A Academia celebra o 110º aniversario da estrea do Himno na Habana

Primeira aparición impresa do poema 'Os Pinos' de Eduardo Pondal, en 1890 © RAG

O 20 de decembro de 1907,  hai xusto 110 anos, estreábase na Habana o Himno, nunha celebración solemne no Gran Teatro do Centro Galego. Aquel foi o primeiro dunha serie de xestos desde a emigración cubana que lle deron o pulo definitivo á composición de Eduardo Pondal e Pascual Veiga para a súa aceptación como símbolo de Galicia.

A importancia da colectividade emigrante neste proceso é “un feito extraordinario que nos diferencia notablemente de calquera caso parecido”, salientou o académico Ramón Villares na conmemoración do 110º aniversario desta estrea alén mar celebrada este mércores na Real Academia Galega (RAG) nun acto organizado da man do Instituto José Cornide. O académico correspondente Fernando López-Acuña afondou no proceso de creación artística do Himno, composto en 1890, e pescudou outras posibles representacións anteriores nun serán na que a parte musical correu a cargo de Queiman en Pousa antes de rematar coa interpretación colectiva de Os pinos.

“O Himno nace no tempo apropiado, cando a maior parte das nacións culturais e estados europeos abordaron o reto de ter símbolos"

“O Himno galego nace no tempo apropiado, cando a maior parte das nacións culturais e estados nacionais europeos abordaron o reto de ter símbolos que identificasen emocionalmente a comunidade política á que se dirixía”, destacou Ramón Villares. Segundo o académico, isto significaba que "Galicia estaba aí”, que o pensamento político e as pequenas mobilizacións rexionalistas, por débiles que fosen, "estaban ao corrente do que sucedía no contexto español, ibérico e europeo", engadiu o o historiador.

Tal e como se explicou no acto da RAG, ao igual que os demais himnos, o galego tampouco naceu por decreto, senón que o seu éxito foi froito dun proceso que implica aspectos como que sexa cantado polos orfeóns. Neste caso, reflicte tamén os esforzos do rexionalismo para dotar a comunidade galega de símbolos propios (o himno, a bandeira, un panteón e outros lugares de memoria, ...), pero quizais o máis definitorio do Himno galego é “un feito extraordinario”: o pulo definitivo da colectividade emigrante.

"O peso excepcional da colectividade emigrante é algo que nos diferencia notablemente de calquera caso parecido de fixación de símbolos"

“En case todos os casos coñecidos na fixación dos símbolos actuaron ou ben institucións públicas, administrativas ou políticas, ou ben partidos plenamente constituídos como tal, pero no caso de Galicia este impulso veu de América. O Himno foi creado en Galicia e despois foi a América, e de alí retornou. O peso excepcional da colectividade emigrante é algo que nos diferencia notablemente de calquera caso parecido”, conclúe o académico.

Un ano despois da súa estrea a cargo da Banda Municipal da Habana baixo a batuta de Guillermo M. Tomás, o himno de Eduardo Pondal e Pascual Veiga foi declarado oficial -por iniciativa de Xosé Fontenla Leal- en todas as festas do Centro Galego da capital cubana. A mesma institución editou en 1909 Apuntes para la Historia del Centro Gallego de la Habana, onde se publica por primeira vez en texto impreso a partitura e o poema. Esta edición foi de grande importancia para a súa expansión en Galicia, destaca o musicólogo Fernando López-Acuña, que na súa quenda se detivo tamén en detalles da creación artística.

O público canta o Himno acompañado pola voz de Andrea Pousa / RAG

A orixe: o certame musical de 1890

A música e o texto do Himno foran compostos en 1890 para un dos distintos concursos convocados co fin de dotar a Galicia dunha “marcha rexional”. Foi así o propio Pascual Veiga quen lle pediu a Eduardo Pondal que escribise un poema para o certame musical do Orfeón Coruñés nº4, que el mesmo dirixía. A partitura gañadora para acompañar os versos de Os pinos foi a de Ivo Gotós, pero a marcha non chegou a estrearse, tal como se anunciara, nas festas da Coruña dese ano, posiblemente por falta de tempo para ensaiala. Sexa como for, a música que finalmente acompañaría o poema de Pondal sería a que escribiu Pascual Veiga en previsión de que o premio quedase deserto, repasou o académico correspondente. Unha partitura que, segundo as indicacións de Veiga, debe tocarse “moito máis rápido do que normalmente hoxe se toca, porque o noso Himno é unha marcha”.

No momento da súa estrea na Habana, como destaca a RAG, o Himno foi considerado unha obra inédita, pero é posible que fora interpretado con anterioridade, apunta Fernando López-Acuña. O investigador suxire que Pascual Veiga puido incorporar a composición ao repertorio dos orfeóns que seguiu dirixindo, hipótese que atopa reforzo na declaración nun diario lugués, no ano 1896, do secretario dun deles, o do Centro Galego de Madrid, con motivo da viaxe da agrupación a Lugo para participar nun certame. Nela asegura que Os pinos era interpretado polos seus membros.

Foi a estrea á outra beira do Atlántico a que marcou o inicio da  consolidación do Himno como símbolo de Galicia

En calquera caso, foi a estrea á outra beira do Atlántico a que marcou o inicio da  consolidación do Himno como símbolo de Galicia. Outro fito neste camiño, xa en territorio galego, foi a súa interpretación en Mondoñedo, en 1912, para recibir os restos de Pascual Veiga tras seren exhumados en Madrid. Cinco anos despois, en 1917, volveu soar noutro cemiterio, no de Santo Amaro da Coruña, na despedida de Eduardo Pondal nas voces dos membros das Irmandades da Fala, que tamén contribuíron dun xeito moi importante á súa popularización, engade o académico correspondente.

Co acto de hoxe a RAG púxolle o ramo á celebración do centenario do pasamento de Eduardo Pondal. Co gallo desta efeméride, publicou a antoloxía Eduardo Pondal. Os cantos eran da Patria (120 poemas), a cargo de Manuel Ferreiro e concibida para achegar calquera persoa interesada á obra do bardo bergantiñán. O profesor da UDC impartiu a semana pasada unha conferencia sobre o escritor noutro acto organizado polo Instituto José Cornide e a Academia.

Andrés Lorenzo, Andrea Pousa, o musicólogo Fernando López-Acuña, o presidente da RAG, o director do Instituto Cornide, o historiador Ramón Villares e Queima © RAG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.