Máis pombas e mazás para Isaac, "o reconstrutor da patria"

Un momento da homenaxe a Isaac Díaz Pardo © SXPL

Un cesto de mazás e dúas pombas, xunto cunha ofrenda floral, ao igual que noutros actos doutros anos. Así foi homenaxeado este domingo o intelectual, empresario, editor e galeguista Isaac Díaz Pardo, de quen o pasado 5 de xaneiro se cumpriron seis anos da súa morte. 

Neste sexto cabodano, Díaz Pardo recibiu unha homenaxe "que non se lle fai a ninguén en Galicia", segundo advertiu o ex-presidente da Real Academia Galega (RAG), Xesús Alonso Montero, que explicou que as "pombas de paz" e o cesto das mazás aparecen por seren elementos mencionados no poema de Lorenzo Varela (Compañeiros da miña xeración mortos ou asasinados) e no que se evoca "a decencia e a memoria viva dos que fixeron algo polo país". 

Nesta ocasión, foi a escritora Olivia Rodríguez a que leu o poema nun acto no que se definiu a Isaac como o "reconstrutor da patria despois do desastre da Guerra Civil e dun momento de tanta depresión e tanta derrota". Así o fixo Víctor Freixanes, actual presidente da RAG, que explicou que durante o franquiso foi Díaz Pardo quen logrou conectar con "toda a enerxía" dos exiliados en Bos Aires ou quen puxo en marcha o proxecto do grupo Sargadelos, "un dos proxectos máis brillantes" que, dixo, xunto á editorial Galaxia "mantiveron o alento de esperaza entre os 50 e os 70. 

Pola súa banda, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, destacou as "moitísimas facetas" de Díaz Pardo, de quen destacou que dedicase "toda a súa vida, a súa creatividade e o seu xenio" a crear "un país con estruturas e moitas posibilidades" e, ademais, en momentos "moi difíciles". "Todos os que tivemos a fortuna de coñecelo soubemos como Isaac foi unha persoa constante, íntegra, con moitísima capacidade de comprensión e de análise", engadiu, tras cualificar de "única" a figura do homenaxeado. "Galicia non ten moitas oportunidades de honrar personaxes coma el", asegurou. 

O acto estivo presidido por dúas bandeiras, a galega e a da República Española, e nel interviron tamén María do Cebreiro,  Afonso Vázquez Monxardín ou Claudio Rodríguez Fer. O punto final púxoo a música, coa interpretación da Marcha do Antigo Reino de Galicia e do Grândola, Vila Morena.

Freixanes, Alonso Montero e Valentín García, na homenaxe © SXPL

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.