Arbitrariedade na xestión do espazo público

Praza de España de Vigo CC-BY-NC-SA Artemis Desteredes

Resulta alarmante a maneira na que as políticas dirixistas, en complot cos intereses privados, están a converter ao cidadán en consumidor de espazo, de experiencias, de cidade, orientándoo cara os seus propios beneficios. Vivimos nun mundo no que é imposible camiñar por calquera cidade sen encontrarnos sometidos a altas doses de contido publicitario -situado estratexicamente- desexoso de seducirnos, debilitar a nosa formación de opinión e modificar a nosa conduta. 

Os paneis publicitarios, as torres de comunicacións ou diversas iniciativas empresariais no ámbito urbanístico aparecen como estruturas simbólicas que producen un efecto decorativo no espazo público. Estes son os novos monumentos baixo os que subxacen oligarquías cuxas políticas son pactadas coa administración pública. Pero ademais, podemos observar como conviven con outros valores e funcións que teñen que ver igualmente con relacións xerárquicas e instrumentos de poder (mitos, códigos morais, crenzas, reliquias…) que herdamos e transformamos. Referímonos a vestixios do pasado como monumentos a heroes, reis ou líderes políticos que forman parte do imaxinario colectivo pero xa non dispoñen desa capacidade de conexión que posuían antano, e que se atopan mesturados con outros de recente incorporación en homenaxe tanto a personaxes ilustres e populares como a valores abstractos (paz, democracia…).

Se nos detemos nas pezas que proliferan actualmente nas prazas, parques, paseos ou rotondas sen unha planificación nin orde clara, veremos a máis demagóxica cara da arte pública

Se nos detemos nas pezas que proliferan actualmente nas prazas, parques, paseos ou rotondas sen unha planificación nin orde clara, veremos a máis demagóxica cara da arte pública. Feito que nos produce certa impotencia ao ver como estas esculturas se instalan coa simple e triste pretensión de aportar “unha renovada imaxe da cidade” e non coma froito dunha investigación previa e crítica que retome o lugar dende o propio lugar. Trátase de actuacións que seguen, en moitos casos, unha desprogramada e oportunista política de encargos, cunha escasa transparencia no uso dos recursos públicos e unha ausencia de compromiso coa arte contemporánea, hipotecando ao mesmo tempo o espazo comunitario.

Aínda que non soamente estas actuacións axudan a deteriorar a articulación da cultura provocando unha perda progresiva do espazo público como espazo vital, plural e heteroxéneo. Tamén existen outras prácticas, normalmente de carácter efémero, que son resultado da sede de novidade esixida pola industria cultural e do entretemento. Isto é visible nas múltiples manifestacións programadas como festivais, eventos ou exposicións itinerantes que están a converter as prácticas artísticas nunha rama dos servizos públicos. É máis, incluso a arte pública máis arriscada e transgresora encóntrase en gran parte instrumentalizada e absorbida pola xestión cultural.

Esta situación na que se usa enganosamente a lexitimidade popular conduce, como sinala Juan Luis Moraza no texto Liberdade de impresión, “a un severo proceso de aculturación xeneralizada”, e polo tanto, a unha progresiva degradación social que afecta tamén a arte na súa fusión co mercado económico. Polo que resulta urxente buscar novas pautas de relación que regularicen o estado desigual e anárquico do liberalismo actual.

É necesaria unha tarefa de formación e sensibilización, repensando a xestión do espazo público e o lugar da arte pública

Se ben é certo que observamos como pequenas vías están sendo abertas dende sectores como o educativo ou o urbanístico, ademais do artístico, na búsqueda de sistemas reais que impliquen a cidadanía e incrementen o seu papel activo respecto a esta problemática. Tanto algúns documentos elaborados dende o Instituto de Arte Contemporáneo, coma os foros e mesas de debate xurdidas ao longo do contexto nacional nos últimos anos, e en Galicia, as iniciativas emprendidas polo Consello da Cultura Galega coa elaboración de varios informes, o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia a través do Proxecto Terra, xunto con outras iniciativas desenvoltas dende o ámbito universitario (Facultade de Belas Artes, Historia da Arte, Arquitectura…) en colaboración cos anteriores e outros organismos (CGAC, MARCO…), son algúns exemplos de quen está a realizar unha necesaria tarefa de formación e sensibilización, repensando a xestión do espazo público e o lugar da arte pública. Labor que aínda que non é suficiente supón un primeiro paso na procura de solucións.

Queda aínda moito traballo por facer pero é importante que, para facer máis participativa e transparente a xestión do espazo público, analicemos o papel dos actores (artistas, urbanistas, paisaxistas, enxeñeiros, deseñadores…) no proceso de construción das cidades, elaborando unha serie de principios a seguir para que se atenda non soamente aos aspectos cualitativos e cuantitativos de estas, senón ás dimensións humanas, é dicir, aos dereitos, necesidades e desexos dos usuarios. Todos deberiamos seguir traballando dende o compromiso compartido. Un compromiso que reclama dinámicas cooperativas e de cohesión, que exerzan presión á administración pública, coa urxencia de establecer un acordo de mínimos para garantir pequenos éxitos: unha difícil tarefa pero non imposible.

Praza de España de Vigo CC-BY-NC-SA Artemis Desteredes

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.