0 Gardados para despois

"Existe unha visión idílica de como foi a emigración galega, que dificulta empatizar coas migracións actuais"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Profesora no Departamento de Socioloxía e da Comunicación da Universidade da Coruña, Belén Suárez Fernández foi premio extraordinario da mesma pola súa tese sobre políticas de integración de inmigrantes. Este mércores interveu en Pontevedra na XXXV Semana Galega de Filosofía, que este ano xira ao redor da Filosofía e o Común. Suárez, membro do Equipo de Socioloxía das Migracións Internacionais (ESOMI) e do Centro de Estudos de Xénero e Feministas (CEXEF) da UDC, falou de "A integración da alteridade á galega: inmigrantes en territorio migratorio". 

Suárez parte da idea de que Galicia é "un territorio de superdiversidade migratoria", un cruce de camiños entre un pasado e presente migratorio

A partir da idea de que Galicia é "un territorio de superdiversidade migratoria", un cruce de camiños entre un pasado e presente migratorio, Suárez analizou as actitudes da sociedade galega ante os novos procesos de emigración e inmigración. Unha emigración que sempre é un acto político, defendeu citando o sociólogo franco alxerino Abdelmalek-Sayad: "Emigrar é un acto político porque supón o traspaso de fronteiras, obriga á sociedade a se pensar a se mesma e materializa que esas persoas que atravesan as fronteiras non se renden á realidade dos seus distintos países e arelan o que todos: un mundo mellor”.

Falas de Galicia como "un territorio de superdiversidade migratoria", no que se superpoñen procesos de saída e de chegada ao longo de varias xeracións...

Si, Galicia é un caso destacado de superdiversidade migratoria, onde conflúen a vella emigración a Latinoamérica e Europa, a posterior migración de retorno e, posteriormente, ao igual que outros países da contorna, unha inmigración económica sen outras conexións con Galicia, que chega para ocupar postos en determinados nichos laborais. E, por último, a existencia motivada pola crise económica global de novos fluxos de emigración de moitas mozas e mozos, tanto ao estranxeiro, como cara a cidades globais como Madrid ou Barcelona na procura de mellores oportunidades laborais, e que implica un baleirado de xente nova no país.

"Existe unha visión idílica de como foi esa emigración galega de hai unhas décadas: que eles ían traballar alí e nada máis. Nesa visión esquécese, por exemplo, que moitos galegos emigraron sen papeis a Alemaña"

Esta realidade, que necesariamente marca a sociedade galega, inflúe nunha mellor percepción do proceso inmigratorio actual, en actitudes máis positivas ante el?

Sabemos pouco sobre iso. O último barómetro que fixo a Secretaría Xeral de Emigración, no ano 2011, vén dicir que os galegos e galegas asocian inmigración con traballo, seguramente porque existe unha visión idílica de como foi esa emigración galega de hai unhas décadas: que eles ían traballar alí e nada máis. Nesa visión esquécese, por exemplo, que moitos galegos emigraron sen papeis a Alemaña. E esa visión leva a que mentres haxa emprego a presenza dos inmigrantes é entendida como lexítima, pero se non o hai parece que a conclusión é que deberían marchar. Outra cuestión é a percepción da mobilidade social ascendente nas últimas xeracións, que leva a percibir unha distancia social en relación coa inmigración que nós recibimos aquí, entendendo o noso pasado migratorio como distinto, ordenado, fronte a unha visión da inmigración actual como máis desordenada ou vinculada a estereotipos. Todos estes factores impiden que o noso pasado migratorio se traduza en maior empatía ou tolerancia cara á inmigración actual.

Existe un déficit de investigación e de reflexión en Galicia sobre o fenómeno migratorio, a pesar da importancia social que tivo durante varias xeracións? 

É necesario contextualizar isto no feito de que Galicia é un país que en xeral se ten desinteresado pola investigación, cando menos no que respecta ás súas políticas autonómicas. A última convocatoria de subvencións para investigación, que permitiu traballar dende a UDC cuestións relacionadas coas migracións, é do ano 2014. A Xunta non financia a investigación como tal, proxectos de investigación vinculados á realidade galega. Hai un desentendemento total.

"O 50% dos galegos pensan que as persoas migrantes perciben máis prestacións que as persoas nacidas en Galicia. Isto, dende a sanidade ás pensións, non é en absoluto así"

Debemos preocuparnos ante o ascenso de posicións xenófobas nas nosas sociedades ou da utilización disto por determinadas forzas políticas como un gancho electoral?

Temos que estar preocupadas, hai un contexto moi adverso en varios países de Europa. En certa medida, do que se nutren todos estes partidos é de determinados mitos e prexuízos existentes na sociedade que non teñen base científica, pero que é moi difícil desmontar. Por exemplo, o 50% dos galegos pensan que as persoas migrantes perciben máis prestacións que as persoas nacidas en Galicia. Isto, dende a sanidade ás pensións, non é en absoluto así. Sobre todo porque as persoas inmigrantes son na súa maioría persoas activas que cotizan ao sistema e que, ademais, probablemente non vaian ter dereito a unha pensión, porque xa cotizaron varios anos noutros países ou porque traballaron sen estar dadas de alta na Seguridade Social. O único espazo no que están sobrerrepresentados é nos Servizos Sociais, onde deben acudir con moita frecuencia a tramitar papeis.

En efecto, en moitos casos esas percepcións erróneas son creadas polos medios de comunicación ou por partidos políticos que utilizan este tema como arma electoral, co custo de provocar divisións sociais e fenómenos de racismo expresivo. Temos que estar preocupadas, ademais, polos recortes e a redución do gasto público neste contexto, que leva a unha situación de guerra entre pobres, por así dicilo.

"A visión que emana da maior parte das institucións é moi plana sobre o que é a inmigración, moi orientada a dar servizo a unha emigración de tipo laboral"

Na túa intervención falaches das eivas existentes nas políticas públicas dirixidas á poboación migrante. Non son eficaces?

A visión que emana da maior parte das institucións é habitualmente moi plana sobre o que é a inmigración, moi orientada a dar servizo a unha emigración de tipo laboral: cursos de orientación que moitas veces non se adaptan ás súas necesidades, cursos de formación que non poden compatibilizar con outras actividades... Esta visión leva, ademais, a que se entenda que en tempos de crise e de desemprego a presenza destas persoas é ilexítima. Así mesmo, non se fai un esforzo en afondar en conceptos como dereitos humanos, convivencia entre culturas, no valor dunha sociedade diversa... Desapareceron as políticas que buscaban poñer en valor a multiculturalidade, o diálogo, os espazos de encontro entre as persoas nativas e as recén chegadas.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.