0 Gardados para despois

A comunidade artística esixe a fin das inxerencias políticas do Concello de Vigo no MARCO

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


500 directores/as de museo, críticos/as, artistas e docentes de universidade de toda España asinaron xa o manifesto da Asemblea Marco#Así Non, impulsado polo grupo de 16 creadores que en febreiro rexeitaron participar na exposición Metrópole, perspectiva urbana da arte galega. O texto demanda autonomía de xestión para o MARCO e a "convocatoria da praza de dirección por concurso público, primando méritos, experiencia e a presentación dun proxecto acorde co modelo" para o que se creou o museo.

Demandan autonomía de xestión para o MARCO, a "convocatoria da praza de dirección por concurso público" e a continuidade do museo como centro de arte contemporánea

A asemblea cívica presentou este martes os apoios ao seu manifesto, nunha rolda de prensa que tivo que celebrarse na entrada do edificio, ante a prohibición de facelo na sala na que inicialmente estaba convocada. Os e as artistas e persoas ligadas ao museo nos últimos anos esixen a fin das inxerencias políticas do Concello de Vigo no MARCO e a continuidade deste como centro de arte contemporánea, acusando a Abel Caballero de liderar unha estratexia para desmantelar este espazo cultural.

"Os artistas de Vigo levamos un ano defendendo estas posicións, loitando contra o desmantelamento do Museo. Non podemos parar ata que o MARCO de Vigo teña un director elixido nun concurso aberto", destacaba Antón Patiño hai unhas semanas en entrevista con Praza. "Estase desoíndo a toda unha comunidade artística cultural e social importantísima, parece que non existimos na cidade. Hai moitísimo apoio na cidade para a continuidade do MARCO", engadía Berta Cáccamo. Nesa mesma reportaxe Agar Ledo -que dimitiu recentemente como responsable de exposicións do museo- subliñaba que "a situación do MARCO o que fai é amosar a enorme fraxilidade das estruturas culturais e da inxerencia da política que existe. Isto ten a súa orixe na forma en que nacen as nosas estrutura culturais, cunha dependencia desproporcionada do ámbito político".

Rolda de prensa 'MARCO #Así Non'

MARCO # ASÍ NON

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.