O diccionario online da RAG supera os 15 millóns de visitas no que vai de ano

As palabras máis buscadas no último mes Dominio Público Praza Pública

O dicionario online da Real Academia Galega superou xa os 15 millóns de visitas no que vai de ano, mellorando os 14.4 millóns cos que pechou o 2016. O número de consultas diarias rolda as 55.000. A esta cifra habería que sumarlle as 1,6 millóns de visualizacións -máis do dobre que en todo 2016- nas aplicacións do dicionario para Android e iOS, que suman case 70.000 descargas. Tendo en conta esta evolución, é probable que o dicionario conclúa este exercicio chegando aos 19 millóns de buscas. O número de usuarios e usuarias únicas tamén medra: son máis de 873.700 en dez meses, por riba das 867.555 contabilizadas durante todo o 2016.

No último mes as dez palabras máis buscadas foron conacha, afouteza, máis, luscofusco, dioiva, présa, botar, fóra, mañá e bóla. Se en boa medida podemos responsabilizar ao Celta do espectacular interese pola palabra afouteza, noutros momentos do ano -nomeadamente antes do verán- chimpín estivo tamén entre as verbas máis procuradas, coincidindo precisamente coas semanas previas e posteriores á celebración do Festival de Cans. Outras palabras que tamén apareceron neste top ten de buscas foron cona, trosma ou canon

A RAG estreou en 2013 a versión dixital do seu dicionario, que ofrece máis de 56.000 termos que poden ser consultados nesta iniciativa compartida coa Fundación Barrié. Ademais, o Portal das Palabras ofrece xogos interactivos e outros recursos lúdicos e didácticos de lexicografía. O dicionario dispón ademais dun bot para Facebook que define termos por medio do Messenger desta rede social.

 

As palabras máis buscadas no último mes Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.