A Torre dos Mouros segue revelando os seus segredos

Os traballos no xacemento, a fin de semana pasada © Manuel Gago

O proxecto de procura arqueolóxica da Torre dos Mouros segue adiante, destapando semana a semana novas sorpresas. Do mesmo xeito que o traballo sobre o terreo dos voluntarios e voluntarias cada fin de semana vai desenterrando as estruturas que conformaban esta construción asentada no alto do Monte do Castro, en Lira (Carnota), o traballo documental tamén revela segredos. Manuel Gago publica no seu blog un achado, realizado pola empresa DeHistoria, especializada en servizos históricos e de documentación e que está a realizar a investigación documental en paralelo ao traballo de campo.

O traballo que se está realizando partía dunhas referencias moi vagas, o propio topónimo, a lembranza viva da existencia na zona dunha construción e outras moitas testemuñas de todo tipo. A constancia documental máis firme era o que en 1936 escribía Carré Aldao na súa Geografía General del Reino de Galicia, onde facía referencia á existencia dun "fuerte antiguo" de orixe "romana o árabe" na zona coñecida como Torre dos Mouros. Porén, DeHistoria vén de advertir que no décimo tomo do Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de ultramar de Madoz faise referencia a que "en la cúspide del monte Garganta se encuentran vestigios de torreones cuyo sitio es conocido por Torres dos Mouros". Polo tanto a mediados do século XIX parte da estrutura estaba aínda en pé, e ademais había máis dunha torre.

A mediados do século XIX parte da estrutura estaba aínda en pé, e ademais había máis dunha torre

Esta fin de semana o grupo de voluntarios inscritos no proxecto continuarán os traballos sobre o terreo, que tamén se poderán seguir virtualmente a través de facebook e twitter, e grazas ao traballo do grupo de investigación da USC Novos Medios. O obxectivo é facer chegar á cidadanía, de xeito transparente e entretido, o proceso científico que se vai seguir na Torre dos Mouros para tentar determinar a cronoloxía e funcionalidades do espazo, pero tamén para crear sinerxias culturais e turísticas que permitan rendibilizar socialmente a Torre dos Mouros desde o primeiro momento da intervención.

As persoas que queiran coñecer máis sobre este traballo teñen a oportunidade de visitar o xacemento todos os sábados e domingos de xullo, de 10 a 18 horas. Ademais, realízanse visitas guiadas ás doce do mediodía. Ademais, este sábado ás oito e media da tarde no Bar do Rua, en Carnota, terá lugar a segunda Barferencia, centrada nesta ocación nos Petroglifos de Galicia e Carnota, que será impartida por Antonio de la Peña (arqueólogo e conservador do Museo de Pontevedra) e José Cernadas (investigador, autor do libro Os petróglifos de Carnota). Ademais, proponse facer unha visita aos petroglifos próximos ao xacemento, seguindo un mapa coa súa localización.

Os traballos no xacemento, a fin de semana pasada © Manuel Gago
Algúns dos arqueólogos voluntarios nos traballos de Torre dos Mouros © Sole Felloza

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.