De libros: As palabras son asombros

Os días da lebre Dominio Público Kalandraka

Edita Kalandraka Os días lebre, de Clara López, un libro de poemas con vocación de fío de acuarela que persegue o dereito e o envés do cotián. Nos quince textos que constrúen este libro, escrito para nenas e nenos, atoparemos unha ollada contemporánea sobre a escrita poética infantil: un poemario que afonda en vivencias aparentemente intrascendentes, e que se serve do verso libre e dos recursos da poesía actual para amosar a necesidade de facer unha lectura emocional da experiencia humana.

Aliteracións, xogos de palabras e xogos fónicos particularmente logrados e ben integrados no sentido e no ritmo do poema, suman efectos en versos curtos que convidan á pausa e a valorar o peso das palabras. O desenvolvemento climático e temático de cada texto e do conxunto suxire unha secuencia de diario íntimo. Dentro del a escola, o idioma, a natureza, os quefaceres habituais, as relacións entre as palabras e os significados, o tratamento intimista, sensorial e reflexivo a respecto dos hábitos, e o interese de indagar nos estados anímicos e na calidade emocional do paso dos días.

'Os días lebre' propón á nena e á adulta desenvolver a capacidade de dicir: necesito parar, observar o que acontece, ordenar o tempo

As ilustracións de Marcos Viso constitúen unha proposta visual certamente dinámica, en diálogo intenso co ton textos e de grande atractivo para o lector, nun conxunto verdadeiramente logrado de texto e imaxe que suxire un universo traslúcido, suxestivo e leve como unha acuarela.

Os días lebre propón á nena e á adulta desenvolver a capacidade de dicir: necesito parar, observar o que acontece, ordenar o tempo. O común convértese en acontecemento, e os camiños coñecidos teñen bifurcacións que nos permiten albiscar os outros lados. As palabras son asombros. Aquí un texto capaz de gañar lectores para a poesía contemporánea.

Os días da lebre Dominio Público Kalandraka

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.