0 Gardados para despois

'Nieve en el ático': unha panxoliña para despedir o Nadal inspirada nas luces de Vigo

Redacción | @prazapublica

O grupo galego Seda presentou en marzo de 2017 o seu primeiro EP, conformado por tres temas de corte experimental nos que a banda coquetea co hip-hop, co pop e co desenfreo para construir un puzzle sonoro que é universal e, ao mesmo tempo, único e persoal. Óscar (Szentes, Dois), Brais (Jay, Selvática, Villano Villano) e Nelo (Pálida, Orquesta Metamovida, Durarará) son de Vigo e non teñen problemas á hora de admitir que a súa obra artística está directamente influenciada polo devir do incesante ecosistema que adoitan habitar.

Seda estrea 'Nieve', unha panxoliña para despedir o Nadal e inspirado no despregamento luminoso do centro de Vigo

Nieve é unha panxoliña para despedir o Nadal. Supón o primeiro videoclip de Seda e nace inspirado "polo despregamento luminoso do centro de Vigo". Segundo contan, quedaron intensamente impresionados e abducidos cando contemplaron a iluminación e decidiron usar este escenario para o vídeo que, baixo a dirección de Fer Areal Alvite e un pouco de maxia, tomou forma de obra audiovisual e converteuse nun medio para felicitar o Nadal a todo o mundo, aínda que hoxe sexa o último día.

Un dos desafíos actuais no ámbito musical pasa por acadar unha meta consistente en conxugar influencias de correntes tan afastadas dentro da disciplina artística que a propia natureza da distancia e o espazo propicie a súa achega. Xogar a buscar o túnel cósmico que conecta universos tan distantes é a súa especialidade: esculcar o nexo común entre correntes aparentemente dispares é unha tarefa pouco doada a cal os vigueses afrontan con atrevemento e sen prexuizos.

Seda queren aproveitar a conclusión do Nadal no máxico día de Reis para anunciar unha boa nova: a súa adopción por parte do selo La Melona, pasando a formar parte do elenco de artistas arroupados baixo o abrigo deste colectivo tan novo como ambicioso, xunto coas bandas Boyanka Kostova, Bulto, Esteban & Manuel, Pálida e Kadettgsi.

Seda - Nieve en el Ático

© La Melona

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.