0 Gardados para despois

“Nos concellos con presenza de organizacións feministas é onde as políticas de xénero están máis desenvolvidas”

Montse DopicoMontse Dopico | @montsedopico


A investigadora Natalia Paleo vén de publicar As políticas municipais de xénero en España. O caso dos municipios galegos (Laiovento), a primeira análise realizada en Galicia sobre este tema no ámbito local. O libro, que condensa parte do contido da tese doutoral da autora, recolle os resultados dun revelador cuestionario realizado no 2010 nos concellos galegos, que mostra que, se ben o 76% afirmaron desenvolver políticas de xénero, só un 36% amosa un elevado nivel de desenvolvemento das mesmas. Ademais, a presenza de organizacións feministas demostrou ser o factor máis relevante en canto a impulso deste desenvolvemento. Falamos con ela. 

Distingues tres tipos de estratexias que guían as políticas de xénero: a igualdade de trato, a acción positiva e o "mainstreaming" de xénero. Cales son as diferencias fundamentais entre elas? Cal é a tendencia hoxe?

No caso de Europa estas tres estratexias políticas foron xurdindo e consolidándose de forma progresiva. Noutros contextos esta evolución temporal non foi exactamente así. De forma moi sintética, a estratexia da igualdade de trato xorde na década de 1970 e caracterizouse por emprender determinadas reformas lexislativas que buscaban garantir que as mulleres tivesen o mesmo acceso á esfera pública, especialmente ao mercado laboral, e o mesmo trato que os homes. O problema principal desta estratexia foi que non cuestionou unha organización social que se sustentaba na discriminación e desigualdades das mulleres. Por iso, os novos dereitos que se outorgaban ás mulleres tendían a ser formais, pero non substantivos.

Tras avaliar esta estratexia, entran na axenda política outros problema como as dobres e triples xornadas das mulleres, a segregación sexual no mercado laboral ou a desigual participación social e política das mulleres. A estratexia da acción positiva comeza a aplicarse a partir da década de 1980 e considera que hai unha serie de desigualdades de partida que impiden que as mulleres adquiran a igualdade plena. Deste xeito, buscouse identificar cales eran esas barreiras – coidado de criaturas e maiores, falta de capacitación laboral, ausencia de autoestima e/ou de redes, etc-  e puxéronse en marcha medidas específicas para actuar sobre as mesmas e crear así unhas condicións sociais que favorecesen unha igualdade nos resultados de mulleres e homes.

"A estratexia da acción positiva comeza a aplicarse a partir da década de 1980"

Se ben se conseguiron importantes avances, por exemplo, a través das cotas no ámbito da participación política, a critica fundamental a esta estratexia é que seguiu poñendo o foco máis nas consecuencias das desigualdades que nas causas das mesmas. Por exemplo, o roles sociais de mulleres e homes no ámbito doméstico seguiu intacto. Finalmente, a estratexia do “maistreaming” de xénero, consolídase tras a celebración da IV Conferencia Mundial sobre a Muller de Nacións Unidas, en 1995. Esta estratexia considera que en xeral todas as políticas públicas contribúen a perpetuar as desigualades de xénero e ten como obxectivo incorporar a igualdade de xénero en todos os procesos, políticas e institucións que conforman as nosas sociedades. O foco xa non se sitúa na atención ás mulleres, senón nas relacións de poder entre mulleres e homes.

"Actualmente na UE lévase a cabo o denominado enfoque dual, aplicándose simultaneamente as accións positivas e o mainstreaming de xénero"

Un dos retos fundamentais desta estratexia é conseguir que todos os novos e numerosos actores implicados, de todas ás áreas políticas, asuman as súas responsabilidades en materia de igualdade de xénero. Unha das críticas que se fai a esta estratexia é que a miúdo se focaliza tanto en conseguir xerar os mecanismos, instrumentos, formación e sensibilización necesaria que precisan todos estes actores para poder aplicar o mainstreaming, que deixa nun segundo plano o obxectivo da igualdade de xénero. Actualmente na UE lévase a cabo o denominado enfoque dual, aplicándose simultaneamente as accións positivas e o mainstreaming de xénero. Ademais, tamén se continua utilizando a vía lexislativa para garantir a igualdade de trato.

Existe un debate sobre a incidencia que ten nas políticas de xénero que as representantes políticas sexan mulleres. Cales os argumentos fundamentais deste debate? Que pensas ti ao respecto? 

Este é un debate vello xa entre as teóricas feministas. O argumento fundamental é que como consecuencia dos roles de xénero asignados, as mulleres teñen unhas experiencias vitais, uns intereses e unhas problemáticas específicas, diferentes aos homes. Tendo en conta iso, considérase que as propias mulleres representantes políticas “defenderán” mellor os intereses e demandas das mulleres. Concretamente, tense sinalado que en canto as mulleres constitúen unha masa crítica nas institucións, situada esta aproximadamente no 30%, o comportamento político e as políticas públicas serán transformadas. As análises empíricas amosaron que esta relación pode existir, pero tamén que non se pode desvincular doutras variables como, por exemplo, unha conciencia feminista xeral ou o apoio das organizacións e movemento feminista.

Doutra banda, esta formulación teórica recibiu importantes críticas, como por exemplo que é reducionista e esencialista para coas mulleres, ao dar por feito que por ter un corpo de mulleres todas terán un comportamento similar e un pensamento feminista que as levará a actuar a favor da igualdade. Neste senso, considérase que hai outras variables como a raza, a ideoloxía política, a clase social, a orientación sexual etc, que poden ser mellores preditoras do comportamento político.

"A ausencia de mulleres nas institucións denota claramente algún tipo de discriminación directa ou indirecta"

En segundo lugar, tamén parece controvertido sinalar que as mulleres representantes teñen a responsabilidade adicional de representar as mulleres, cando en realidade hai un contexto institucional adverso que en grande medida vai condicionar os cambios que se leven a cabo. Desde o meu punto de vista, o punto de partida debería ser que as mulleres teñen que ser representantes na mesma medida que os homes, por unha cuestión de xustiza social e de bo funcionamento democrático, e a súa ausencia das institucións denota claramente algún tipo de discriminación directa ou indirecta.

Algunhas mulleres representarán os intereses feministas e outras non. Evidentemente, cantas máis mulleres representantes haxa, máis probabilidades haberá de que algunhas sexa feministas e teñan polo tanto como prioridade defender os intereses das mulleres. No obstante, quixen comprobar esta hipótese neste estudo, por ser unha das máis analizadas  previamente, e a conclusión é que esta variable inflúe pero menos ca outras como pode ser a presenza de organizacións de mulleres e feministas nos concellos ou a cor do partido político no goberno.

"Algunhas mulleres representarán os intereses feministas e outras non. Evidentemente, cantas máis mulleres representantes haxa, máis probabilidades haberá de que algunhas sexa feministas"

Os partidos de esquerda, explicas, foron marcándolles, dalgún xeito, o ritmo ao resto, de xeito que, por "efecto contaxio", todos tenden a adoptar medidas, polo menos, de discriminación positiva, porque iso dá lexitimidade. Cal é o efecto disto na efectividade das políticas de xénero? 

Ben, se ben en principio é positivo que o obxectivo da igualdade de xénero estea consolidado na axenda política, o feito de que todos os partidos se vexan abocados a ter que levar a cabo este tipo de políticas ten o risco de que estas se baleiren de contido e perdan a súa fin transformadora. Tense moi analizado que actualmente conviven concepcións moi diferentes do que se entende por igualdade...  Neste senso, creo que tamén é fundamental o papel do movemento feminista, marcando o camiño e esixindo esa transformación social.

"O feito de que todos os partidos se vexan abocados a ter que levar a cabo este tipo de políticas ten o risco de que estas se baleiren de contido e perdan a súa fin transformadora"

Supoño que iso mesmo podería axudar a explicar a viraxe do discurso do PP e de Ciudadanos ante a folga feminista. Visto o éxito, quixeron apuntarse. Cal é a túa percepción sobre o efecto que a folga, e o avance do pensamento feminista en xeral, pode ter nas políticas de xénero?

Si, posiblemente. En canto á folga deste 8 de marzo, en primeiro lugar creo que foi un revulsivo de enerxía tremenda para todas as feministas, que desde diferentes posicións estamos traballando para avanzar na fin do patriarcado. Necesitabámolo, mereciámonolo e foi moi reconfortante. Quedou patente que as mulleres xuntas temos moita capacidade de acción e tamén que posiblemente hai máis conciencia social ca nunca das desigualdades que temos que afrontar día a día.

"Quedou patente que as mulleres xuntas temos moita capacidade de acción e tamén que posiblemente hai mais conciencia social que nunca das desigualdades"

Isto é fundamental, quero dicir que a sociedade en xeral sexa consciente das desigualades de xénero e se posicione en contra. A mobilización deste 8 de marzo favorece esta toma de conciencia. Agora ben, que isto se traduza nalgún cambio concreto nas políticas públicas non vai ser doado nin automático. Hai que concretar demandas políticas concretas do feminismo no contexto actual e seguir traballando conxuntamente para que se traduzan en cambios políticos

Dúas das túas hipóteses eran que, no caso dos concellos galegos, terían máis presenza as políticas de xénero nos máis grandes e nos situados nas provincias da Coruña e Pontevedra. A hipótese cúmprese, á luz dos datos -que extraedes dun cuestionario que pasastes a todos os concellos no 2010-. Como se explica isto? 

Ben, a influencia do tamaño dos municipios e da ubicación territorial xa se demostraran previamente noutras investigacións levadas a cabo en Catalunya e País Vasco e por iso quixen ver que acontecía en Galicia. No caso do tamaño dos municipios, ten que ver con determinadas características asociadas ao tamaño como son as competencias asignadas por lei, o número de concelleiras/os, e especialmente o seu tipo de dedicación, os recursos, o persoal técnico... 

En canto á provincia, ten que ver por un lado coas características socio-económicas que poden compartir os concellos segundo a súa ubicación territorial, e nese sentido creo que tamén se produce un efecto contaxio entres concellos veciños que levan a cabos políticas de xénero, e por outro lado co papel xogado polas Deputacións provinciais á hora de promover a igualdade.

O 76% dos concellos dixeron ter políticas de xénero. Case a metade deles tiñan unha concellería ou área de igualdade ou de muller. Menos do 40% tiñan un Centro de Información da Muller. E só o 10% un Consello de Participación das Mulleres. Que incidencia ten o tipo de organismo que sexa no desenvolvemento das políticas de xénero? É máis ben unha cuestión de ter recursos? (Orzamento e persoal especializado).

Estes son os organismos que se teñen desenvolvido no ámbito municipal para impulsar as políticas de xénero, e inciden en diferentes cuestións. En principio, a concellaría de igualdade é fundamental para planificar e impulsar tanto directamente como transversalmente estas políticas. Ademais, a súa existencia incide directamente nos recursos tanto económicos como humanos que se destinan a estas políticas.

Os centros de información ás mulleres en Galicia están mais focalizados cara a información, asesoramento e atención específica ás mulleres, especialmente aquelas que se atopan nalgunha situación de violencia de xénero. E finalmente os Consellos son un instrumento de participación e comunicación coa organizacións de mulleres e feministas no ámbito municipal. Todos son importantes e inciden no desenvolvemento das políticas de xénero.

En canto á orientación das políticas, interpretades que o 15% ten unha perspectiva asistencialista, o 60% entre unha perspectiva asistencialista e transformadora e o 25% unha perspectiva transformadora, relacionada con políticas de mainstreaming. Podes explicar isto? 

Isto ten que ver co que falabamos antes de que actualmente conviven concepcións moi diferentes das igualdade e do que se entende políticas de xénero. Neste estudo, optouse por partir dunha definición de amplo alcance que permitise analizar a diversidade de situacións. Neste senso, propuxéronse tres obxectivos para as políticas de xénero que analiticamente representan un contínuum entre unhas políticas que perseguen obxectivos transformadores e aquelas que non. E viuse que sobre un 15% do concellos que afirmaban realizar políticas de xénero centraban o seu obxectivo en “protexer” as mulleres en risco social.

“Sobre un 25% dos concellos sinalan que teñen como obxectivo transformar os roles de xénero e as estruturas sociais”

Trataríase de políticas que buscan dar solucións individuais a mulleres con determinadas problemáticas, a través de atención e asistencia concreta, pero que non abordan o problema social da desigualdade. En segundo lugar, habería un 61% que buscan promover a participación e presenza das mulleres en diferentes ámbitos da sociedade. Estas políticas tamén se dirixen fundamentalmente as mulleres e se ben tratan de promover a súa presenza en espazos dos que tradicionalmente foron excluídas, no poñen o foco nas causas desas desigualdades.

E finalmente, sobre un 25% dos municipios sinalan que teñen como obxectivo transformar os roles de xénero e as estruturas sociais. Estes serían os municipios que están intentando desenvolver unhas políticas máis transformadoras.  Estes resultados amosan claramente que o camiño por recorrer no marco das políticas de xénero é aínda moi longo. O desexable sería que todas as políticas de xénero tivesen un obxectivo transformador, que buscasen actuar sobre as causas das desigualdades.

"O desexable sería que todas as políticas de xénero tivesen un obxectivo transformador, que buscasen actuar sobre as causas das desigualdade"

En canto ás accións dirixidas á cidadanía, dentro destas políticas, o 95% din promover accións para o fomento da igualdade na educación ou para prevención da violencia de xénero ou para a igualdade no ámbito socioeconómico; o 60% céntrase no mercado laboral, no ámbito da saúde, no cultural e no empoderamento das mulleres, e só uns poucos se ocupan da corresponsabilidade no fogar e da promoción dunha nova organización dos tempos. Explicas que é preocupante que sexan tan poucos estes últimos. Por que?

Paréceme preocupante porque aquí está o quid da cuestión. É dicir, a actual organización social dos tempos e a división de roles de xénero que prevalece sustenta e reproduce as desigualdades entre mulleres e homes. Se non cambiamos iso, dificilmente imos poder avanzar cara unha igualdade plena das mulleres.

“A actual organización social dos tempos e a división de roles de xénero que prevalece sustenta e reproduce as desigualdades entre mulleres e homes”

Na análise dos resultados, explicas que o factor con maior impacto no desenvolvemento das políticas de xénero é a presenza de movementos de mulleres, e sobre todo se se trata de asociacións feministas. Podes explicar isto?

Estes resultados corroboran a importancia de que existan en xeral nos concellos organizacións de mulleres. Quixen facer unha distinción entre organizacións feministas e organizacións de mulleres posto que os fins que perseguen son diferentes, sendo claramente as primeiras as que teñen uns obxectivos políticos claros vencellados coa eliminación das desigualdades de xénero. Na hipótese inicial xa salientaba que sería nos concellos con presenza de organizacións feministas onde previsiblemente as políticas de xénero estarían máis desenvolvidas. A análise empírica amosou que así era.

“Quixen facer unha distinción entre organizacións feministas e organizacións de mulleres posto que os fins que perseguen son diferentes,”

Pero tamén se viu que naqueles municipios onde hai organizacións de mulleres que non se consideran feministas, hai mais probabilidades de que as políticas de xénero estean mais desenvolvidas que nos municipios onde non hai ningún tipo de organizacións de mulleres. Estes resultados concordan con obtidos en boa parte das análises comparadas sobre movementos de mulleres que se teñen feito a nivel internacional. As organizacións feministas e de mulleres teñen tido un gran impacto no avance e na defensa dos dereitos das mulleres e nas políticas publicas que se poñen en marcha con este fin. No caso deste estudo, é relevante salientar que se trata do factor que ten máis influencia dos cinco analizados -presenza de mulleres, cor do partido político, tamaño dos municipios e provincia-.

Nos resultados tamén sae que se gobernaba o BNG, había un 72,2% máis de probabilidades de que as políticas de xénero tivesen maior desenvolvemento. En cambio, que gobernase o PSdG non aumentaba de xeito significativo as probabilidades. Hoxe os resultados serían distintos -dada a incorporación á esquerda doutras organizacións políticas- mais, desde a túa perspectiva, cal podería ser o desenvolvemento das políticas de xénero nas cidades gobernadas polas mareas? 

Si, os resultados corroboran a hipótese formulada en relación a que os municipios gobernados polo partidos políticos situados máis á esquerda no espectro político son os que teñen máis desenvolvidas as políticas de xénero. Na lexislatura analizada, 2007-2010, os tres partidos políticos con maior presenza nos concellos galegos eran PP, PSdG e BNG, e utilizouse un estudo do CIS (Centro de Investigacións Sociolóxicas) para situalos ideoloxicamente.

Concretamente, o que se viu foi que nos concellos nos cales gobernaba o BNG había un 72% máis de probabilidades de que as políticas de xénero tivesen un maior desenvolvemento que nos concellos gobernados polo PP. No caso do PSdG, partido que ocupaba una posición central nesta escala ideolóxica que se construíu, os resultados no eran estatisticamente significativos, é dicir non se puido demostrar que tivesen as políticas de xénero máis desenvolvidas.

“O que se viu foi que nos concellos nos cales gobernaba o BNG había un 72% máis de probabilidades de que as políticas de xénero tivesen un maior desenvolvemento”

Tal e como digo no libro, dende o 2011 o panorama político cambiou moito e sería importante poder ver como variaría esta análise empírica ao entrar as novas forzas políticas a gobernar nos concellos a partir do 2015. Persoalmente, creo que os gobernos municipais das mareas, entre outras cuestións, están destacando precisamente polo impulso que lle están dando ás políticas feministas no ámbito municipal, e creo que constituirán un punto de inflexión non só nos obxectivos de estas políticas, senón tamén na forma de levalas a cabo, de forma participativa, da man da cidadanía e cunha perspectiva claramente comunitaria.

“Creo que os gobernos municipais das mareas están destacando precisamente polo impulso que lle están dando ás políticas feministas no ámbito municipal”

En xeral, só o 35% dos concellos amosaban, no voso estudo, un nivel de desenvolvemento alto en políticas de xénero. Despois veu a crise, o ascenso de Ciudadanos... Como cres que é a situación agora? 

Na conclusión do libro xa digo que é preciso continuar analizando as políticas de municipais de xénero. Este é o primeiro estudo que se publica en Galicia, e só é un punto de partida, que debería ter continuidade. Por suposto, é especialmente importante ver o impacto que tivo a crise económica nestas políticas no ámbito municipal.

“A crise económica e as políticas de austeridade foron unha escusa perfecta para que os partidos conservadores levaran a cabo importantes retrocesos nestas políticas”

A nivel estatal e galego xa se levaron a cabo diversos estudos que amosan claramente como a crise económica e as políticas de austeridade foron unha escusa perfecta para que os partidos conservadores levaran a cabo importantes retrocesos nestas políticas, a nivel de recursos, de eliminación de organismos dedicados ás políticas de igualdade, de persoal.. mais tamén no contido das propias políticas, incorporando novas políticas como por exemplo as relacionadas coa saúde e dereitos reprodutivos das mulleres, que desafían directamente as demandas e reivindicacións feministas. Polo tanto, supoño que no ámbito municipal tamén se produciron retrocesos importantes durante este tempo.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.