0 Gardados para despois

Novembro de libros: contos para días de chuvia

Berta DávilaBerta Dávila


Non é cousa de queixarse da chuvia en novembro, mais semella que chegaron os días nos que o único xeito confortable de saír a vivir aventuras por aquí e por alá é mergullarse (e nunca mellor dito) nos libros. É por iso que traemos media ducia de contos que son propostas de lecer para os pequenos da casa, para os menos pequenos, ou para compartilas todos xuntos.

Os arquivos secretos de Escarlatina, Ledicia Costas e Víctor Rivas Xerais é un libro-tesouro para quen bota de menos visitar de novo o universo marabilloso e personalísimo de Escarlatina, a cociñeira defunta. Pero non só. Este formato libro obxecto vén cheo de xogos, complicidades co lector, novas receitas, preguntas que quedaron sen resolver, un enigma que descifrar, os textos atrapadores de Ledicia Costas e as ilustracións simbióticas de Víctor Rivas. Un libro capaz de facer moi felices aos seguidores da cociñeira defunta e tamén de sumar seguidores novos.

Tamén en Xerais e en formato álbum, desta volta (se cadra) para nenos de menos idade, chegan as traducións dos libros de Davide Cali e Raphäelle Barbanégre Brancaneves e os 77 ananiños e Cincenta e as zapatillas peludas. Considerando que a reescrita do conto clásico desde unha perspectiva paródica e actualizadora xa non pode resultar novidosa, e que o texto conta con algúns tropezos lingüísticos, ambos álbumes resultan, non obstante, divertidos e áxiles de ler, moi interesantes para compartir con eles e elas. Se cadra sobre todo con elas, porque deitan unha mirada de xénero que trata de reverter e poñer en xogo os estereotipos do feminino do conto clásico. Sorprenden ambos contos pola cantidade de conversas que son capaces de suscitar que, ao cabo, non é motivo pequeno para recomendalos.

Un conto cheo de lobos Roberto Aliaga & Roger Olmos OQO é un texto que debulla o personaxe do lobo dos contos tradicionais, os seus diferentes roles, e o carácter que adoptan. A historia parte dun hipotético limbo dos lobos dos contos, onde estes agardan para ser chamados á seguinte historia. A ilustración alucinada manterá á lectora atenta a cada paxina.

Semella que chegaron os días nos que o único xeito confortable de saír a vivir aventuras por aquí e por alá é mergullarse (e nunca mellor dito) nos libros. É por iso que traemos media ducia de contos que son propostas de lecer para os pequenos da casa, para os menos pequenos, ou para compartilas todos xuntos

Os monstros grandes non choran, Áslaug Jónsdóttir, Rakel Helmsdal & Kalle Güettler Sushi Books, é un dos catro álbums que edita o selo Sushi Books sobre as historias de Monstro Grande e Monstro Pequeno, e se cadra dos máis emocionantes para quen queira ben aos monstros. Un texto simple que xa é clásico sobre un monstro afortunado e outro zoupón que haberá de aprender a lidar coa mala sorte. Para saber se os monstros grandes choran ou non, hai que abrir o libro.

A horta de Simón, de Rocío Alejandro, é o libro que ve X Premio Internacional Compostela de álbums ilustrados. É de celebrar que un premio coma este acade xa unha decena de edicións, achegándonos sempre libros para non esquecer e converténdose, para os amantes do álbum ilustrado, nun selo de calidade e nunha referencia anual ineludible. Dobremente feliz resulta que este álbum resulte ser o primeiro como autora e ilustradora de Alejandro, quen trae unha proposta sobre o poder da forza comunitaria, o valor de meter as mans na terra, a necesidade de derrubar muros para facer lazos nun mundo que nos impulsa a impulsar ao individuo fronte ao colectivo, o pracer de compartir o froito, e a beleza do simple que non é tanto.

Pitusa Semifusa e os estilos musicais, de Olga Brañas, é un libro para aprender e bailar, na casa ou no coche. A proposta de percorrer diferentes estilos musicais contemporáneos e de proporcionar, deste xeito, experiencias de escoita ricas e varias ao público infantil, súmase ao anterior libro-disco da mesma autora sobre os instrumentos musicais e resulta unha ferramenta divertida e pracenteira para saber máis da música, que tan felices nos fai. Ao cabo, o outono tamén é para cantar baixo a chuvia.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.