un dos trazos dun teatro que está moi ligado ao público, que é moi difícil de exportar… Nós levamos perto de 200 funcións fóra de España. Porque facemos un teatro dinámico, flexible, áxil para mover.

“Hai unha cultura galega e é moi bonito que se mesture con outras e que outras se mesturen con ela. A cultura non pode ter fronteiras”

E odio enfrontar o teatro clásico e contemporáneo, pero é unha cuestión estrutural. Creo que hai que exportar a cultura, porque hai unha cultura galega e porque é moi bonito que se mesture con outras e que outras se mesturen con ela. A cultura non pode ter fronteiras. E pouco a pouco hai que ir modernizando estruturas. Ao espectador contemporáneo hai que ofrecerlle, ademais, algo novo cada día. Traballos que todos os días son diferentes, que non son algo estático, rematado.

"É indecente que para unha soa produción poidan darlles ata 50.000 euros e que para a actividade que ten unha sala coma a nosa, ou como tiña a Galán, o máximo sexan 30.000 euros"

Lembro falar con Xesús Ron, cando aínda existía a Nasa, de que ás veces o que se precisaba non eran axudas á produción ou á distribución, senón por exemplo un espazo para facer un obradoiro do espectador…

Si, pero eu creo que aí hai que distinguir de que estamos a falar. Estou a pensar, por exemplo, nunha función que fixo Rodrigo García nunha sex-shop. Cabíanlle 20 espectadores. Se o que queres é facer teatro comercial e conseguir unha cantidade grande de público, vas precisar un tipo de espazo. Nós en Chile puxemos un límite de 200 persoas, por exemplo. Precisamos unha achega económica porque o que facemos non é rendible, non somos autosuficientes en termos económicos. Pero é que tampouco foi rendible a curto prazo a Capela Sixtina, por exemplo.

“Hai un tipo de arte á que non podes esixirlle un resultado en termos meramente numéricos”

Hai un tipo de arte á que non podes esixirlle un resultado en termos meramente numéricos. Se é un traballo creativo, de investigación, as esixencias teñen que vir doutro sitio. Ten que haber alguén que mire a calidade artística e que saiba dicir se isto é unha copia de Rodrigo García ou se é algo orixinal, por exemplo. Se temos un teatro, un programa de residencias, unha compañía, unha xira nacional e unha xira internacional podemos falar dos números que se xeneran. Pero, canto custa todo iso? Canto devolvemos en forma de impostos? Non se trata de que che paguen o 100%, pero si de que che axuden e de que sexan un pouco flexibles.

"Ten que haber alguén que mire a calidade artística e que saiba dicir se isto é unha copia de Rodrigo García ou se é algo orixinal, por exemplo"

Matarile quedaron sen axuda unha vez, segundo denunciaron, porque non estrearan ese ano.

É un exemplo. Que non estrees un ano non significa que esteas na casa sen facer nada. Porque estás investigando, buscando cousas novas… O sistema ten que ser máis flexible. Na nosa compañía somos catro persoas que pasamos todos os días 6 horas cada un facendo papeis. Pasas seis meses ao ano pedindo axudas e seis meses xustificándoas. Se todo o tempo que pasamos coa burocracia puideramos estar no teatro, o nivel da nosa compañía sería moito mellor. A situación obríganos, ademais, a unha autoexplotación constante. Saír do teatro ás dez da noite despois de chegar cedo pola mañá…

"Pasas seis meses ao ano pedindo axudas e seis meses xustificándoas"

Ao que me refería antes é a que o tema das residencias temporais de creación é unha reivindicación vella do sector. -Penso que agora no CDG volven facerse máis-. Que é unha cousa distinta ao sistema de residencias no que unha compañía xestiona un espazo público ou semipúblico organizando a súa programación, a propia e a das outras. Que daría, tamén, moito poder a unhas poucas…

Houbo un tempo no que todas as compañías defendían iso: dáme un espazo, que eu xa o xestiono. E nós diciamos: mellor quítanos un espazo… Porque iso pode ser unha trampa que acabe coa compañía. Imaxina que che dan un teatro para xestionar e que non tes recursos humanos, nin técnicos, nin nada. Imaxina un teatro como o de Caixanova. Como pagas o mantemento? Como pagas ás compañías? Como pagas o persoal? Se ademais de cederche un espazo non che dan 300.000 euros, a ver como fas. Ou volvemos á taquilla? Nós temos uns 40 espectadores de media. E iso neste país é unha cifra fabulosa. Teño estado de público no Salón Teatro con 20 persoas máis ou menos.

"Nós temos uns 40 espectadores de media. E iso neste país é unha cifra fabulosa. Teño estado de público no Salón Teatro con 20 persoas máis ou menos"

Para resumir, en que consistirá .Exe, indo ao concreto? Di Agadic que o obxectivo é realizar un mínimo anual de 80 días de residencia artística ou técnica de compañías distintas á Ensalle, ofrecer 20 días de programación para formacións galegas de nova creación, impulsar a xira estatal das mesmas...

.Exe ten este ano 17 compañías en residencia. Unhas veces a residencia vai ligada á estrea en Ensalle e outras prodúcese fóra, e con nós é só residencia artística e/ou técnica. Temos distintas modalidades. E a contraprestación que recibiu Ensalle foi sempre nada. Nin un peso. Que nos gustaría facer agora? O obxectivo final é que se xere o diñeiro suficiente para que unha persoa se dedique ao proxecto, que se sufrague o gasto que as residencias lle supoñen á sala: recursos humanos, técnicos, luz…, e poder pagarlles ás compañías. Que polo menos non teñan que preocuparse polos gastos de aloxamento e comida…

“O obxectivo final é que se sufrague o gasto que as residencias lle supoñen á sala e poder pagarlles ás compañías”

Poder dicirlles: vén unha semana para aquí e pagámosche tal cantidade. Agora imos ter, por exemplo, a Fumboa. Tiñan unha idea, pero non tiñan espazo para ensaiar, nin axuda á produción, nin feedback, porque ás veces o que precisas tamén é que alguén vexa os ensaios e despois debata contigo sobre o teu proxecto. Pois nós dixémoslles: pois vide uns días para aquí. E coma Fumboa moitos. A Prácido Domingo coñecémolos desde nenos…

Estiveron en Santiago no Festival Herdanza e deixaron o público abraiado.

Prácido Domingo estiveron e van volver este ano… Lina Pérez é outro exemplo. Facía teatro comunitario, acababa de saír da ESAD non sendo xa tan nova… e ninguén lle facía caso. Nós dixémoslle que, coas cousas marabillosas que fai, tería que dalas a coñecer nun teatro… Con Anómico facemos tamén traballo de asesoramento: explicarlles como se pide e xustifica unha axuda… O tipo de apoio que nós non tivemos cando empezamos.

"Lina Pérez é outro exemplo. Facía teatro comunitario, acababa de saír da ESAD non sendo xa tan nova… e ninguén lle facía caso"

Mais polo noso teatro pasa tamén xente de fóra de Galicia, coma Carmen Werner, ou Mónica Valenciano... Xente que vive noutra cidade, lonxe, e que aquí teñen unhas condicións de traballo que non teñen onde viven. Así créase, ademais, un intercambio entre compañías galegas e doutros lugares. Ensalle e .Exe é un contedor, unha mestura de ingredientes da que saen comidas moi saborosas, feitas con agarimo.

Tivemos en residencia a Mónica Valenciano e viñeron vela estudantes da ESAD. Houbo unha residencia aberta e despois un coloquio de hora e media. Tiñas que ver como a miraban… Ademais, unha cidade pequena coma Vigo ten as súas vantaxes. Se está aquí uns días Andrés Corchero, vai acabar atopándose con boa parte da xente da cidade que está a traballar coas novas linguaxes da danza… Das 17 compañías deste ano saíron 14 estreas. A idea é que saian sempre unhas porcentaxes mínimas. Pero é que ademais hai que ter en conta que é o que sae. A primeira función grande de Daniel Abreu foi en Ensalle. A segunda foi en coprodución co CDG, porque lles encantou.

“Temos xente que vive noutra cidade, lonxe, e que aquí teñen unhas condicións de traballo que non teñen onde viven”

Acabades de estrear Procedimientos ante el vacío. Que é o inesperado, o baleiro… Que é?

Tivemos un proceso de creación con Mónica Valenciano que se fixo en dúas semanas e que amosamos dous días. Ela quedou encantada. Comezamos a pensar en xiralo. Temos dous músicos en directo, David Santos e Nacho Muñoz. E estamos nós: Raquel Hernández, Artus Rei e eu, en escena. Collimos o que xa traballaramos con Mónica e creamos sete ítems. A particularidade é que, cada vez que facemos a peza, a orde dos ítems cambia. E nós nunca sabemos cal vai ser.

Chegou un punto no que o espectador se decata de que o que está a ver nunca vai ser igual, aínda que volva ver a obra. Por iso o inesperado. E o baleiro pola sensación que temos antes de empezar cada función, porque sempre é distinta, irrepetible. É coma unha creación en directo, pero pautada. Sete momentos que se intercalan de maneiras distintas. Para ser honesto, eu estaba morto de medo cando empezamos… Non é algo que se fixese moito antes, nin que faga moita xente. Pero o público volve porque sabe que a próxima vez será distinta…

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.