0 Gardados para despois

O Festival de Cine de Ourense proxectará 77 filmes de 23 países

Redacción | @prazapublica

Este mércores presentouse no Centro Cultural José Ángel Valente a programación completa da vixésimo segunda edición do Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF), que se celebrará do 20 ao 27 de outubro na cidade das Burgas. O festival proxectará 77 películas de 23 países distintos, con 19 filmes nas seccións competitivas. E entre elas haberá 15 pezas de directores e directoras galegas como José Manuel Mouriño, Carmen Bellas, Aser Álvarez, Andrés Goteira, Manuel Lógar, Héctor Carré, Sara Casasnovas, Jaione Camborda, Iván Nespereira, Hugo Amoedo, as Also Sisters e Ángel Santos.

O director do OUFF, Fran Gayo, destacou a intención da organización de "non aumentar o festival no número de filmes, pero si despregalo ante a cidadanía" porque "un festival sen renovación de público o único que fai é envellecer e, co paso do tempo, só pode rematar sendo un festival enfermo". Este ano o OUFF enriqueceu a súa programación paralela, ofrecendo máis de 20 actividades fóra das salas pero en diálogo constante coa proposta cinematográfica do festival. Máis aló da participación de directores e directoras en encontros e debates nos que compartirán as súas experiencias, a aposta do festival é "achegar o cinema ao público dende diferentes vertentes artísticas e lúdicas". Deste xeito, presentaranse proxectos literarios e artísticos como Nueva Galicia ou El rinoceronte y el poeta, e os espectadores e espectadoras poderán gozar de dúas exposicións e ata cinco obradoiros diferentes, entre os que destaca a masterclass de efectos especiais que impartirá o experto arxentino Federico Ransenberg. A maiores, catro concertos alongarán o OUFF cara á noite e funcionarán de punto de encontro coa música de Soledad Vélez, Puma Pumku, Surma ou os Playback Maracas.

Destacan ademais as accións de promoción do sector audiovisual galego e dos seus profesionais que o OUFF programa coa implicación directa da Axencia Galega das
Industrias Culturais. En primeiro lugar, o III Encontro de Coprodución Audiovisual Portugal- Galicia, un evento organizado pola Agadic e o Instituto do Cinema e do Audiovisual de Portugal (ICA), que terá lugar o sábado 21 e que intensificará a súa actividade respecto ás edicións anteriores coa participación de 30 entidades e empresas de ambas as beiras do Miño. Esta colaboración estendese á posta en marcha nesta edición do programa Áncora, un foro de postprodución que se abre tamén a Portugal; del beneficiaranse catro proxectos cinematográficos, nunha fase de produción avanzada. Por outra banda, terá continuidade o programa OUFF Escola, apoiado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística no seu labor de promoción do galego nas aulas a través do audiovisual.

 

Sección Oficial

A Sección Oficial desta edición estará composta por case unha vintena de filmes que ofrecerán a súa premiere española no 22º OUFF. Países como Costa Rica, México, Arxentina, Colombia, Rusia, Estados Unidos, Austria, Noruega, Brasil, Francia ou Taiwán. Os títulos que compoñen a Competición Iberoamericana e a Competición de Operas Primas son os seguintes:

IBEROAMERICANA
Amor, amor | Jorge Cramez | Portugal | 2017 | 107'
Atrás hay relámpagos | Julio Hernández Cordón | Costa Rica, México | 2017 | 88'
Era uma vez Brasília | Adirley Queirós | Brasil, Portugal | 2017 | 98'
Esa era Dania | Dariela Ludlow Deloya | México | 2016 | 72'
La noche polar | Florencia Romano | Arxentina | 2016 | 61'
La vendedora de fósforos | Alejo Moguillansky | Arxentina | 2017 | 69'
Las cinéphilas | María Álvarez | Arxentina | 2017 | 74'
Mariana | Chris Gude | Colombia | 2017 | 64'
Señorita María, la falda de la montaña | Rubén Mendoza | Colombia | 2017 | 90'
Vermelho russo | Charly Braun | Brasil, Rusia | 2016 | 90'

OPERAS PRIMAS
69 Minutes of 86 Days | Egil Håskjold Larsen | Noruega | 2017 | 70'
Abschied von den Eltern | Astrid Johanna Ofner | Austria | 2017 | 80'
Baronesa | Juliana Antunes | Brasil | 2017 | 70'
Empathy | Jeffrey Dunn Rovinelli | Estados Unidos | 2016 | 83'
Garmonia | Lidia Sheinin | Rusia | 2017 | 62'
Kiss and Cry | Chloé Mahieu e Lila Pinell | Francia | 2017 | 80'
Los globos | Mariano González | Arxentina | 2016 | 65'
Mi último fracaso | Cecilia Kang | Arxentina | 2016 | 63'
Out there | Takehiro Ito | Xapón, Taiwán | 2016 | 142'

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.