'Dhogs' chegará ás salas comerciais o 17 de maio

Fotograma da película Dominio Público Praza Pública

Dhogs foi a gran triunfadora dos Premios Mestre Mateo, facéndose con 13 galardóns na gran noite do audiovisual galego. O filme chegará ás salas comerciais de toda España o vindeiro 17 de maio, Día das Letras Galegas. Antes, continuará o seu periplo de festivais internacionais, que desta volta o levará ao prestixioso Festival de Cine Fantástico de Bruxelas (BIFF), un dos máis importantes do mundo do xénero. Será o 6 de abril, e competirá en dúas seccións: Orbit Competition e Filme Critics Selection​.

Esa mesma fin de semana Dhogs terá a súa premiere alemá no Festival Lichter de Frankfurt​, no cal compite polo Premio a Mellor Longametraxe Internacional. Ademais, a película de Andrés Goteira tamén foi seleccionada no ​Festival Imagine de Amsterdam​ e o İstanbul Filme Festivali​.

Coproducida por Gaitafilmes e PixelFilms e coa colaboración da Panificadora Estudos, a película foi financiada por máis de 300 pequenos investidores a través de micromecenazgo e foi subvencionada por Agadic e a Deputación Provincial de Lugo. O pasado ano converteuse no primeiro filme rodado en galego que competirá na Sección Oficial de Sitges.

O pasado 3 de marzo arrasou nos Mestre Mateo, obtendo os galardóns á mellor longametraxe e mellor guión, dirección e montaxe para Andrés Goteira, que comparte o último con Juan Galiñanes. Os académicos e académicas recoñeceron tamén a interpretación protagonista de Melania Cruz e de Iván Marcos e a interpretación de reparto de María Costas e Antonio Durán, Morris. Goteira salientou esa noite as dificultades para estrear o filme nas salas comerciais galegas (si puido verse xa no Festival de Cine de Ourense). "Algo pasa cando custa tanto distribuír unha cinta en galego nos cines de Galicia", dixo, ao tempo que denunciou a "precariedade" existente no sector.

Cartel da película © Dhogs
Fotograma da película © Dhogs

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.