0 Gardados para despois

Do campo de concentración de Iria Flavia a NUMAX: Onde gardamos a memoria da Guerra Civil?

Redacción | @prazapublica

No ano 2003 unha escavación arqueolóxica nun predio en Iria Flavia (Padrón) achou sete balas Mauser, procedentes da Guerra Civil. Aquel soar -estudado por atoparse preto de varios elementos patrimoniais e da Colexiata de Iria Flavia- acollera entre 1937 e 1939 un campo de concentración franquista e a munición atopada era empregada polos fusís Mauser e as metralladoras Hotchkiss dos Gardas Civís que custodiaban o recinto e os seus prisioneiros. Os proxectís foron enviados ao Museo das Peregrinacións e de Santiago, onde se conservan dende entón. Dende este martes 17 as balas poderán verse na libraría NUMAX de Compostela, no marco da actividade Fóra dos museos, unha serie de mostras que serven para reflexionar sobre a rede museística galega e a forma en que protexemos e traballamos a nosa memoria e os nosos elementos patrimoniais.

A munición atopada era empregada polos fusís Mauser e as metralladoras Hotchkiss dos Gardas Civís que custodiaban o recinto e os seus prisioneiros

De feito, a exposición -comisariada por Sabela L. Pato- xira ao redor da pregunta "Onde gardamos a memoria?". Coincidindo coa inauguración desta nova mostra este martes a partir das 20 horas intervirá María Esperanza Gigirey Liste, directora do Museo das Peregrinacións. "Que acontece coa memoria material da guerra e da posterior represión?", "Por que están estas balas no Museo das Peregrinacións e de Santiago e que difusión poden ter nun museo onde o persoal técnico está especializado noutro tipo de pezas?" ou "Estase a recoller a memoria histórica nos museos galegos?" serán algunhas das cuestións que se tratarán nesta sesión.

 

Sete balas

En Galicia funcionaron durante a Guerra Civil e nos anos inmediatamente posteriores uns dezaoito campos de concentración, seis deles na contorna de Padrón

No espazo que ocupou entre 1937 e 1939 o campo de concentración funcionara previamente a Azucreira, unha fábrica fundada en 1899. As escavacións arqueolóxicas realizadas en 2003 como paso previo á urbanización do lugar non facían referencia ao seu pasado como espazo de memoria e represión. En Galicia funcionaron durante a Guerra Civil e nos anos inmediatamente posteriores uns dezaoito campos de concentración, seis deles na contorna de Padrón, unha rede na que destacan os de Poio, Silleda, San Simón ou Lavacolla.

As autoridades franquistas aproveitaban as boas comunicacións por tren para levar ata aquí prisioneiros republicanos procedentes de distintos puntos do norte de España. Dende Iria Flavia os presos redistribuíanse posteriormente aos centros de Muros, A Pobra ou Rianxo. Calcúlase que por aquí pasaron ao redor de 6.000 reclusos. No campo da Azucreira os presos non dispuñan de medios para o aseo. As necesidades facíanas en gabias e durmían directamente no chan con algo de palla. Os piollos e a fame eran un andazo e a tifo unha das causas de morte.

 

A memoria da represión

A mostra pregúntase entre outras cousas pola razón de que estes proxectís estean custodiados no Museo das Peregrinacións, especializado en principio nunha temática ben diferente. O motivo é que este Museo está autorizado como lugar de depósito arqueolóxico e a el chegan materiais procedentes de Santiago, da súa contorna e doutros lugares relacionados coa ruta xacobea. A actividade reflexionará, neste senso "se o Museo das Peregrinacións conta cos medios necesarios para a difusión de dito material". O conxunto non foi nunca exhibido e, de feito, está catalogado como non museable, o que quere dicir que é de escaso interese para a exposición permanente", destácase.

"Non existe en Galicia ningunha unidade especializada. A situación dificulta enormemente a recuperación, protección e divulgación deste tipo de pezas. Así como a reparación moral das vítimas"

Sinálase que a situación se repite noutros lugares de Galicia e que elementos materiais que dan conta da represión franquista (proxectís atopados nos lugares empregados para execucións, por exemplo) son enviados ao Museo de Pontevedra ou ao Museo Quiñones de León para a súa conservación. "Estes centros tampouco están dedicados ao tema, e non existe en Galicia ningunha unidade especializada que asista os técnicos nestes casos, que unifique os criterios de documentación e facilite as consultas", sublíñase. "A situación dificulta enormemente a recuperación, protección e divulgación deste tipo de pezas. Así como a reparación moral das vítimas. A experiencia acumulada en Europa tras as grandes guerras do século XX ofrece múltiples posibilidades", conclúe Sabela López Pato na presentación desta mostra.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.