0 Gardados para despois

Camilo Díaz Baliño, o deseñador que buscou a redención de Galicia a través da arte

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Camilo Díaz Baliño (1889-1936) protagoniza este ano o Día da Ilustración. Pintor, ilustrador, escenógrafo e pioneiro galego do deseño, escribiu que "non hai arte galega sen unha idea de redención de Galicia". E nese empeño buscou revivir e reinventar os símbolos e os mitos que dan forma á identidade galega en toda a súa obra, numerosa e variada: cubertas de libros e revistas, carteis, escenografías, ilustracións, obxectos relixiosos e ornamentais, murais... Iria-Friné Rivera Vázquez debullaba neste artigo o seu traballo no tríptico Os homes de Brigantia. Influído pola arte relixiosa e a art nouveau. creou imaxes cunha gran carga simbólica e ancestral.

Nacido en Ferrol, foi membro das Irmandades da Fala e militante do Partido Galeguista. En 1916 iniciou a súa relación profesional co empresario de cines Isaac Fraga e en 1920 trasladouse a Santiago de Compostela onde estableceu o taller de escenografía da Empresa de Espectáculos Fraga (1920-1924) coa que se trasladou a Madrid entre 1922 e 1924. En 1925 ingresou como delineante interino no concello de Santiago e despois obtivo o posto en propiedade. "É o máis parecido ao que hoxe chamamos un deseñador" destaca Pepe Barro a diversidade do traballo de Camilo Díaz Baliño nunha completa reportaxe que estes días lle dedica o portal Cultura Galega.

O seu estudio de Compostela foi punto de encontro de artistas e impulsores do nacionalismo progresista, unha causa que apoiou cada vez máis firmemente. Deseñou a capa das obras publicadas na colección Lar. Detido ao comezo da guerra civil española, estivo na prisión de Santiago de Compostela ata que foi asasinado en Palas de Rei o 14 de agosto de 1936. O seu cadáver apareceu á beira da estrada en Saa, na parroquia de Meixide.

O Día da Ilustración celébrase cada ano o 30 de xaneiro, coincidindo co día do nacemento de Castelao, iniciativa da Consellería de Cultura en colaboración coa Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI), co obxectivo de reivindicar o papel dos profesionais da ilustración na industria cultural. Nesta ocasión o cartel foi realizado por Minia Regos (Pontevedra, 1983).

A Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura, acolle a exposición Camilo Díaz Baliño: A xenialidade truncada, que se inaugura este martes ás 19 horas. A mostra recolle medio cento de documentos, imaxes e obras doadas por Isaac Díaz Pardo (fillo de Camilo), á Biblioteca e Arquivo de Galicia. Este arquivo pódese consultar en liña na biblioteca dixital Galiciana, con motivo da entrada en dominio público da obra de Díaz Baliño e coincidindo co quinto aniversario da morte de Díaz Pardo, falecido o 5 de xaneiro de 2012.

A colección depositada por Díaz Pardo na Biblioteca de Galicia inclúe ao redor de 200 fotografías, relatos orixinais, unha pequena biblioteca persoal e 10 álbums elaborados por Camilo Díaz que recollen toda a súa actividade profesional en América como escenógrafo, ademais dun centenar de cartas e documentos persoais, entre os que se atopa o documento orixinal do xuíz que dá conta da morte de Díaz Baliño, fusilado en 1936. Destacan tamén os debuxos realizados por Camilo Díaz na cadea aos seus compañeiros de prisión, días antes da súa morte, e o debuxo con carácter premonitorio do seu futuro.

Camilo Díaz Baliño co seu fillo Isaac Díaz Pardo

O Día da Ilustración está dedicado a Camilo Díaz Baliño

Cuberta da revista Lar, por Camilo Díaz Baliño

Cartel para a Coral De Ruada, por Camilo Díaz Baliño

Cartel do Día da Ilustración, realizado por Minia Regos

Portada dunha edición de Almas mortas

Cartel a prol do Estatuto de Galicia de 1936

Torre de Hércules

Cartel dedicado ao Cebreiro

Anuncio deseñado por Camilo Díaz Baliño

Alzado Pórtico da Gloria por Camilo Díaz Baliño

Debuxo feito por Camilo Díaz Baliño realizado cando estivo no cárcere de Santiago de Compostela

Retrato de Anxel Casal realizado por Camilo Díaz Baliño cando estiveron no cárcere de Santiago de Compostela

Retrato de Antonio Vázquez Rei realizado por Camilo Díaz Baliño cando estiveron no cárcere de Santiago de Compostela

Camilo Díaz Baliño no seu taller

Tríptico Homes de Brigantia 2º versión

Os homes de Brigantia

Cartel deseñado por Camilo Díaz Baliño

Caricatura de Seoane

Caricatura de Camilo Díaz

Cartel das Festas do Apóstolo

Cartel de Castromil

Camilo Díaz Baliño

Día da Ilustración 2018 Camilo Díaz Baliño

© AGPI

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.