As editoriais galegas estarán na Feira do Libro de Boloña a pesar da falta de apoio da Xunta

Espazo do libro galego na Feira de Guadalaxara (México) © Xunta

O pasado 29 de decembro a Xunta anunciaba a súa renuncia a apoiar a presenza das empresas galegas nas feiras internacionais do libro de Boloña, Barcelona, Frankfurt e Guadalaxara, argumentando a "falta de interese" das editoras. A Asociación Galega de Editoras (AGE), que agrupa o 90% da produción editorial galega, manifestou en varias ocasións a súa contrariedade ante a decisión, reclamándolle ao Goberno galego que mantivese o seu apoio ao sector do libro, "estratéxico para o país" e reiterando o obvio interese das súas empresas por estar presente nestas citas.

Boloña é a feira internacional máis importante en compra e venda de dereitos de autor infantil e xuvenil

A AGE vén de confirmar a súa participación, por primeira vez con stand propio, na Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña, que se celebrará do 26 ao 29 de marzo na cidade italiana, nesta ocasión con China como país convidado. A cita é a feira internacional máis importante en compra e venda de dereitos de autor infantil e xuvenil. No stand estarán presentes Alvarellos Editora, Embora Edicións, Kalandraka Editora, Hércules de Ediciones, Nova Galicia Edicións, Urco Editora, Edicións Xerais de Galicia, Galaxia Editorial e Oqueleo, que contarán coa colaboración de CEDRO (Centro Español de Derechos Reprográficos) para a súa participación no evento.

Así mesmo, Kalandraka Editora e Nova Galicia Edicións contarán un ano máis con stand propio na feira, ademais de participar no da AGE. Ademais de dar a coñecer as súas novidades, as editoriais galegas que participan na feira manterán xuntanzas de traballo con representantes do sector internacional, cunha axenda pechada meses antes da celebración da Feira, ademais de realizar presentacións de libros, no propio stand e nas librarías da cidade de Boloña, como é o caso de Kalandraka Editora. 

A participación das editoriais galegas en Boloña "demostra a decidida aposta do sector polos mercados internacionais"

O mes pasado Xosé Ballesteros -presidente da AGE- xa destacaba que a participación das editoriais galegas en Boloña "demostra a decidida aposta do sector polos mercados internacionais" e facía un chamamento á Xunta para que reconsiderase a súa decisión, ante o risco de que Galicia chegue a ser "a única Comunidade Autónoma con lingua propia que non tivese presenza nas feiras do libro máis importantes do mundo".

 

Feira do Libro de Boloña © Llull.cat

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.