0 Gardados para despois

"Queremos manter vivo o legado do Zeca Afonso, porque ten unha relación moi grande con nós"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


"Talvez ninguém me entendesse como na Galiza", dixo nunha ocasión José Zeca Afonso. E, en efecto, o vencello do cantautor con Galicia foi continuado e fecundo e mesmo tralo seu falecemento hai xa 31 anos, o impacto das súas cancións segue a ser moi importante na beira norte do Miño. Agora vén de anunciarse a creación da Associaçom José Afonso - Galiza, que nace como un núcleo da AJA-Portugal e que se presentará a finais deste mes cunha serie de actividades en Compostela.

"30 anos despois da súa morte, queremos manter moi vivo o seu legado, porque ten unha relación moi grande con nós"

Será o sábado 27 de xaneiro. Os actos comezarán cunha palestra ás 18 horas na sede da Gentalha do Pichel a cargo de Paulo Esperança sobre O triángulo mágico do Zeca foi: África, Portugal e a Galiza. E continuarán cun concerto na Sala Malatesta (ás 22 horas) no que participarán Uxía, Francisco Fanhais, Nao, Cais da Saudade, Falua, Tiago Fernandez, Banda das Crechas, Do Fondo do Peto e Xico de Carinho & Manolo Bacalhau, cun repertorio de letras reivindicativas e algúns temas que interpretarán de xeito conxunto. O acto será presentado por Carlos Blanco. Ademais, durante todo un mes -do 26 de xaneiro ao 28 de febreiro- a Casa das Crechas acollerá unha exposición fotográfica titulada Zeca: O que foi, O que é. Ademais, está prevista para esa fin de semana a chegada unha delegación da AJA de Portugal, que participará nunha cea de confraternización, nunha recepción institucional coa Corporación municipal de Compostela e nun acto de conmemoración dos 45 anos do concerto do Zeca Afonso no Burgo das Nacións, no parque que leva o seu nome.

"30 anos despois da súa morte, queremos manter moi vivo o seu legado, porque ten unha relación moi grande con nós. O Zeca chegou a Galicia cando ninguén o coñecía, aló polo ano 1972, e dende o primeiro día marcou unha pauta musical, poética e reivindicativa moi grande", destaca Xulio Villaverde, presidente da AJA-Galiza. O 10 de maio de 1972, nun concerto celebrado no Burgo das Nacións de Compostela ante centos de estudantes, Zeca Afonso interpretou por vez primeira "Grândola Vila Morena", a canción que dous anos despois se convertiría no símbolo da Revoluçao dos Cravos.

A relación do Zeca con Galicia e cun gran número de artistas galegos e galegas continuou nos anos seguintes. En 1977 celebrouse o Festival dos Pobos Ibéricos na Coruña, organizado entre outros por Xico de Cariño, coa participación de José Afonso. De igual xeito, en 1981 o Zeca cantou no Auditorio de Castrelos de Vigo, onde catro anos despois, Benedito e outros músicos organizaron a maior homenaxe á figura do seu amigo: o 31 de agosto de 1985, 20.000 persoas ocuparon aquel auditorio durante máis de 12 horas continuadas para acompañar decenas de músicos, poetas e escritoras, nun tributo a un Zeca gravemente enfermo.

"Galiza foi un dos lugares nos que mellor foi entendido o Zeca. Galiza e os galegos sempre fomos amantes e apoiantes desta música", salienta Xulio Villaverde, que sinala que os obxectivos da asociación serán "manter viva a palabra, a obra e a propia figura do Zeca Afonso". "Traballaremos tamén para que a cultura galega sexa coñecida no sur do Miño, polo pobo irmán de Portugal. E para que, igualmente, se coñeza e se viva a cultura portuguesa en Galiza", engade.

O Zeca morreu o 23 de febreiro de 1987, mais nos anos e décadas seguintes a súa figura seguiu moi presente en Galicia, por exemplo en Cantos na Maré ou Ponte… nas Ondas!. E tamén en homenaxes específicas, coma Terra da Fraternidade, organizada en 2012. "José Afonso é unha conxunción perfecta entre o compromiso e a beleza, entre o lirismo e a realidade", dicía Uxía Senlle nos días previos a ese concerto. E, de igual xeito, Xurxo Souto incidía en que "se Zeca Afonso dicía que Galiza era a súa patria espiritual, para moitos galegos e galegas a música de Zeca é a nosa patria. Por riba de debates ideolóxicos, filolóxicos ou de normativas, esa profunda emoción que a música de Zeca provoca dentro de nós é unha realidade. Está no lugar no que gardamos o mellor dos nosos afectos".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.