A Deputación da Coruña publica 46 anos depois un ensaio de Xohana Torres sobre Santo Andrés de Teixido

Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación, e Xosé Puga, editor e amigo de Xohana Torres © Deputación da Coruña

En 1972 Xohana Torres gañou o Premio de Etnografía Federico Maciñeira da Deputación da Coruña coa obra Teixido. San Andrés de Lonxe. Mitos e ritos. Porén, ese libro nunca foi publicado. A autora, que faleceu o pasado 12 de setembro, sempre tivo o desexo de ver publicada esta obra, cuxa edición revisou ata pouco antes do seu pasamento. Agora a Deputación da Coruña e a editorial Engaiolarte fan realidade por fin a publicación de Teixido. San Andrés de Lonxe. Mitos e ritos, que foi presentado este xoves na Fundación Granell, en Santiago de Compostela. O libro preséntase nunha moi coidada edición, que inclúe fotografías realizadas por Xulio Xil.

En 1972 Xohana Torres gañou o Premio de Etnografía Federico Maciñeira coa obra. Porén, o libro nunca foi publicado

No acto participaron a vicepresidenta da Deputación da Coruña e responsable da área de Cultura, Goretti Sanmartín, e o editor e amigo da escritora, Xosé Puga. Goretti Sanmartín salientou que “o libro é unha alfaia e con esta edición queremos facer unha homenaxe e un acto de desagravio por non ter sido publicado no seu momento este volume que recibiu hai corenta e seis anos un premio da Deputación da Coruña”. Sanmartín lamentou que Xohana Torres non puidera ter visto publicado o libro e lembrou o “entusiasmo creativo que mantivo até os últimos tempos da súa vida e tamén na propia edición deste volume que se suma á bibliografía desta muller que era tamén polifacética á hora de visitar todos os xéneros literarios”. O libro mostra, engdiu, “a preocupación da escritora pola nosa cultura e identidade, polas lendas e a paisaxe, seguindo a pegada de Otero Pedrayo que indica que hai que tripar e coñecer o territorio”.

“Este era o libro que máis ilusión lle facía e así llo transmitiu tamén a Goretti Sanmartín cando a visitou. Lembraba que o escribira cando non había documentación e cando a unha muller que chegaba a investigar non a tiñan en conta”

Mentres, Xosé Puga, editor de Engaiolarte amigo da autora ao longo de 35 anos, destacou que “este era o libro que máis ilusión lle facía e así llo transmitiu tamén a Goretti Sanmartín cando a visitou. Lembraba que o escribira cando non había documentación e cando a unha muller que chegaba a investigar non a tiñan en conta”. Aínda que Xohana Torres non puido velo impreso, “imaxinou o libro porque eu mesmo llo contei”, dixo Puga. “Viviu este libro e emocionouse coa súa edición e mesmo lle caían as bágoas cando miraba a maqueta, xa que tiña unha espiña cravada que por fin puido quitar”, engadiu.

Xosé Puga comentou igualmente que nos últimos anos Xohana Torres insistía con frecuencia na defensa de que o de San Andrés de Teixido era o “único mito universal galego” e lembrou xornadas de traballo en que a escritora revisou o texto, fixo emendas e mesmo creou un poema para o volume en que relaciona o santo de Cedeira coa Virxe de Chamorro de Ferrol. "Xohana amou a lingua, a terra, a paisaxe", destacaba Marilar Aleixandre neste artigo publicado pouco despois do seu pasamento.

 

Xohana Torres © Consello da Cultura Galega
Santo Andrés de Teixido © Sen Pasaporte

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.