Arqueólogos da Xunta atopan un dolmen en bo estado e non inventariado en Friol

Imaxe do dolmen de Friol Dominio Público Xunta de Galicia

“Conserva a planta na súa integridade, sendo uns dos dolmens mellor conservado de cantos se coñecen na provincia de Lugo", salienta a Consellería de Cultura

A Consellería de Cultura informou este luns de que os seus arqueólogos veñen de identificar un dolmen “en excelente estado de conservación” nun monte veciñal da parroquia de Vilalvite, en Friol. Segundo o goberno galego, a existencia dos restos no monte foi comunicada ao Servizo de Patrimonio de Lugo por persoal da brigada da Consellería do Medio Rural da zona.

Segundo a descrición da Xunta, o dolmen ten unha altura de 1,20 metros, un diámetro de 6,30 metros no eixo norte–sur e conserva menos dun metro de altura, cunha estrutura composta por sete esteos chantados, unha lousa de cuberta e un oitavo chanto actualmente depositado no chan, que puidera corresponder a outra lousa de cuberta, segundo Cultura. A entrada está orientada cara ao leste-nordeste. Ademais, a lousa de cuberta ten 1,90 metros no eixo norte–sur e 1,50 metros no eixo leste–oeste e o seu grosor oscila entre os 30 e os 17 centímetros. “Está algo desprazada da colocación orixinal, presentando unha lixeira inclinación cara ao sur”, indica a Xunta.

En Friol hai arredor de 250 túmulos inventariados

O Goberno galego salienta que os seus arqueólogos estudarán os achados para tratar de recabar toda a información precisa e iniciarán o proceso para incluílo no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia. Nos últimos días, engade, completáronse os labores de limpeza da maleza que cubría o xacemento, nos que participou unha brigada do Concello de Friol. Desta forma, o dolmen queda visible e accesible para o público.

A Xunta indica que o dolmen “conserva a planta na súa integridade, sendo uns dos dolmens mellor conservado de cantos se coñecen na provincia de Lugo” e salienta que no concello de Friol existen arredor de 250 túmulos similares inventariados, de entre os que destacan o conxunto de Narla, con “algún de ata 60 metros de diámetro, e mesmo o dolmen da Capela do Vieiro, non moi lonxe do que agora foi atopado”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.