0 Gardados para despois

'Xentes da Raia': O río que unía e separaba Salvaterra e Monção

Redacción | @prazapublica

A asociación Lazoiro organiza os días 20, 21 e 22 de outubro a exposición Xentes da Raia que, a través de medio cento de fotografías e unha curtametraxe, afonda nas relacións entre Salvaterra e Monção antes da construción da Ponte Internacional. Esta infraestrutura foi inaugurada hai xa máis de 20 anos. En 2015 as dúas localidades celebraron as dúas décadas da súa unión asinando un protocolo de irmanamento que incluía unha serie de compromisos de colaboración. Ese día a ponte pasou a denominarse Ponte Internacional Joâo Verde e Amador Saavedra, en homenaxe aos dous poetas locais máis representativos dunha e outra vila.

A mostra inaugurouse este venres nas Covas de Dona Urraca e chegará ata o domingo, cando está prevista (ás 17 horas) a estrea da curtametraxe realizada para a ocasión. No filme, dirixido por Gonzalo Castro Martínez, socio de Lazoiro, participan veciños e veciñas de Salvaterra e Monção. 

A curtametraxe conta cunha serie de conversas que relatan as vivencias relacionadas todos o tempo coa raia e que foron gravadas nos últimos meses. Un dos participantes foi barqueiro na fraguesía de Cortes en Monção e relata moitos de problemas que había para cruzar a Salvaterra.

Ademais de fotografías de todas as parroquias, haberá tamén diferentes espazos: Espazo Río Miño, dedicado ás relacións transfronteirizas, onde será tratada a cuestión do estraperlo. Igualmente, Espazo Alén Miño, para aquelas persoas que dende Arxentina ou doutros países enviaron correos á asociación para buscar información sobre familiares. Será posible ver tamén diferentes xornais e documentos da época.

Xentes da Raia pode visitarse de balde en horario de 10:30 a 14:00 e de 16:30 a 21:30 horas.

Na web Memoria de Salvaterra poden verse moitos dos materiais expostos nas mostras dos anos anteriores, entre eles ducias de fotografías antigas e unha decena de vídeos. No 2016 as actividades estiveron dedicadas á memoria histórica e á represión sufrida pola poboación a partir de 1936.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.