Vila de Cruces, capital da 'nova regueifa feminista'

Participantes da asemblea de mulleres repentistas Dominio Público Regueifesta Baio Cruces

Este sábado 24 de febreiro, celébrase en Vila de Cruces o II Encontro de Mulleres Repentistas da Galiza, organizado pola comunidade educativa do IES Marco do Camballón. O encontro busca "visualizar a nova xeración de improvisadoras da Nova Regueifa Feminista" e servir de foro de reunión para as protagonistas deste movemento. Un total de 15 regueifeiras de todo o país citaranse en Vila de Cruces.

A xornada comezará ás 11.30 no Auditorio Xosé Casal cunha Asemblea de Mulleres Regueifeiras, onde se valorará a situación actual do movemento repentista. Xa pola tarde, a partir das 16.30, terá lugar unha mesa redonda sobre Regueifa e feminismo e a continuación (18 horas) celebrarase un espectáculo de regueifa onde participarán regueifeiras de toda Galicia. Nel participarán regueifeiras locais como Nuria das Cruzes ou Lorena Medela, e tamén repentistas doutras comarcas, como Alba María, Sara Marchena, Sofia, a Gharota da Ribeira, Marisa Otero, Pia Lago, Lara do Ar, Silvinha, Aurora Redondo, Olaia Liñares ou Joana Santos Vilela e Estrela do Courel. Así mesmo, intervirán as nenas do Clube de Regueifa da Escola Semente de Compostela. 

No evento haberá, ademais, un momento para unha homenaxe póstuma ás persoas que no ano 1980 foron gravadas pola musicóloga suíza Dorothe Schubart en Sabrexo e cuxas cancións forman parte do Cancioneiro Popular Galego e do patrimonio inmaterial do noso país. Despois do espectáculo, terá lugar ás 20.30 unha foliada regueifesta no Bar Txapela. 

 

A Regueifesta

Vila de Cruces tense convertido nos últimos anos, grazas ao impulso da comunidades educativa do IES Marco do Camballón, nun dos mellores exemplos da recuperación e actualización das regueifas, achegando esta tradición ás xeracións máis novas e colocándoa nun lugar protagonista no século XXI. Xunto co IES Maximino Romero de Lema de Baio (Zas) impulsa o Proxecto Regueifesta, unha iniciativa de dinamización lingüística que ten como obxectivo "impulsar a regueifa como forma de socialización entre a xente nova, como instrumento para desenvolver habilidades lingüísticas e como recurso para estimular a creación musical".

"A situación do noso país continúa a evolucionar de forma dramática cara á desgaleguización, especialmente na infancia e na mocidade. O proceso acontece simultaneamente no campo das actitudes, o coñecemento e os usos lingüísticos e musicais. É fundamental traballar pola vitalidade da nosa lingua nos centros de ensino. Mais non esquezamos que o achegamento da xente nova á nosa lingua debería ir alén do ámbito educativo, formal e informal. O propio proxecto ten como obxectivo final crear novos espazos de encontro entre a lingua galega e a xuventude relacionados con espazos propios de ocio e tempo libre desta franxa de idade", destacan.

Ademais de na recuperación da lingua entre a mocidade, o Proxecto Regueifesta fai fincapé no desenvolvemento de valores, entre os que a igualdade de xénero xoga un papel fundamental. "Pensamos que neste proceso, o proxecto pode achegar actualidade, modernidade e a vitalidade da xuventude e renovar dinámicas participando, por exemplo, na aparición dunha Nova Regueifa de Muller, impulsada tamén polas nosas alumnas", sinalan.

A vizosa iniciativa que ten lugar nos institutos de Vila de Cruces e Zas non é a única. Xa a finais dos anos 90 naceu en Vigo a Asociación ORAL. Máis recentemente destaca o impulso de Enreguéifateun proxecto dos concellos de Ames, Carballo, Santiago de Compostela e Teo, a través dos seus servizos de normalización lingüística, para apoiar a difusión da improvisación oral en verso e contribuír por medio dela á promoción do uso da lingua galega. O obxectivo principal deste proxecto é que a cidadanía entre en contacto coa improvisación oral en verso a través da experiencia de regueifar, nomeadamente no ámbito escolar.

Neste senso, a pasada semana Carballo acolleu a Xornada Enreguéifate, na que participaron uns 70 membros da comunidade educativa de toda Galicia, nomeadamente docentes. O obxectivo era fornecer de ferramentas e recursos didácticos ao profesorado para o aproveitamento educativo da improvisación oral e dar a coñecer, valorar, compartir e avaliar experiencias, recursos e materiais positivos e aproveitables de usos didácticos da regueifa e a improvisación oral no ensino. Con esta xornada buscábase contribuír á modernización da creación cultural desde o ámbito escolar e contribuír tamén á actualización da nosa tradición, traendo ao século XXI a improvisación oral en verso, unha caste de Regueifa 2.0. Neste encontro, Alba María e Sara Marchena, pertencentes a unha nova xeración de regueifeiras, ofreceron un obradoiro teórico-práctico sobre como educar en igualdade a través da improvisación oral.

Ademais desta formación para o profesorado, o proxecto Enreguéifate inclúe formación para o alumnado. Así, en Carballo haberá nas próximas semanas unha ducia de obradoiros para todo o alumando de 1.º da ESO e, ademais, un obradoiro para público xeral para todas as persoas interesadas en coñecer máis, aprender e practicar este arte da improvisación oral en verso. Recentemente comezouse a implantar nalgúns centros educativos galegos unha materia optativa sobre a improvisación oral en verso, un primeiro paso para que os docentes e as docentes se acheguen a este movemento e fagan que o alumnado se sume a el.

Nas vindeiras semanas convocarase a segunda edición do certame de regueifas en video Enreguéifate, que o ano pasado contou con seis categorías: Regueifa máis brava, Regueifa máis aguda, Regueifa máis diversa, Regueifa máis reivindicativa, Regueifa mellor falada e Regueifa mellor cantada. O 2 de maio celebrarase no Auditorio de Galicia (Santiago de Compostela) o festival Regueifesta, que busca ser un punto de encontro de escolares de todo o país arredor da improvisación oral en verso. Ademais, nela participará alumnado procedente de Euskadi para establecer unha ligazón entre a regueifa e o bertso. Neste encontro, asemade, procederase á entrega de premios da II edición do certame.

Especialmente interesante é a actividade desenvolvida no Clube de Regueifa da Escola Semente de Compostela, que achega esta tradición aos máis pequenos e pequenas, nenos e nenas entre os 0 e os 6 anos que aprenden a rimar, asegurando a súa transmisión e súa utilización como un elemento de modernidade.

Vila de Cruces acollerá o II Encontro de Mulleres Repentistas da Galiza Dominio Público Praza Pública
Na xornada de Carballo ofreceuse un obradoiro teórico-práctico sobre como educar en igualdade a través da improvisación oral Dominio Público Normalización Lingüística Carballo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.