Poesía para respirar en Compostela

A organización editou un coidado libro que recolle os poemas dos e das participantes © Festival Alguén que respira

“Un mexillón na boca fai circular o Atlántico polas veas, ese océano vital que estremece os baixíos de Fisterra configurando espazo, tempo e xente...". Así comeza o Manifesto do día Mundial da Poesía, que este mércores María Xosé Queizán lerá no Teatro Principal de Compostela. Será nun recital (20 horas) no que tamén participarán cos seus versos Andrew McMillan, Olga Novo, Olvido García Valdés, Salvador García Bodaño e María Sevilla. É o primeiro acto do Festival Alguén que RESPIRA!, organizado pola Concellería de Cultura de Santiago en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Ao longo de toda a xornada deste mércores a cidade estivo xa conmemorando o Día Mundial, que se abriu ás doce do mediodía cunha salva de bombas de palenque "para anunciar a chegada da primavera e a celebración da creación literaria". Ademais, as súas librarías agasallaron cun ramallete de flores a todas as persoas que mercaron algún libro de poesía. Os ramos, que se repartirán durante toda a semana, son de fresias, que rebentam en marzo e que, na linguaxe das flores, teñen o significado da inocencia e da reflexión. Finalmente, os e as asistentes aos recitais recibirán un libro que recolle as achegas poéticas de cada un dos e das participantes no festival, ademais do texto do manifesto lido por Queizán.

O festival chegará ata o sábado 24, celebrando actividades todos os días. Para o xoves 22 está previsto ás once da mañá un café-diálogo no que participan Andrew McMillan, Olvido García Valdés e Isacc Xubín. A partir das sete da tarde, terá lugar o recital Catro graos de abertura, título que fai referencia aos catro graos de abertura das vocais en galego e que, nun programa dobre, inclúe dous enfrontamentos de regueifa [Alba María con Queco Díaz e Lupe Blanco con Suso de Xornes] e un torneo de slam, coa participación dos mellores slamers que actualmente traballan en Galicia e Portugal: Duke Sam, Nuria Vil, Oriana Méndez, Carlos da Aira, Esther Carrodeguas, Raquel Lima e Vítor Hugo Moreira. O torneo, con acompañamento musical de Velpister, estará presentado por Silvia Penas. Para pechar a xornada, a partir das dez da noite, o recital Poesía no fío ofrecerallea aos espectadores a proposta nos lindeiros poéticos que formulan, conxuntamente por encargo do festival, Clara Gayo, Carlos Santiago e Zé Paredes.

O venres 23 divídese en tres apartados, que abranguen desde a poesía performática á videopoesía. Ás seis e media da tarde, o festival propón no recital Atravesei a verxa un percorrido por insólitos espazos do Teatro Principal a través das voces de Isaac Xubín, Luísa Castro, Xabier Xil Xardón e Javier Peñafiel. Os espectadores (serán grupos reducidos e comprirá reservar previamente) descubrirán ámbitos do teatro con acceso restrinxido, como o fallado, as terrazas ou os camerinos. A partir das oito da tarde celebrarase unha sesión centrada na Escrita en conflito, título que reúne o testemuño directo de Miguel-Anxo Murado sobre a Literatura nos espazos de conflito bélico, e o recital do refuxiado sirio Mohamad Frias Alshaheen e o saharauí Bahia Mahmud Awah, presentado por Iván Prado, responsable da organización Pallasos en Rebeldía. A xornada pecharase a partir das nove e media da noite coa proxección de varios videopoemas de Miriam Reyes, Estela Pan, Cintaadhesiva e Celia Parra.

O sábado 24 o festival clausúrase cun recital ás dez da noite, presentado por Ana Romaní, no que participan Estíbaliz Espinosa, Ana Vallés con Nuria Sotelo e Lupe Gómez, ademais de Niño de Elche. As entradas a todas as actividades do festival son de balde, previa retirada de invitación no despacho de billetes do Teatro Principal.

 

Este mércores as librarías de Compostela agasallan ramalletes de flores coa compra de libros de poesía © Festival Alguén que respira
María Xosé Queizán lerá o Manifesto do Día da Poesía © Festival Alguén que respira
Antón Lopo, Branca Novoneyra e Valentín García, na presentación do festival, este martes © Concello de Santiago

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.