"Verne coñeceu Vigo pola estafa dunha empresa que buscaba os galeóns de Rande, as preferentes do século XIX"

Estatuta de Jules Verne no porto de Vigo Dominio Público GCiencia

“Pois ben, señor Aronnax, estamos na baía de Vigo, e só de vostede depende que poida coñecer os seus secretos”. Con esas verbas, que fai pronunciar ao capitán Nemo o 18 de febreiro de 1868, hai agora 150 anos, é como Jules Verne introduce no seu 20.000 leguas baixo dos mares o suposto tesouro dos galeóns procedentes de América afundidos no estreito de Rande, dos que o protagonista do seu libro obtén o financiamento para as singraduras do Nautilus. Vigo lembra esa efeméride literaria século e medio despois con diversas actividades culturais e científicas, impulsadas en parte polo xornalista vigués Eduardo Rolland, dos que máis leva escrito sobre Verne en Galicia. Rolland tamén é un dos fundadores do portal de información e divulgación científica en galego GCiencia.com.

O xornalista e divulgador científico Eduardo Rolland, estudoso de Verne, fala sobre o 150 aniversario da chegada literaria a Galicia do Nautilus do capitán Nemo

Jules Verne visitou Vigo dúas veces pero fíxoo moitos anos despois de escribir 20.000 leguas baixo dos mares. Como descubriu a ría de Vigo para ambientar a novela?

A ría de Vigo estaba de moda no momento en que el está a escribir a novela, entre 1866 e 1870, por un escándalo financeiro internacional relacionado cos dereitos de rescate dos tesouros dos galeóns de Rande. Un cidadán inglés chamado David Langland obtén unha licenza da coroa de España para rescatar os tesouros, pero non a utiliza, a revende e logo volve revendela como accións e embarca un montón de investidores europeos que mercan esas accións falsas e son estafados. Digamos que foron as participacións preferentes do século XIX, as subordinadas, Forum Filatélico e Afinsa, todo xunto. Todos os xornais de Europa, nomeadamente os de Francia, estaban a falar das campañas de rescate dos tesouros como consecuencia desta estafa internacional.

"As lámpadas eléctricas e os respiradores que aparecen en 20.000 leguas empregáranse por primeira vez en Vigo"

Vostede pescudou no uso real dos inventos que empregan os personaxes do libro para mergullarse na ría de Vigo. Ata que punto foi preciso Verne?

Hai varios datos que nos amosan como Verne estaba a ler sobre a ría de Vigo mentres escribía a novela. Hai dúas tecnoloxías que empregan os mergulladores do Nautilus. Unha son as lámpadas Ruhmkorff, unha lámpadas eléctricas que eran unha novidade nesa época e que se usaban ao principio na minaría para substituír as lámpadas de combustión e evitar os problemas de explosións, e que por primeira vez no mundo tiveron un emprego submarino en Vigo na campaña que fixo Hipólito Magen para buscar os galeóns de Rande na época en que Verne estaba a escribir a novela. É evidente que Verne estaba a ler sobre a campaña de Magen e o uso desas lámpadas e fai que os mergulladores do Nautilus empreguen esas mesmas lámpadas. O segundo elemento é que os mergulladores do Nautilus van equipados cuns respiradores chamados Rouquayrol que tamén foron empregados por primeira vez dun xeito profesional na ría de Vigo. Xa se presentaran na Exposición Universal de París un par de anos antes de que escribira a novela pero só a xeito de exhibición. Hai unha relación evidente entre as novas que está a ler sobre a campaña de Magen de rescate dos tesouros de Rande e os adiantos técnicos que logo reflicte na súa novela. Busquei nos xornais franceses da época e son incontables as novas en que se falaba de Vigo, en moitísimos xornais e revistas. Incluso acompañadas de gravados, no momento en que estes comezan a aparecer na prensa diaria, e hai moitísimos que amosan estampas da ría de Vigo e dos mergulladores da expedición de Magen. É evidente que Verne, que era un gran lector de xornais, aproveitaba esas novas para inspirarse e equipar os mergulladores do Nautilus.

“Se o país estivo atrasado foi pola marxinación política, pero Galicia é emprendedora e creativa, comparte o espírito de Verne”

Verne afinou con eses avances científicos pero parece que non o fixo tanto coa parte histórica da existencia do tesouro dos galeóns de Rande.

É curioso porque Verne fai que o capitán Nemo recolla os tesouros de Rande, tesouros que hoxe sabemos que non existen. Hoxe sabémolo nós, pero daquela todo o mundo tiña fe en que había millóns e millóns de francos e reais no mar de Vigo. De feito, en todo aquel momento en que escribe Verne hai varias expedicións e a xente está tan convencida de que hai ese tesouro como para estar disposta a pór cartos. Consérvanse as accións das diversas compañías que en Europa se crearon para sufragar as expedicións. Os anuncios da prensa francesa dicían que se podía multiplicar por mil calquera investimento. Hoxe sabemos que non existe, que o tesouro foi desembarcado dos galeóns pouco antes da batalla. Pero na época de Verne estaban convencidos de que si existían. Hai que entender a Verne nese momento. De todos os xeitos, na conversa que manteñen o capitán Nemo e o profesor Aronnax hai un punto de ironía, porque cando está a rematar esa conversa Nemo recoñécelle a Aronnax que xa non hai as riquezas que toda a xente pensa. Vén dicir que teñan coidado os investidores cos seus cartos. El xa está a dubidar de que exista esa riqueza.

Que quedou de Verne na cultura e na ciencia galega?

En contra do que ás veces pensamos da idea do atraso histórico, Galicia comparte o espírito de Verne. En Vigo estaban os dous cables submarinos, o cable alemán e o inglés, que conectaban Galicia co mundo enteiro e a situaban á vangarda das comunicacións. En Galicia houbo grandes inventores, como Sanjurjo Badía, orixinario de Sada e logo afincado en Vigo, que creou esa compañía de transportes que percorría o Eixo Atlántico e que remataría por ser comprada logo por Evaristo Castromil e fundando Autobuses Castromil. Hai que ter en conta que avanzamos moitísimo en pesca, somos unha potencia mundial que investigou e desenvolveu tecnoloxía que ninguén utilizara antes, especialmente no conxelado e a conserva. Hai tantas cousas das que Galicia pode presumir de estar á vangarda da tecnoloxía que é inxusto considerar sempre a idea dun país atrasado. Claro que hai moito de Verne na cultura galega, neste país de emprendedores. Se o país estivo atrasado foi pola marxinación política, pero o espírito galego é emprendedor e creativo.

“Verne era un divulgador científico, estaba obsesionado con que os obreiros da revolución industrial tiñan dereito a entender a tecnoloxía e a ciencia”

Como impulsor dunha web de divulgación científica, cantos inventos prognosticados ou avanzados por Verne nas súas obras seguen a estar de actualidade e aparecen hoxe en Gciencia.com?

Moitísimos. Unha cousa que molesta aos estudosos de Verne é que sexa considerado como un escritor de ciencia ficción. Verne era un divulgador científico. Os inventos que estaban a nacer nesa época, a do tránsito do vapor á electricidade, unha revolución tan grande como a que agora estamos a vivir co tránsito ao mundo dixital, Verne reflectíaos nas súas novelas. Estaba obsesionado con que os obreiros desa revolución industrial tiñan dereito como calquera a coñecer, a entender a tecnoloxía e a ciencia. Por iso a meirande parte dos seus inventos logo se fixeron realidade. Non porque fose un gran visionario senón porque eses inventos xa estaban a nacer nese momento. En 20.000 leguas os respiradores e as lámpadas eléctricas, pero é que en Verne hai desde o sistema para enviar un home á Lúa, que non é moi diferente do que o outro día empregou Elon Musk para mandar un coche a Marte. Internet está adiantado dalgún xeito en París no século XXI.

 

Jules Verne / Félix Nadar - Dominio Público

“Os Valores de Verne identifícanse cos de Vigo, pero a cidade nunca rendibilizou a súa relación co escritor”

Vostede é dos que considera que Vigo non rendibiliza todo o que podería a súa relación con Verne. Que máis se podería facer?

Estou convencido de que Vigo nunha o rendibilizou. Os valores de Verne identifícanse cos de Vigo. É unha cidade industrial, dura ás veces, pero iso está no espírito do progreso que reflicte Verne nas súas novelas. Verne ten un ciclo de novelas do mar espectacular e Vigo é unha cidade que vive do mar. Penso que nos podemos identificar moito con Verne e que turísticamente Verne podería ter rendemento en Vigo. Agora con estas xornadas espero que vaiamos saíndo un pouco dese esquecemento. En decembro estiven en Nantes, no Museo Verne, e coñecen perfectamente a relación con Vigo.

"A tradución galega do título de 20.000 leguas é máis exacta que a castelá, malia que a novela publicouse enteira antes en castelán que en francés”

Con que tradución se queda, 20.000 leguas baixo dos mares ou 20.000 leguas de viaje submarino?

Quedo coa galega que é moitísimo máis acaida e exacta que a española. A versión orixinal en francés é Vingt mille lieues sous les mers. Dalgún xeito, non sei por que, a tradución española desvirtuou algo o nome. Hai unha particularidade, porque é a única novela que non foi publicada orixinalmente en francés senón en castelán. Verne publicaba por entregas nunha revista, e logo ao remate publicaba un libro. Cando publica 20.000 leguas estaba en marcha a guerra franco-prusiana, que logo derivará na Comuna de París, e coa cidade sitiada o editor de Verne non ten papel para editar a novela. Enviou unha copia a unha imprenta española, do señor Guimerá, en Madrid, que a traduciu e publicou 20.000 leguas como libro en castelán antes que en francés.

“Coas súas novelas por entregas Verne adiantou o fenómeno das series actuais; a xente non le novelas do século XIX, pero Verne si interesa, e non polos adiantos técnicos, que xa non nos sorprenden”

En que categoría etiqueto esta entrevista, en Cultura ou en Ciencia e Tecnoloxía?

(Rí). Podería ir nas dúas. Pero hai que salientar a grandeza de Verne, que segue a ser un dos escritores máis traducidos e editados un século e medio despois. Isto é moi raro. A xente non le novelas do século XIX, non están nos andeis das librerías. Pero Verne si que interesa, e non polos adiantos técnicos. Porque eu xa vin un submarino, xa voei nun avión, xa vin o home chegar á Lúa. As cousas que contan as novelas de Verne non me van sorprender como sorprendían os lectores do século XIX. Así que Verne ten que ter algo máis. E ten algo máis. Ten unhas tramas moi interesantes, unhas aventuras que chegan a fascinar á xente. Para min en moitos aspectos, con esas novelas por entregas, adianta o fenómeno das series actuais ás que estamos enganchados en HBO ou Netflix. El era quen, hai un século e medio co seu papel e a súa pluma, de enganchar á xente a unha serie como fan hoxe estas cadeas.

Eduardo Rolland falando de Jules Verne Dominio Público GCiencia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.