A Deputación da Coruña convoca as únicas axudas para distribución audiovisual en lingua galega

Goretti Sanmartín, responsable da área de Cultura da Deputación © Deputación da Coruña

A Deputación da Coruña vén de anunciar unha nova liña de axudas destinadas á distribución de contidos audiovisuais en galego, que será a primeira en toda Galicia que cumpra esta función. A área de Cultura da Deputación destinará 150.000 euros a apoiar a distribución, comercialización e exhibición audiovisual en lingua galega. A orde sae publicada no BOP deste mércores 28 de marzo e o seu prazo de presentación permacerá aberto ata o vindeiro 8 de maio.

A iniciativa busca poñer fin “á anomalía que é a dificultade de asistir á proxección dos contidos audiovisuais de altísima calidade que se están a producir na nosa lingua”

“Consideramos que a publicación desta nova liña que une apoio á cultura e á lingua galega é unha moi boa noticia para o sector audiovisual mais tamén para a veciñanza porque facilitará o acceso a contidos audiovisuais na nosa lingua”, explicou Goretti Sanmartín, responsable da Área de Cultura, que destaca que a iniciativa busca poñer fin “á anomalía que é a dificultade de asistir á proxección dos contidos audiovisuais de altísima calidade que se están a producir na nosa lingua”.

As bases recoñecen o campo audiovisual como "ámbito estratéxico", destacando a “importancia estratéxica da existencia dun espazo de comunicación e cultura propio, vivo e que se desenvolva no noso idioma”. Na súa presentación, Goretti Sanmartín subliñou a “dificultade que existe para acceder ás producións audiovisuais na nosa lingua, o que crea unha fronteira case insalvable entre o sector que está a producir contidos e o que sería o seu público natural”. “Os contidos audiovisuais que nacen na nosa lingua infelizmente están en desvantaxe con respecto a outras culturais sen apoios específicos nun ámbito especialmente complexo como é o da distribución”, engadiu.

Goretti Sanmartín subliñou que as dificultades existentes para a difusión crean "unha fronteira case insalvable entre o sector que está a producir contidos e o que sería o seu público natural”

A convocatoria da Deputación da Coruña considera dúas modalidades, unha de apoio aos contidos audiovisuais galegos (longametraxes, curtametraxes, documentais, etc.) para a súa distribución e exhibición en lingua galega (VO, VOSG ou dobraxe ao galego) e outra para a distribución en lingua galega de contidos audiovisuais non galegos. A liña está aberta a obras de calquera duración e en calquera dos formatos e medios de difusión. As producións que concorran a esta convocatoria terán que facer tamén a publicidade e promoción na nosa lingua. A axuda non poderá superar o 80% do orzamento subvencionable, cunha cantidade máxima por proxecto de 30.000 euros.

Entre os criterios de valoración atópanse o carácter de estrea do contido audiovisual, a calidade da produción ou estar dirixida á infancia e mocidade. A convocatoria incorpora tamén o criterio de xénero, é dicir, valora a porcentaxe de mulleres no equipo técnico da produción, as persoas xefas e primeiras axudantes das equipas de dirección, produción, fotografía, iluminación, dirección de arte, son, montaxe e posprodución.

 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.