Compostela: Unha cidade como un gran taboleiro de tres en raia

Taboleiro fronte a San Martiño Pinario © Colectivo A Rula

Algunha vez, paseando por Compostela, reparastes nas marcas que teñen algunhas lousas en prazas e adros de igrexa? Así como unha sucesión de buracos, dispostos en tres fileiras de tres. O Colectivo A Rula -que dende hai anos traballa na divulgación e protección do patrimonio, principalmente da arte rupestre- vén de publicar unha relación destes elementos (un total de 167), sinalando que non se trata de marcas de canteiros senón que de taboleiros de xogos, empregados pola veciñanza dende o século XVII. Máis complicado resulta coñecer os xogos concretos para os que se utilizaban estas lousas, pero dende a a entidade apúntase a que se podería tratar do pai-fillo-nai, o tres en raia. 

A documentación recollida polo colectivo inclúe un mapa coa localización dos taboleiros e fotografías de moitos deles, datados entre o final do século XVII e todo o XVIII

A documentación recollida polo colectivo inclúe un mapa coa localización dos taboleiros e fotografías de moitos deles, datados entre o final do século XVII e todo o XVIII, o período barroco que en boa medida lle dá forma á actual centro histórico de Compostela. O seu obxectivo é dar a coñecer a existencia deste patrimonio, tan ligado ás ao lecer e á cultura popular da poboación, para garantir a súa protección, alertando de que moitos destes elementos foron desaparecendo nas últimas décadas -ou corren o risco de facelo- en procesos de rehabilitación, limpeza ou renovación do enlousado de rúas e prazas. Nalgúns adros substituíuse a case totalidade da pavimentación orixinaria, por exemplo no Convento de Belvís ou na Capela da Pastoriza. Anuncian, ademais, a convocatoria dun roteiro nocturno para as vindeiras semanas para quen queira coñecer máis de preto estes elementos (que se observan mellor con luz rasante) e os seus posibles usos. "Con iso damos por rematada a nosa actividade, porque non somos expertos. A partir de aquí, quen o queira recoller, que o estude en profundidade", sinala Luis Leclere, integrante do colectivo

"No colectivo tiñamos xa localizada algunha coviña nalgún adro dalgún dos templos composteláns, pero non lle déramos máis importancia", explica Leclere. No verán de 2015 os irmán Lito e Gloria Sande atoparon un conxunto de 17 taboleiros no adro de Santa Clara e nos días posteriores publicaron estes e outros achados semellantes a través de Facebook, unha descuberta da que se fixo eco El Correo Gallego. "A partir dese momento comezamos dende o Colectivo A Rula a catalogar estes elementos de forma sistemática", indica Leclere, que engade que a relación 167 taboleiros catalogados "non esgota os taboleiros conservados e agochados nas rúas de Compostela, polo que pensamos que é necesario un estudo pormenorizado que permitiría localizar máis gravados".

Dende A Rula comentan que "a maioría dos taboleiros localizados poden ser identificados, sen moito xénero de dúbida, como un modelo moi sinxelo de taboleiros do xogo do pai, fillo, nai ou tres en raia". Leclere destaca que hai exemplos de taboleiros semellantes en varias catedrais inglesas, empregados para xogar ao Nine Men´s Morris, outra denominación para o mesmo xogo. E salienta que en Compostela, sobre ese esquema básico de nove puntos, varios dos taboleiros inclúen outro tipo de debuxos: Sucos interiores unindo coviñas, sucos exteriores perimetrais das coviñas, sucos rectos ou remates absidiais... "Descoñecemos se os sucos engadidos tiñan utilidade práctica para o desenvolvemento do xogo ou si se trataba só de engadidos decorativos", din. De igual xeito, tamén se atoparon taboleiros con deseños máis complexos (por exemplo, unha matriz 5 por 6 no convento de San Francisco). "Na gran maioría dos casos trátase do tres en raia de toda a vida. Pero é un xogo que ten unha evolución ao longo do tempo moi grande. En certos lugares, como San Martiño Pinario, onde hai 47 taboleiros na fachada que dá á Acibechería, podemos pensar que alí se daban outro tipo de xogos ou variantes do pai-fillo-nai máis elaborados", explica Leclere.

Leclere explica que "o pai-fillo-nai tiña moita tradición en Compostela e era un xogo moi común" e que probablemente a poboación empregaba con anterioridade taboleiros marcados con xiz ou tella, ou inscritos directamente na terra ou en elementos perecedoiros ou efémeros (madeira). As Ordenanzas Municipais de 1687 recollen a prohibición de "todo tipo de juego los días festivos antes de las doce, porque hasta entonces no estan dichas todas las misas, pero también que los practiquen durante la semana sirvientes, estudiantes y trabajadores”

"Nos anos 50 do século pasado, antes de que Pons Sorolla cambiase os bancais da fachada da Quintana, alí os nenos xogaban campionatos de tres en raia empregando os taboleiros existentes. Era un xogo vivo ata os anos 60 ou 70"

"O proceso de petrificación de rúas e prazas no barroco foi o que permitiu a persistencia destes taboleiros", subliña Leclere. O colectivo subliña que se trata "dun fenómeno propio de Compostela" e que "ata o momento non coñecemos taboleiros desta mesma tipoloxía en ningún outro lugar de Galicia". E destaca que se localizan "en lugares de acceso público", atopando unicamente catro excepcións a esta regra. A maioría destes exemplares localízanse en adros, escalinatas, escaleiras, bancos, chanzos de cruceiros, fachadas de templos e prazas. Lugares, todos eles, de paso ou de encontro de grupos de persoas. Apuntan, ademais, que a explicación de que non se atopen taboleiros gravados a partir do século XIX débese á aplicación de novas normas de xestión dos espazos públicos, Con todo, Leclere sinala que a tradición do xogo se mantivo ata ben entrado o século XX: "Nós temos constancia que nos anos 50 do século pasado, antes de que Pons Sorolla cambiase os bancais da fachada da Quintana, alí os nenos xogaban campionatos de tres en raia empregando os taboleiros existentes. Era un xogo vivo ata os anos 60 ou 70".

Distintos deseños de taboleiros atopados en Compostela © Colectivo A Rula
Taboleiro na Igrexa da Compañía © Colectivo A Rula
Praza do Obradoiro © Colectivo A Rula

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.