0 Gardados para despois

A Garda Civil considera delito a destrución dun xacemento arqueolóxico no Rosal que a Xunta viu legal sen sequera investigar

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


“O movemento de terra que está en marcha non precisa de autorización de Patrimonio”. Esa foi a resposta que a consellería de Cultura deu a este diario o pasado 6 de febreiro cando se lle preguntou pola escavación que unha empresa de construción contratada pola propia Xunta para arranxar unha estrada autonómica estaba a realizar nun lugar do concello do Rosal catalogado como xacemento arqueolóxico por ser unha antiga mina romana. Segundo admiten varias fontes do propio Goberno galego, cando Cultura contestou restando importancia aos feitos nin sequera visitara o lugar ningún técnico para comprobar o que alí sucedía. Dous meses despois, este xoves a Garda Civil emitiu unha nota de prensa na que informa de que vén de poñer o caso en coñecemento dun xulgado por considerar que se produciu un delito contra o patrimonio.

Segundo o relato do Servizo de Proteccion da Natureza (Seprona) da Garda Civil, unha patrulla puido comprobar como “se estaban realizando traballos de escavación na zona onde se atopaba a mina, para retirar a terra e utilizala de recheo nas obras da estrada PO-353 que discorre polo mesmo municipio”, estrada autonómica que pasa a aproximadamente un quilómetro do xacemento e cuxos traballos de reparación foron encargados pola Consellería de Infraestruturas.

O Goberno galego recibiu varios avisos pero deu por válida a versión dunha construtora contratada por el mesmo para arranxar unha estrada que usou terra extraída dunha mina romana

Praza.gal preguntou no mediodía do pasado 5 de febreiro á Consellería de Cultura, tanto por teléfono como por correo electrónico, se esa escavación nun lugar catalogado como xacemento arqueolóxico coa denominación de mina romana de As Medas, próximo ademais a outro ben catalogado, a capela de Santa Ana, contaba con permiso do departamento de Patrimonio da Xunta e que restricións se impuxeran.

A resposta de Cultura chegou máis dun día despois, o 6 de febreiro ás seis da tarde, nun correo electrónico no que o departamento de comunicación da consellería sinalaba que Patrimonio lles explicaba que “a empresa solicitou autorización para realizar movementos de terras na contorna da capela, relacionada coa obra de mellora da estrada PO-353”, e engadía que esa escavación se realizaría en dúas fases. “A primeira, que é a que está en marcha, non precisa de autorización de Patrimonio. A segunda fase é a que estaría afectada pola autorización de Patrimonio, en trámite nestes momentos”, e insistía en que esa suposta segunda fase aínda non comezara xa que a Administración aínda estaba a analizar a documentación que lle remitira a construtora.

A lentitude en inspeccionar o lugar por parte da Xunta foi o que levou a un particular a presentar unha denuncia ante o Seprona, que se desprazou ata o lugar e ordenou a paralización inmediata das obras

Segundo comunicaron a este diario varias fontes da propia Xunta, cando a Consellería de Cultura deu esa resposta, ningún dos seus técnicos comprobara no lugar se estaba en marcha ou non unha escavación que afectase ao propio xacemento. Un día máis tarde, o 7 de febreiro, un particular chamou tamén á Consellería de Infraestruturas, responsable da obra na estrada para a que se estaba a retirar a terra do xacemento, departamento no que a chamada foi desviada varias veces sen que ninguén fose quen de atender o aviso de que os traballos podían estar a afectar a un espazo protexido.

Foi ese día, 7 de febreiro, dous días despois da consulta de Praza.gal e un despois de que a Consellería dese a súa resposta restando importancia á escavación que xa se estaba a producir, cando o departamento autonómico de Patrimonio na provincia de Pontevedra foi coñecedor dese movemento de terras e decidiu abrir unha investigación. Porén, o seu departamento de arqueoloxía, como o do resto de provincias, segundo varias fontes consultadas nelas, está baixo mínimos de persoal e non ten capacidade para facer inspeccións con rapidez. Esa lentitude en inspeccionar o lugar por parte da Xunta foi o que levou a un particular a presentar unha denuncia ante o Seprona, que se desprazou ata o lugar e ordenou a paralización inmediata das obras.

A Garda Civil sinala que ademais de afectar a un xacemento "a escavación carecía da preceptiva licenza de obra urbanística de obra menor para movemento de terras"

Segundo a Garda Civil, a súa patrulla puido comprobar o movemento de terras na mina romana e que “ademais, a escavación carecía da preceptiva licenza de obra urbanística de obra menor para movemento de terras”. O Seprona trasladou as súas dilixencias ao xulgado de instrución de garda de Tui cun veciño do Rosal como investigado como presunto autor dun delito contra o patrimonio.

Tras o comunicado da Garda Civil deste xoves, este diario preguntou novamente á Consellería de Cultura se tiña algún comentario que facer ao respecto. O Goberno galego admite que a resposta que deu o 6 de febreiro á consulta formulada por este diario un día antes foi “coa información que naquel momento constaba na Dirección Xeral de Patrimonio respecto a esa obra”, isto é, sen comprobar a envergadura real dos traballos. Nesta a súa nova resposta, Cultura di que pediu ao Concello do Rosal a paralización dos traballos tres días máis tarde de recibir a pregunta deste diario, o 8 de febreiro, e non aclara a data na que nalgún técnico seu supervisou no propio lugar o movemento de terras. Malia estes feitos, o Goberno galego sentenza que “a Consellería actuou de oficio no mesmo momento en que recibiu comunicación de que se podía estar producindo unha posible infracción, e paralizou de inmediato as obras”.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.