Media ducia de libros para anotar na carta dos Reis magos

Nunú no xardín Dominio Público Praza Pública

Entre as novidades para primeiros lectores que viron á luz en Kalandraka recentemente atopamos catro libriños que achegan a rima e a bincadeira lingüística aos pequenos. A serie do elefante Nunú, en pequeno formato cadrado de cartoné, é unha adaptación de Antonio Rubio do texto de Cally Stronk ilustrado por Constance Kitzig. Pareados a dobre páxina con rima e ritmo ben construídos (algo que non sempre ocorre neste tipo de textos orientados a bebés e nenos de moi curta idade), que lembran a exitosa serie do mesmo autor de Do berce á lúa.

Tanto os dous que comezan a serie de Nunú (Nunú xoga e Nunú no xardín) como os que toman parte en Do berce á lúa son libos concibidos para ler unha vez e outra, para aprender rimas e repetir versos, para manipular e facer unha torre e gardar nunha caixa e tocar con dedos pringosos. Son necesarios este tipo de libros para facer lectores de futuro. Canto máis coidados, visualmente interesantes e lingüisticamente diversos son, máis significativamente contribuirán a formar un criterio literario rico.

Atención singular merecen tamén as catro novas obras de Maurice Sendak que nos trae este mes de decembro. Versátiles en canto á idade á que van dirixidos, diverxentes no sentido do humor, como é habitual no autor, orixinalísimos e en fermosa edición de pequeno formato. Son Sopa de polo con arroz, o libro dos meses, Miguel, un conto exemplar en cinco capítulos e un prólog", O un era Xoán, un libro para contar e Os caimáns van de paseo, un alfabeto.

As ilustracións a tres tintas e o texto, en disposición que lembra ao libro convencional para adultos, xogan coa esaxeración de pequenas escenas cotiás e coa natureza irreverente dos protagonistas de Sendak. Un xeito de visitar os números, os meses, o alfabeto con rimas profundamente divertidas, en versión de Xosé Ballesteros na edición galega, e de Gloria Fuertes na edición en castelán.

Non esquezan que os mellores agasallos son os que podemos compartir cos que máis queremos, e que mellor poñer algún libro debaixo da árbore entre os agasallos para os máis pequenos entre os pequenos. Anoten esta media ducia de títulos na carta dos Reis Magos. E bo Nadal.

Nunú no xardín Dominio Público Praza Pública
Os caimáns van de paseo. Un alfabeto Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.