Cincuenta entidades reservaron xa o seu espazo no Culturgal 2012

Público no Culturgal 2011 © Culturgal

O Culturgal 2012 vai collendo forma. A máis de cinco meses da nova edición da feira das industrias culturais, que de novo terá como escenario o Pazo da Cultura de Pontevedra, máis de cincuenta "asociacións sectoriais, institucións públicas e entidades privadas" confirmaron xa a súa presenza no evento, segundo informan os seus organizaodres. "Nun momento difícil para as industrias culturais", o principal reto da feira, explican, é "configurarse como un elemento vertebrador, que contribúa a xerar ideas, buscar solucións compartidas e visibilizar conxuntamente a importancia do sector cultural e creativo", tamén "como motor económico, fonte de innovación e de emprego cualificado".

Nomeadamente, a mediados de xullo xa están formalizadas 55 reservas no recinto. Tendo en conta que en 2011 o número final de entidades con espazo propio foi 70 a organización amósase "moi satisfeita co interese do sector por participar", xa que  para cubrir o 22% da superficie dispoñible quedan aínda tres meses, dado que o prazo para o aluguer remata o 10 de outubro. Nesta liña, os promotores do Culturgal sinalan que os espazos "se escollen por rigorosa orde de contratación" proceso para o que, lembra, empresas e institucións contan este ano "cunha nova opción": "Poden formalizar a contrartación do espazo en calquera momento por tan só 100 euros" e "abonar o resto unha vez finalice a feira, beneficiándose da oportunidade comercial que supón o propio evento".

De comercio precisamente se ocupa tamén o Culturgal e por iso vénlle de encomendar novamente a dous libreiros pontevedreses, Manuel Seijas e Anxo Paz, a organización e xestión da tenda do recinto tras a celebración do correspondente concurso público. Nesa tenda, concibida como "un espazo común de comercialización", o público "poderá atopar e mercar o mellor da literatura, da banda deseñada, da música e do cinema de galicia cun prezo moi especial e coa presenza dos autores e autoras", adiantan.

Así as cousas, o Culturgal comeza a pechar unha axenda que non só está destinada a profesionais do sector, senón tamén ao público xeral que o ano pasado, lembran, "ateigou" o recinto do Pazo da Cultura. Neste sentido, sinalan que ata o 20 de setembro é posible presentar propostas de actividades para realizar nos tres días de feira -celébrase do 30 de novembro ao 2 de decembro-. "Aínda que non é necesario que a empresa conte con stand na feira para que a súa actividade sexa elixida, a organización advirte de que aquelas empresas que conten cun posto teñen asegurada a presenza dunha actividade", explican. Estas actividades, que se compoñen de todo tipo de manifestacións artísticas, pecháronse na anterior edición da feira cunha gala no Teatro Principal de Pontevedra.

Público no Culturgal 2011 © Culturgal
Gala do Culturgal 2011, no Teatro Principal de Pontevedra © Culturgal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.