O audiovisual galego carga contra os "duros e lamentables" recortes ao sector

Directiva da Asociación de Actores e Actrices de Galicia © AAAG

O audiovisual tamén se rebela ante o último paquete de medidas anunciado polo Goberno de Mariano Rajoy. Así, as asociacións de Actores (AAAG), Directores (CREA), Guionistas (AGAG) e Técnicos (ATEGA) veñen de emitir un comunicado "ante o anuncio da suba do IVE aos espectáculos culturais" no que expresan o seu "malestar" por ser, "unha vez máis", un sector "especialmente maltratado polos recortes da Administración". "Nesta ocasión, na que a maioría dos sectores sofren un incremento de arredor dun 20% no seu IVE, o sector da exhibición cinematográfica -entre outros afectados dentro e fóra das industrias culturais- sufre unha suba de máis dun 150 %", lembran as diferentes agrupacións, logo de que os produtos culturais sufrisen un aumento do IVE, que pasa do 8% ao 21%.

"O sector audiovisual debe ser solidario, pero se queremos aproveitar o seu potencial debemos rexeitar medidas tan duras e lamentables"

"Consideramos que o sector audiovisual debe ser solidario coa sociedade á que pertence e compartir os seus sacrificios, e cremos que eses sacrificios deben afectarnos por riba da media -para poder así salvagardar servicios esenciais como sanidade e educación-; pero se queremos aproveitar o potencial do sector en termos de creación de emprego e xeración de riqueza (elementos fundamentais para contribuír á saída da crise), debemos rexeitar medidas tan extraordinariamente duras e lamentables como as anunciadas a semana pasada", engaden as catro asociacións do audiovisual, que únense así ás protestas de numerosos colectivos sociais e culturais contra os últimos recortes do Executivo do PP, e que serán aprobados este xoves no Congreso dos Deputados.

Directiva da Asociación de Actores e Actrices de Galicia © AAAG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.