“Murguía foi consciente de que un movemento elitista como o rexionalismo era incapaz de acadar a autonomía galega”

Xosé Ramón Barreiro © Xosé Castro - RAG

Non era Murguía un home sen contradicións. Pésimo estudante, peor administrador dos seus propios recursos económicos, ser irascible e mesiánico... Mais o seu non deixa de ser “o caso máis asombroso de fidelidade a un país”, segundo di Xosé Ramón Barreiro Fernández na súa obra Murguía, que acaba de publicar Galaxia. En case mil páxinas con fotografías ata agora inéditas, o historiador reconstrúe a biografía do que foi un dos pais do nacionalismo galego, deitando luz sobre os aspectos máis escuros arredor da súa vida. Mais afonda, sobre todo, no seu inesgotable proxecto de “rexeneración” de Galicia, que abrangue o seu traballo como escritor, xornalista e creador do rexionalismo.

Unha das primeiras dificultades do historiador á hora de reconstruír a biografía de Murguía son as propias "trampas" que el mesmo foi colocando, sabendo que el e Rosalía eran "carne para a historia". Murguía ocultou, por exemplo, datos sobre a súa nai. Por que o fixo?

Naquel tempo, ser fillo natural ou que os pais vivisen separados era unha especie de “mancha social”. A culpa non foi tanto de Murguía como da sociedade.

La Primera Luz representa, segundo conta vostede na obra, o primeiro intento de levar aos libros de texto das escolas o feito diferencial galego. Ademais de ser, Murguía, tamén pioneiro na introdución da lingua como un dos elementos principais de definición da cultura galega. Como foi isto?

Porque Murguía en 1859 xa entendía que a rexeneración de Galicia tiña que vir a través da cultura.

"Murguía en 1859 xa entendía que a rexeneración de Galicia tiña que vir a través da cultura"

Murguía foi, di vostede no libro, "o creador do discurso teórico de Galicia-nación que nucleará a ideoloxía galeguista durante todo o século XIX e XX". Incorporou á súa concepción etnicista, organicista, da nación, o elemento da vontade, a conciencia de querer ser. De que xeito a súa concepción da nación chega ao actual nacionalismo?

Chega a través de Risco e Castelao, que asumiron os principios de Murguía.

A súa Historia de Galicia desafiou a interpretación esencialista de España do propio Estado liberal centralista. En realidade, esa contestación da historia oficial españolista, representada pola Real Academia de la Historia, aínda non rematou. En que medida a Historia de Galicia de Murguía pode servir aínda neste proceso?

Mantén todo o seu valor non nos argumentos empregados senón nos obxectivos marcados que son dotar Galicia dunha vontade de ser propio.

Como "pontífice do rexionalismo" que foi, tentou evitar un excesivo protagonismo de Brañas, do que o afastaba a súa ideoloxía progresista, entre outras cuestións. Mais a estratexia "culturalista" e de evitación de compromisos partidistas preferida por Brañas foi a que se impuxo no movemento rexionalista. Había oportunidade para adoptar unha estratexia e un discurso menos tenues, que fosen máis alá da descentralización administrativa e a defensa da cultura?

Murguía foi moi consciente de que un movemento tan elitista como o rexionalismo era incapaz de acadar a autonomía galega. Por iso, ao final da súa vida, optou por un movemento de masas (campesiños e mariñeiros) aos que atribuíu a capacidade de conquistar a autonomía galega. Brañas pretendía unha autonomía pero non baseada na democracia, por iso Murguía se afastou del.

"Ao final da súa vida optou por un movemento de masas (campesiños e mariñeiros) aos que atribuíu a capacidade de conquistar a autonomía galega"

Murguía foi creador e primeiro presidente da RAG, e di vostede que sen el esta Academia sería "unha sucursal da ciencia oficial e españolista". Por que foi a RAG tan atacada no seu tempo?

Porque crían os antirrexionalistas que Murguía faría da Academia o centro de acción política rexionalista.

Murguía mantivo moitas polémicas públicas, entre elas con Emilia Pardo Bazán, e parece que por motivos máis persoais que ideolóxicos. Cales foron as razóns de fondo desta polémica?

Toda a vida Murguía mantivo polémicas con moitos intelectuais. O seu carácter irritable e dogmático provocou moitas destas polémicas. O de dona Emilia é outra cousa. Cada un deles considerábase o líder intelectual deste país. E os dones non cabían na mesma cadeira.

"Rosalía e Murguía amábanse, escribíanse todos os días cando estaban separados"

Moito se ten especulado tamén sobre a relación entre Murguía e Rosalía. Que mitos temos que desbotar sobre a relación entre ambos e sobre a influencia del na obra dela? 

Amábanse, escribíanse todos os días cando estaban separados, e todo o que se dixo dos amoríos del paréceme que son lendas. Aínda que non nego a súa posibilidade, ninguén puído demostralo.

Xosé Ramón Barreiro © Xosé Castro - RAG
Capa do libro © Editorial Galaxia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.