0 Gardados para despois

Comeza o Festival Atlántica: Moito que contar

Redacción | @prazapublica

O Festival Atlántica Internacional de Narración Oral naceu en 2013 en Santiago de Compostela buscando constituírse nun espazo de encontro de voces e historias de países e culturas diversas de todas as beiras do Océano Atlántico. Cinco anos despois o evento non só se consolidou, senón que todos os anos crece en extensión e calidade. Neste 2018 son sete os concellos que acollerán as máis 50 actividades programadas, nas que participarán 25 contadores e contadoras de Camerún, Brasil, Portugal, Xaén, Tenerife, Madrid, Salamanca, Zamora, Valencia e Galicia. O evento terá lugar do 13 ao 18 de marzo en Compostela, A Coruña, Ourense, Ferrol, Lalín, Teo e Pazos de Borbén.

O principal obxectivo do festival é indagar nas raíces comúns das historias do Océano, na procura da identidade cultural común do Atlántico e nas historias que se foron difundindo polos camiños do mar. "Para iso estamos a traballar non só no eido dos espectáculos senón tamén, na recollida da tradición oral, contando coa valiosísima colaboración de Galicia Encantada, Memoria Media de Portugal e o Centre Artúrico da Bretaña Francesa", destacan.

Como en edicións previas, Atlántica volve programar actuacións para todos os públicos e haberá de novo espectáculos para adultos, mais tamén para cativos, que se van desenvolver nas escolas e nos centros socioculturais dos concellos participantes. O carácter inclusivo do festival reafírmase coas sesións de contos para bebés e co espectáculo en lingua signada. Ademais, este ano recunca unha das actividades que mellor acollida tivo na pasada edición: os contos na rúa con Manuel Gago. Desta volta, Gago volverá ofrecer o espectáculo "Compostela negra" e estreará "A Almáciga: cando as periferias explican o mundo".

Dende esta semana están á venda todas as entradas dos espectáculos de pago do festival. Os interesados e interesadas en asistir á Gala Inaugural ou de Clausura poden mercar as súas entradas a un prezo de 10 euros. Os máis dos espectáculos teñen un custo de 6 euros. A Gala Inaugural constitúe un dos momentos máis agardados do Atlántica. Nela danse cita boa parte dos narradores do festival e o público ten a oportunidade de coñecer novas voces e de se reatopar cos habituais. Este ano a gala vai contar coa presenza de Boniface Ofogo, Tâmara Bezerra, Nono Granero, Laura Escuela, Marian Colina, Lois Pérez, Paula Carballeira, Vero Rilo, Quico Cadaval, Avelino González, María da Pontragha, Ángeles Goás, Faia Díaz (de De Vacas), Cándido Pazó e Soledad Felloza. No referente á Gala de Clausura, as narradoras Victoria Gullón (Zamora) e María da Pontragha (Galicia) serán as responsables de poñer o peche á sexta edición do Festival Atlántica cun espectáculo titulado "Entre romances e contos".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.