A memoria histórica e a denuncia da desigualdade eríxense en protagonistas do IV Festival de Cine Rural Carlos Velo

Fotograma e imaxe promocional de 'Bolingo. El bosque del amor' © Freak

Os diversos ciclos de vida dunha árbore como metáfora sobre o paso do tempo e as mudanzas que trae a madurez. O esforzo dun pastor por sobrevivir, como pode, ás devastadoras consecuencias da seca. E a reivindicación da memoria da loita dos traballadores da minería en Asturias, coas súas continuidades até a actualidade, 80 anos despois da revolución do 1934. Son as historias escollidas por xurado e público dos premios do IV Festival Internacional de Cine Rural Carlos Velo, que vén de celebrarse na Facultade de Ciencias de Comunicación de Santiago no seo do encontro CultRural: Compostela, capital da cultura rural.

Les fruits du temps, de Matthieu Boivineau (Francia); El color de la sed, de Gala Gracia (España) e Asturias, patria dolida, de Arantza Rojas (España), son así, os filmes gañadores dun certame, organizado polo Concello de Santiago e os colectivos Arraianos e Lareira Pop, que recibiu este ano máis de 300 traballos de diferentes partes do mundo, dos que só dez quedaron finalistas. Unha pequena escolma que permite albiscar as tendencias do cinema actual no que o mundo rural se erixe en protagonista e na que a memoria histórica deixa un forte ronsel. 

Unha pequena escolma que permite albiscar as tendencias do cinema actual no que o mundo rural se erixe en protagonista e na que a memoria histórica deixa un forte ronsel

É así, nomeadamente, no caso de pezas coma un dos documentais gañadores, Asturias, patria dolida, ou outras que resultaron finalistas coma El pozo, de Héctor Domínguez-Viguera Queija (Galicia) ou mesmo Leica Story, de Raúl Mancilla (España). Un dos fitos de historia de España e unhas das sementes da posterior loita obreira contra os 40 anos de fascismo, fame, miseria e escravitude que viñeron co franquismo. Así define a revolución de Asturias do 1934 unha das voces que, en Asturias, patria dolida, constrúen o relato desta grande folga xeral revolucionaria na que as concas mineiras adquiriron grande relevancia. “Entrou o exército a sangue e lume”, -lembra o filólogo Benigno Delmiro-, “e non terían acabado coa revolución se se tivesen unido o resto de traballadores do país”, asegura.

O ex-mineiro Vicente Gutiérrez, detido e deportado tras as folgas do 1962, ofrece despois a súa testemuña sobre o ciclo de mobilizacións obreiras que comezaron neses anos até converterse, finalmente, nun dos piares da caída do réxime. Outro ex-mineiro, Antón Saavedra, condensa ben en poucas palabras as consecuencias de traballar, naquel tempo, na mina. “Sabías cando entrabas, pero non cando ías saír”. Tal como comenta tamén Anita Sirgo, filla de represaliados e militante obreira á que, tras a folga do 62, as torturas do capitán da Garda Civil non conseguiron facerlle cantar os nomes do seus camaradas. “Non tiñan nada”. Nin roupa seca, nin auga quente, nin nada con que protexerse do frío, nin da humidade e o polvo que traían sentenzas de morte en forma de silicose.

Outro ex-mineiro condensa ben en poucas palabras as consecuencias de traballar, naquel tempo, na mina. “Sabías cando entrabas, pero non cando ías saír”.

Mais tamén hai autocrítica -e crítica dos erros de parte do movemento obreiro- neste documental de Arantza Rojas. “Pasouse da loita de clases á loita de frases”, di o ex-mineiro Antón Saavedra. Ao mesmo tempo que non se construía un tecido industrial alternativo, comenta, houbo persoas que roubaron ou desbaldiron cartos das subvencións. El e outros compañeiros debullan un contexto de empresarios que chegaban, pechaban empresas e marchaban co diñeiro das axudas. De sindicalistas corruptos. De compañeiros que se deixaron atrapar polo anzol das prexubilacións ben pagadas, sen pensar no futuro e, sobre todo, no dos seus descendentes. E a túa loita, ¿onde está?, pregunta ao final ao documental. Apelando ás loitas actuais que deberían continuar as do pasado.

E a túa loita, ¿onde está?, pregunta ao final ao documental. Apelando ás loitas actuais que deberían continuar as do pasado

Na senda, tamén, da memoria histórica, a guerra civil española é o transfundo no que se desenvolve a acción de El Pozo, un filme rodado en Ourense por un autor tamén ourensán de orixe, Héctor Domínguez-Viguera. A película fora ademais estreada en Vigo no festival Primavera do Cine. Dúas irmás sobreviven ao medo imposto pola guerra nunha casa afastada, no medio da foresta, despois de perder a seus pais e ao marido da maior delas. O azar, mais a curiosidade e a necesidade da busca de espazos simbólicos de liberdade que caracterizan a irmá pequena, farán que un soldado perdido acabe convivindo con elas. Mais a atmosfera de opresión, incomunicación e silencios preservarase, do xeito quizais máis inesperado e malia as aparencias. Clara Pampyn, Samuel Viyuela e Aitana Sánchez-Gijón conforman o reparto deste desacougante filme.

A guerra civil española é o transfundo no que se desenvolve a acción de El Pozo, un filme rodado en Ourense

Malia que o seu rexistro é completamente diferente, a brutal violencia e a represión provocadas polos golpistas do 1936 pairan tamén sobre a curta Leica Story, unha ficción na que un fotógrafo estranxeiro chega a un pobo español despois da guerra civil e que, no medio dunha crise existencial propia, vai descubrindo máis do que nun principio agardaba sobre o xefe local do “Movimiento” e outros personaxes do lugar. Cunha narración que mestura a representación do real -cun toque de homenaxe ao traballo dos grandes correspondentes de guerra americanos da época- co onírico e con elementos máxicos, o autor funde o relato da procura do sentido no medio do caos por parte do fotógrafo protagonista -afectado pola perda da súa compañeira- con trazos dunha historia de amor non correspondido, só en parte desvelada, entre unha moza e un militar que remata -para ela- da peor maneira.

A brutal violencia e a represión provocadas polos golpistas do 1936 pairan tamén sobre a curta Leica Story

A violencia franquista sitúase tamén na raíz de Entre Pàndols i Cavalls, dirixido por Mireia González (Catalunya), proxecto de cinco alumnos do ciclo de grao superior de Realización de Audiovisuais e Espectáculos do Instituto Pere Martell de Tarragona. Esta curta documental trata sobre o bisavó de Roger Herédia -protagonista da fita-, o padriño Jaume, que na guerra civil desapareceu entre as serras de Pàndols e Cavalls. O seu bisneto, membro da policía científica dos Mossos d’Esquadra, promove a creación dun bando de ADN para localizar os desaparecidos ao relacionalos coas mostras de material xenético dos seus familiares. Máis alá do caso concreto que trata, o filme fala sobre o problema das foxas comúns en España e da falta de compromiso do Estado para solucionalo, así coma da brutalidade dun exército, o franquista, que bombardea a súa propia poboación sementando o país de cadáveres.

O filme fala sobre o problema das foxas comúns en España e da falta de compromiso do Estado para solucionalo

Aínda que non formou parte das dez finalistas, o Festival Carlos Velo acolleu tamén a presentación doutra curta que, como Leica Story, presenta elementos de misterio, baseándose nunha historia real non resolta, acontecida desta volta antes da guerra, no 1934. Trátase de A viña do Ferrado, unha curtametraxe rodada coa colaboración da veciñanza na localidade de Astariz, en Castrelo de Miño, durante un obradoiro de iniciación á audiovisual impulsado por Zinemusik Producciones. Nun tempo da miseria, unha muller atrae a dez rapaces e rapazas coa promesa de boa comida para que lle axuden na vendima. Mais será o xornal de consecuencias máis tráxicas das súas vidas.

A viña do Ferrado é unha curtametraxe rodada coa colaboración da veciñanza na localidade de Astariz, en Castrelo de Miño

No vieiro tamén da Historia, e en concreto na conexión entre o franquismo e o nazismo, aséntase a orixe doutro dos filmes finalistas do Festival Carlos Velo, 5105 Historia de una fuga de Mauthausen, de Diego González (España), documental sobre uns dos poucos españois que conseguiron sobrevivir ao campo de exterminio nazi de Mauthausen. Coma Asturias, tierra dolida, este filme apóiase en documentación de arquivo, así como en voces de expertos -investigadores e membros de asociacións de recuperación da memoria histórica- e testemuñas, coma a de Soledad, sobriña de Agustín Santos. Ademais, 5105 Historia de una fuga de Mauthausen engade unha dramatización dos feitos realizada por medio da animación.

Agustín Santos, o deportado 5105, -un dos españois que, fuxindo do terror franquista, pasaron a Francia e acabaron en campos de concentración nazis-, elaborou xunto a outros dous prisioneiros, Francisco López e Juan Adelantado, un plan para evadirse daquel inferno de morte. 7.532 españois deron cos seus ósos en Mauthausen, dos que morreron asasinados, de distintas maneiras, 4.816, a maioría deles en Gusen, extensión de Mauthausen situada a uns poucos quilómetros. Agustín e os seus compañeiros conseguiron fuxir de Mauthausen, mais foron detidos tras días de padecemento e a só trinta quilómetros de Suíza. Malia ser enviado a Gusen e despois de volta a Mauthausen, conseguiu sobrevivir para contalo, e fíxoo no libro Los cerdos del comandante, no que se basea o relato en primeira persoa que serve de fío ao documental.

7.532 españois deron cos seus ósos en Mauthausen, dos que morreron asasinados, de distintas maneiras, 4.816, a maioría deles en Gusen

Como en 5105 Historia de una fuga de Mauthausen, a animación revélase como un recurso expresivo de grande eficacia noutro dos documentais finalistas do Festival Carlos Velo, a impactante Bolingo, el bosque del amor, de Alejandro G. Salgado (España). Que non fala de historia, senón de actualidade. Mais dun tempo actual marcado pola historia do colonialismo e da desigualdade como base do sistema económico mundial.

Bolingo, el bosque del amor, conta, a través de entrevistas con testemuñas directas, as penurias que pasan as mulleres que emigran desde o corazón de África ao norte de Marrocos coa esperanza de acadar o soño -ou máis ben espellismo- europeo. O brutal grao de violencia que sofren -da carencia de recursos para cubrir as necesidades básicas até a violación sistematizada- mais a magnitude da crueldade e da degradación humana das mafias e dos seus cómplices, achega os seus relatos aos que podemos escoitar sobre os nazis en 5105 Historia de una fuga de Mauthausen. O mesmo desprezo pola vida. “Alí a xente morría de sufrimento”, di unha delas.

Bolingo, el bosque del amor, conta as penurias que pasan as mulleres que emigran desde o corazón de África ao norte de Marrocos coa esperanza de acadar o soño europeo

A pobreza, os malos tratos e a violencia sexual atópanse tamén no cerne da historia que conta outro dos filmes finalistas do festival, Alto el fuego, de Raúl de la Fuente. Un documental sobre o traballo realizado polos Salesianos en Ciudad Don Bosco Medellín, un centro que acolle a menores que foron utilizados como nenos soldado no conflito armado en Colombia entre as FARC e o ELN cos paramilitares e co Estado. Menores en risco de exclusión social, con problemáticas familiares variadas, relatan ante a cámara a súa experiencia pasada como soldados e o proceso a través do cal tentan reconstruír as súas vidas. Especialmente desacougante pode resultar a historia das mozas, moitas veces utilizadas como escravas sexuais por dirixentes da propia guerrilla e obrigadas a abortar en repetidas ocasións antes de acadar a maioría de idade.

Menores en risco de exclusión social, con problemáticas familiares variadas, relatan ante a cámara a súa experiencia pasada como soldados

O grao de dramatismo é menor, aínda que para nada baixo, noutro dos filmes gañadores do festival, El color de la sed, de Gala Gracia (España). Nel, un pastor de ovellas comproba como, a consecuencia da seca, o seu rabaño se atopa en cada vez peores condicións. Non consegue que os animais collan o peso adecuado para poder vendelos a un prezo xusto e, comeza, ademais, a sufrir unha serie de roubos na súa propiedade motivados pola desesperación dalgún veciño que atravesa unha situación tan dura coma a del. Tras tentar solucionar o problema polos cauces convencionais, séntese obrigado a saltar os seus propios principios para atopar unha saída.

Esta curta enfronta, ademais, ao espectador cunha cuestión comentada por un dos membros do xurado do festival, o cineasta galego Óliver Laxe, na presentación que realizou no CultRural das primeiras imaxes do seu proxecto Aquilo que arde. Ante un público entregado e moi participativo ao que lle anunciou que pretende facer un filme político -e valente- sobre o problema dos incendios en Galicia, cuestionou o xeito no que, moitas veces, se xulga o rural en base a estereotipos e desde unha falsa conciencia de superioridade, sen un mínimo grao de empatía coas persoas, que definiu coma “heroes”, que resisten residindo no rural nas condicións máis duras, en lugares coma Os Ancares.

Mais o filme que máis conquistou o público do Festival Carlos Velo -que lle deu o seu premio- foi, Les temps des cerises, de Matthieu Boivineau. Unha historia familiar cunha gran cerdeira como fío condutor e como símbolo do que permanece, malia os cambios operados polo paso do tempo. Un ollar, tamén, aos conflitos soterrados, á incomunicación ou ao amor como aquilo que nos sobrepasa, facéndonos, dalgunha maneira, inmortais. Muda a cerdeira, coas distintas estacións, e muda, e madura, a familia, ao longo das xeracións. Como as identidades que se transforman. Malia as raíces que se manteñen sempre en pé.

Muda a cerdeira, coas distintas estacións, e muda, e madura, a familia, ao longo das xeracións. Como as identidades que se transforman

Neste mesmo ton, mais tratando os conflitos familiares dun xeito moi descarnado, móvese outro dos filmes finalistas, Duelo, de Fran Torres (España). Nel, Arturo, un cazador de mediana idade, convida a Luis á comida de celebración do seu aniversario coa súa compañeira, Merche. Luis acepta tras dubidar. Mais a tensión abrolla desde o primeiro momento, motivada polas pantasmas do pasado provocadas polos desencontros na relación entre Arturo e Luis, totalmente viciada pola masculinidade tóxica e o autoritarismo do primeiro, situado -aínda que desde a perspectiva da actualidade- tan perto do fascismo dos personaxes de moitas das outras películas finalistas do festival.

Momento da entrega de premios do festival Carlos Velo Dominio Público Praza Pública
Imaxe promocional de 'Historia de una fuga de Mauthausen' © Freak

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.