Malraio: “O poder subversivo do rock durou dous telediarios. Agora está cada vez máis domesticado”

Imaxe do concerto de Malraio no Pichel © Sue Amigo

Música de factura ruidosa cun "corazonciño pop". Mais, dentro de son -ou da tensión, como din eles- de guitarras cun enfoque "cañeiro", case o que lles boten. Un amplo abano de cousas. Sen ortodoxias. Sen obrigas de ir polo carreiro das estruturas clásicas. Así definen o seu proxecto os membros de Malraio, a banda compostelá formada por Roi Fernández, Jaime Pombo, Manu Raña e Jacobo Iglesias. Catro coñecidos músicos da escena rock da cidade que se xuntaron hai un par de anos para tocar xuntos e a ver que pasaba.

Veñen de sacar o seu primeiro EP, Prótese, que presentaron hai unhas poucas semanas nun concerto no Pichel. As súas letras falan de persoas que finxen ser outras. De falsas necesidades impostas polo mercado. De redes sociais que fomentan o individualismo e agochan a soidade. Do mundo de hoxe, visto desde a madurez dos 40 anos. Sen expectativas fantasiosas. Cos pés na terra. "Somos catro amigos que o pasamos ben tocando. Iso a min chégame, éncheme. Se sae algo bonito, mellor", di un deles. Pois iso.

Comezastes a tocar xuntos sen idea de formar un grupo?

Roi: Xa tocaramos xuntos antes. Jaime e eu viñamos de Mato Grosso. Despois Jaime estivo un tempo fóra e, cando volveu, falamos de que igual estaría ben volver facer algo… Despois estaba Jacobo, que estivera nos Samesugas pero había tempo que non tocaba, e Manu, que estivera nos Gintonics… Foi todo rápido e casual. Comezamos hai dous anos, na Casa Xurásica versión IV, un local de Meixonfrío polo que pasou moita xente cando en Santiago non había onde ensaiar e polo que hoxe anda tamén moita xente do noso “rollo”. Se hai en Santiago algún sitio que manteña viva a chama do rock and roll, alí é.

"Se hai en Santiago algún sitio que manteña viva a chama do rock and roll, é a Casa Xurásica"

Falabades nunha entrevista en Sermos con Daniel Salgado dunha “tensión entre guitarras”. Por que?

Roi: En realidade, temos liberdade para tocar, cada un, o que lle apeteza. Tamén tentamos poñer algo de orde, pero iso non sempre se consegue. E parte do noso son é iso, a negociación entre guitarras, a tensión entre guitarras. E iso pode ás veces resultar algo caótico. Mais se cadra está mellor así: que non haxa un son tan ordenado, que non estea todo perfectamente claro. É parte do noso son.

Jaime: Tamén é porque o grupo é moi aberto musicalmente. Non hai un tipo de música definido. Pode pasar de todo. E despois a forma de tocar de cada un tamén lle dá personalidade.

"O grupo é moi aberto musicalmente. Non hai un tipo de música definido. Pode pasar de todo"

Roi: Claro, non somos un grupo de xénero. Mesmo podemos falar de pop, porque moitas das cancións móvense dentro das coordenadas de estrofa-estribillo, con estrutura clara. Non facemos rock sinfónico nin dodecafonía…

Antes de que chegarades, Jacobo e eu falabamos de que o rock se volveu unha música máis ben de “puretas”, porque o que peta agora é o hip-hop. É iso certo?

Roi: Eu penso que hai un mogollón de chavalada heavy, por exemplo. Despois hai moita xente nova que si, que está máis próxima ao hip-hop. O Ruta agora é un local de trap, de hip-hop…

Jacobo: Eu penso que agora é bastante máis difícil ver nos festis de rock tipos de 20 anos pegando chimpos.

Roi: Mais, onde están os festis de trap? Eu non os vexo.

Jaime: De rap si que hai.

Roi: Pero nin lles sabemos o nome.

Jaime: Non llo sabemos nós, pero si que os hai, e teñen un circuíto da hostia.

Roi: Si que é verdade que é onde está a pasta. Os que fichan polas multinacionais, son do trap.

Jaime: Tamén hai festis de rock aos que a xente non vai para escoitar música.

Roi: Si, a cuestión, tamén, é que haxa concertos de calidade.

Jaime: Que é o que nos apetece a nós…

En relación con iso, tedes intención de saír moito, de facer moitos concertos?

Roi: Non vamos agoniarnos con iso, con xirar e facer tantos concertos ano ano. O que queremos é facer cancións, facelas cada vez mellor e poder tocalas en directo.

"O que queremos é facer cancións, facelas cada vez mellor e poder tocalas en directo"

Jaime: Facer moito concerto acaba cansando tamén.

Roi: Si, supón sacrificar cousas e consumir moita enerxía. É difícil compatibilizalo co traballo…

E o disco? Fixéstelo en formato artesanal. Con deseño de Roi.

Roi: A primeira idea foi facer un vinilo. Mais, por que non facer un CD? Optamos por un formato un pouco distinto, sen papel. Ademais, tampouco hai que complicarse demasiado co formato físico. O que pasa é que, se queres facer concertos, tes que ter algo que presentar. Este é o noso primeiro E.P., e tamén pode escoitarse online. Ademais, tamén hai certo snobismo co vinilo. O CD é máis un formato da clase traballadora, que carallo. Sacar un vinilo é moito máis caro.

"Tamén hai certo snobismo co vinilo. O CD é máis un formato da clase traballadora"

Iso ten relación cunha das cancións do disco, Zoo da working class. “Pintas os corpos coma os chicos de barrio, aos que non tocarías nin cun pau largo”, di. Por que?

Roi: Hai unha certa onda de modernidade, protagonizada por xente que non tivo problemas na súa vida, por identificarse esteticamente coas clases baixas.

"Hai unha certa onda de modernidade, protagonizada por xente que non tivo problemas na súa vida, por identificarse esteticamente coas clases baixas"

Jaime: Estética e socialmente.

Roi: Refírome ao rapaz de escola privada tatuado, que escoita trap, pero que nunca tivo problemas para que lle comprasen roupa nin ningunha outra cousa. Hai, niso, unha dobre identificación. O pijo que se fai pasar por algo que non o é. E logo o rapaz de barrio que merca os polos cun logo moi grande e que tamén se disfraza de algo que non é. Hai ese cruce.

Jaime: Eu penso que é polo círculo social no que se moven. A xente adáptase…

Roi: Tamén igual é sentimento de culpa por non ter pegado un pau á auga na vida…

Jaime: Sentimento de culpa… non sei.

Jacobo: Tamén pasou unha cousa. Todo o mundo poñía a caldo o rollo poligonero. E de repente chegan uns intelectuais dicindo que iso é a hostia…

"Todo o mundo poñía a caldo o rollo poligonero. E de repente chegan uns intelectuais dicindo que iso é a hostia…"

Roi: Si, hai unha certa intelectualización do tema por parte da crítica especializada. De xeito que se es rockeiro, pasas a ser unha especie de subpersoa. Porque o moderno é o trap, o reggaeton… Conste que eu, por exemplo, si coñezo xente á que lle gusta o trap e que o argumenta moi ben. E a min paréceme estupendo.

E Dolorean? “Calquera tempo pasado foi anterior. Saudades dun futuro mellor”, di. Parece falar da necesidade de buscar vías de escape en momentos malos…

Roi: Pois é unha canción que ten que ver con facerse maior. Parece que non mola falar de que pasaches dos 40, pero é a realidade. A canción fala da máquina do tempo, de facer como se non pasase o tempo, de enganar o mecanismo. Como este fenómeno que se comenta agora do Mamil -Middle Aged Men in Lycra- que vai por aí en bici os domingos pola mañá…

Manu: É un pouco o síndrome da extensión infinita da xuventude. Un fenómeno do mundo occidental. Ser novos ata os 50 anos…

Extrasístole fala do corazón e os seus movementos…

Roi: Fala de xustificar episodios cardíacos mediante o romanticismo. Non ten máis ca iso.

Parece claro que es ti quen escribe as letras. É habitual que os grupos digan que fan todo entre todos. Pero case sempre é mentira.

Roi: É que eu penso que é mellor que as letras as faga quen vai cantalas. Tamén llas podes encargar a alguén, pero despois é moi complicado cantalas, sobre todo se non es músico. Eu canto primeiro algo fonético, a miña métrica é fonética, e iso condiciona á hora de escribir a letra. Consiste máis ben en ir encaixando despois as palabras nos espazos.

E a música? Diciades ao principio que non había un estilo concreto.

Jaime: O abano é moi amplo. Podemos facer calquera cousa.

Manu: Tampouco hai que crer en dogmas nin en ortodoxias a estas alturas. Facemos a música que nos gusta e o abano, si, é amplo, dentro da música de guitarras, tirando á caña. Non é que pensemos: queremos soar hardcore, ou o que fose.

"Facemos a música que nos gusta e o abano, si, é amplo, dentro da música de guitarras, tirando á caña"

Roi: Mais iso tamén é algo que di todo Dios. E ás veces non é verdade. Hai xente que si fai un tipo de música ben concreto.

Jaime: Xa, e cando é moi evidente é bastante estúpido negalo.

Manu: Despois tamén pasa que o público pode ser máis clarividente que o autor, ver con maior claridade que tipo de estilos o están a influenciar. Nós traballamos cunhas estruturas e o resto é ver onde nos leva, que pode ser un lugar ou outro.

Roi: É o que falabamos antes. Pódese dicir que ten algo de pop, de rock… Non temos que comprometernos cunha estrutura, que domesticar as cancións para que entren nunha estrutura clásica dunha canción de rock. E eu, xa o dicía, si fago estruturas pop: estrofa-estribillo…

"Non temos que comprometernos cunha estrutura, que domesticar as cancións para que entren nunha estrutura clásica"

Jacobo: Si, pero é certo que cando empezamos non tiñamos moi claro por onde iamos tirar, e pensabamos na vertente post hardcore.

Manu: Poderiamos dicir que a factura é máis ruidosa, pero que temos un corazonciño pop, clasicote.

"Poderiamos dicir que a factura é máis ruidosa, pero que temos un corazonciño pop, clasicote"

Roi: Ademais, que máis dá iso, mentres a canción estea ben.

Manu: Ademais, é algo que vai cambiando. Igual o ano que vén nos dá de facer temas de oito minutos… Non sabemos.

Por que o disco se chama Prótese? É o título dunha canción que fala de sublimarse...

Roi: Pois era a palabra máis curta, que para o deseño viña ben… En realidade, é a primeira letra que fixen na miña vida. Cun riff de guitarra de Manu. Esta letra acabou marcando o ton das demais.

Jaime: E da música.

O de gravar só cinco cancións foi por algunha razón? Porque tedes máis. Aínda que o que se fai agora é máis ben ir movendo cancións individuais en internet...

Jaime: É a primeira gravación que facemos. Tampouco hai necesidade de gravar máis.

Manu: E hai temas que xa se gravarán no futuro.

Roi: Como presentación, está ben o que fixemos. Os temas que cadraban mellor xuntos eran estes.

Manu: Tampouco nos apetecía ir ao L.P. É a cultura da que vimos pero, como dis, xa non é o que se fai normalmente.

E Funambulistas? Fala da egolatría das redes sociais, de afectos falsos…

Roi: Tamén fala do viva antes… É unha mestura de temas. Prótese fala dos gadgets, das próteses que nos poñemos e que non precisamos. De necesidades inventadas, creadas polo mercado. O das redes sociais tamén ten relación con iso. Cada vez estamos máis sós, e é que promove o mercado, porque premia o individuo.

"Cada vez estamos máis sós, e é que promove o mercado, porque premia o individuo"

Manu: As redes sociais son un escaparate nunha sociedade cada vez máis individualista. E iso é algo fomentado desde o poder.

Roi: Somos escaparates de nós mesmos, pero non se pode ser só un escaparate.

Manu: A xente que traballa en Silicon Valley está mandando os fillos a escolas nas que non teñen móbiles, nin redes sociais…

Roi: Son perfectamente conscientes do que están metendo na cabeza dos pequenos.

Manu: E despois que, claro, o poder subversivo do rock durou dous telediarios, mentres foi unha novidade na sociedade americana. O rock agora está cada vez máis domesticado, tornouse un instrumento da dominación cultural tan potente ou máis que o cine. Ian Svenonius explica moi ben iso…

"O rock agora está cada vez máis domesticado, tornouse un instrumento da dominación cultural tan potente ou máis que o cine"

Roi: Xa, mais que é subversivo agora?

Manu: Igual eu son marxista demais pero para min está claro: estrutura e superestrutura. O resto son comedias. Había un periodista ruso que comentaba que, antes da caída da URSS, a cultura americana era para a xente unha especie de terra prometida. Pero despois da caída da URSS empezan a darse conta da realidade: as políticas yankees de hexemonía...

Jaime: A cultura está totalmente prostituída, iso é verdade.

Supoño que iso foi pasando con todo. O mercado vaino absorbendo todo. De aí a que todo estea desactivado...

Jacobo: Pasa co rap tamén.

Roi: A nivel de letras, o hip-hop si era subversivo. Despois veñen os “blanquitos”, a industria…

Jacobo: Tamén hai escolas de hip-hop máis políticas.

Manu: En xeral, hai unha maquinaria de marketing potente detrás da música.

"En xeral, hai unha maquinaria de marketing potente detrás da música"

Jacobo: Tal como funcionan os mass-media, evitan que saia nada que puidese ter unha verdadeira repercusión nese sentido. O produtor diche que fagas o que se leva.

Manu: Pero iso foi sempre. Iso xa o contaba Frank Zappa. En España non era delito pinchar nas radios. En Estados Unidos si era delito, e as discográficas pagaban ás emisoras de radio para que pinchasen os seus discos. Zappa falaba dos executivos clásicos. As discográficas contrataban uns señores para buscar talentos, para investigar. Ao patrón o que lle interesaba era se ía funcionar. Se lles parecía que algo ía ir para adiante, poñían pasta e nada máis. Pero despois estes señores acaban meténdose en cuestións artísticas, de maneira que o homoxeneizan todo. Eu penso que é como o mito de Sísifo: sobes e volves baixar. Volverá xurdir algo subversivo, e volverá baixar.

Jaime: Todo é moi cíclico, si, tamén.

E falando da importancia da promoción e diso, a vós parécevos que é difícil atopar onde ir tocar?

Roi: Eu penso que para as bandas novas si hai circuítos. O que pasa é que igual tes que pasar un par de anos indo a todos os sitios, a todos os festis…

Jaime: Non o teño tan claro. Penso que niso tampouco hai que ter moitas expectativas. Se estás metido dentro, atopas onde tocar. Se non estás, hostias. É o que falabamos antes.

Manu: A min tampouco é algo que me preocupe moito. Sempre foi difícil ter onde tocar.

Roi: Pero hai moita renovación de bandas.

Jaime: Si, pero non hai moito onde tocar. Eu penso que hai menos ca antes.

Roi: En Galicia non hai tanto fallo. Si que se lle dá cancha ao tema underground. Eu penso que estamos mellor que noutros lados. Eu estiven en varios grupos e nunca tivemos problemas por non ter onde tocar.

"En Galicia non hai tanto fallo. Si que se lle dá cancha ao tema underground. Eu penso que estamos mellor que noutros lados"

Jaime: Pois a nós si que nos ten pasado. Despois, tamén, se é música en galego é máis difícil.

Roi: A ver, o que pasa é que tampouco é esperar a que te chamen. Tes que facer cousas.

Jaime: Xa. Cando eu empezaba cos Túzaros tamén era así. Tiñas que buscarte a vida. Pero se o facías, atopabas. Agora dinche que non.

Manu: En calquera caso, a escena está nun moi bo momento. Hai máis bandas ca nunca, máis festis ca nunca. E tamén depende de como se monte a movida. Noutros países cóidase máis todo: as salas, os bares… Que se coide o aspecto técnico nos locais é moi importante, por exemplo. Máis alá de que agora, na música, non se fai un peso.

Moitas veces supoño que se perderá, ademais...

Manu: Hai anos tiñas que levar ti todo ao local…

Jaime: Si, pero pensa cantas salas hai en Santiago. Son dúas: a Capitol e a Malatesta. Para un grupo coma o noso igual son moi grandes.

Manu: Pero hai máis, coma a Borriquita, por exemplo.

Roi: Hai, pero igual non están moi preparadas para concertos. Non podes levar amplis…

Jaime: A ver, o que eu penso é que antes había máis concertos. Antes tocabas case en calquera sitio.

Tamén hai menos xente en Santiago…

Roi: Eu non creo que estea tan mal a situación.

Jaime: Eu non digo que estea mal. Só digo que non estamos mellor ca antes.

Manu: Tamén había moita militancia. Moito garito pequeno que montaba concertos… E eu penso que o que collemos do punk é iso: facer as cousas nós mesmos, tirar para adiante…

Xa que saíu o tema dos grupos que tiñades antes, podedes situarvos niso? É dicir, de onde vides cada un de vós, musicalmente.

Jaime: Jacobo e eu vimos dun rollo máis hardcore: Túzaros, Dirty Barriguitas…

Roi: Nicho Varullo, a Psicofónica… Eu penso que algo collín de moita xente.

Jaime: Tamén Fame Neghra…

Roi: Ou Samesugas…

"Para dicilo en poucas palabras, somos dous hardcoretas de pata negra e outros dous máis de rollo garage"

Manu: Para dicilo en poucas palabras, dous hardcoretas de pata negra, e outros dous máis de rollo garage.

Roi: Eu, ao ser de Vigo, tamén veño dun lugar cunha escena musical moi forte. Un pouco rockabilly, tonteando tamén un pouco co garage ou mesmo co mod… Pero, como dixen ao principio, a min unha persoa que me vén con outra cousa, e que me argumenta, tamén pode convencerme. Podo deixarme contaxiar, incluso co trap. Non son unha persoa pechada. Ben, tampouco teño que xustificarme tanto…

Falabades antes da pegada punk. Que non quere dicir que fagades música punk.

Jacobo: Saber que non tes que ser un músico da hostia para expresarte.

Manu: Si, é iso. Que calquera pode facelo, que non tes que ser un virtuoso.

Jacobo: O punk era un pouco iso: veña, ti tocas a guitarra a ti a batería. Saes aí, e xa aprenderás. E toda a movida dos 80 en España foi así…

Manu: E nós estamos cómodos con iso. Segue a parecernos válido. E dicímolo porque, non é o noso caso, pero si hai quen che vén con ortodoxias, con que tes que cinguirte á ortodoxia. E a lección do punk é que non é así. É do it yourself. Gústanos esa ética punk.

"A lección do punk é do it yourself. Gústanos esa ética"

Jacobo: É iso, si, a autoxestión…

Jaime: Eu sei que como instrumentista non teño un dominio brutal e tampouco é o que pretendo.

Manu: É máis facer o que nos gusta.

Jaime: Ademais, é que non hai que tomar todo tan en serio. Somos catro amigos que o pasamos ben tocando. Iso a min chégame, éncheme. Se sae algo bonito, mellor.

"O underground é cómodo porque che permite funcionar como funcionamos nós: autoxestionarte, facer discos a demanda e tocar cando che apetece"

Roi: Tamén é o que hai. Non hai industria musical, non hai cazatalentos… O underground é cómodo porque che permite funcionar como funcionamos nós: autoxestionarte, facer discos a demanda e tocar cando che apetece. Sen obrigas.

Dominio Público Praza Pública
Dominio Público Praza Pública
© Sue Amigo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.