María Victoria Moreno fai xirar o mes das letras en torno a Pontevedra (pero non só)

María Victoria Moreno, por David Pintor © RAG

Comeza o mes de maio e con el o mes do galego que vivirá a súa xornada central o 17 co Día das Letras Galegas, adicado este ano a María Victoria Moreno, mestra de profesión e autora de numerosas obras de literatura infantil e xuvenil, entre elas a inesquecible Anagnórise. Ela é a cuarta muller á que se lle dedica o Día das Letras, por tras de Rosalía de Castro (1963), Francisca Herrera Garrido (1987) e María Mariño (2007). E ela, estremeña de nacemento, adoptou o galego e fíxose pontevedresa de adopción, polo que arredor desa cidade xirarán os principais actos que se celebrarán este mes. Pero nin o Día das Letras se celebra nunha única xornada ou nun único mes, nin unha única localidade acapara a diversidade de actos programados por toda a xeografía galega e dos que este listado é só unha pequena guía.

A cidade de adopción da autora homenaxeada centra este mes as actividades do Día das Letras Galegas, pero estas espállanse tamén polo resto de Galicia e estenderanse durante todo o ano

O acto central do Día das Letras Galegas, o pleno extraordinario que por esa data celebra a Real Academia Galega, terá lugar no Teatro Principal de Pontevedra o propio 17 de maio ás 12.30 horas. Nese plenario, aberto ao público, intervirán o académico Xesús Alonso Montero, que mantivo unha estreita relación con Moreno desde que foron compañeiros de departamento, nos anos 60, no Instituto Masculino de Lugo; a académica Marilar Aleixandre, que tamén a coñeceu persoalmente e moi vencellada, como ela, á literatura infantil e xuvenil; e a académica e escritora pontevedresa Fina Casalderrey, outra integrante da institución que coñeceu ben a María Victoria, autora de libros para o público máis novo e tamén docente.

Actos en Pontevedra

En Pontevedra o Concello cambiou hai uns días o nome da rúa Fernández Ladreda polo de María Victoria Moreno

Pero os actos en Pontevedra esténdense máis alá desa data. Xa se celebraron andainas polos lugares significativos da súa vida en Pontevedra, proxección de documentais e numerosas actividades escolares, e o Concello xa cambiou hai uns días o nome da rúa Fernández Ladreda que homenaxeaba o militar franquista polo de María Victoria Moreno.

Este mesmo martes día 1, ás 11.00 horas, tamén se descubre unha placa no número 15 da avenida de Vigo no que viviu a autora. O próximo sábado día 5, ás 19.00 horas, está prevista a presentación do libro O escalón de Ulises. Un paseo pola Pontevedra dos afectos de María Victoria Moreno, a mestra que escribía libros, de Montse Fajardo, no paseo de Valle Inclán, en Campolongo. O 8 de maio, a partir das 10.30 horas, o Correlingua percorrerá distintas rúas da cidade. Os días 8, 9 e 10 de maio as Letras Galegas estarán presentes no programa escolar Ben veñas, maio, coa vixésima mostra de teatro, o certame de música e a entrega dos premios dos concursos de fotografía, banda deseñada, narración curta, poesía e curtametraxe. O día 16 de maio, na sede de Afundación, será o concerto Día das Letras Galegas promovido polo Consello da Cultura Galega, no que se estreará unha peza musical composta por Miguel Matamoro sobre un texto de María Victoria Moreno.

O día 17, ademais do pleno extraordinario da RAG, a Asociación Sociocultural do Burgo celebrará tamén un acto na praza de Curros Enríquez ás 19.00 horas cunha actuación da Banda de Música de Pontevedra. O día 18 de maio, na avenida de Montero Ríos, inaugurarase a exposición Os Bolechas e as variedades dialectais, organizada pola Deputación de Pontevedra. O día 19 de maio, ás 20.00 horas, celebrarase o Día das Letras na parroquia de Ponte Sampaio coa inauguración dunha exposición e unha conferencia de Montse Fajardo. Por último, o día 30 de maio, ás 20.00 horas, o alcalde recibirá no Pazo de Mugartegui ás asociacións da cidade que colaboran activamente na promoción da lingua durante todo o ano.

Exposicións e actos en bibliotecas

As bibliotecas acollen mostras sobre a figura e a obra de María Victoria Moreno

Arredor da figura de María Victoria Moreno están a amosarse tamén exposicións en diferentes puntos do país, especialmente nas bibliotecas, que ao longo de todo o mes de maio celebrarán diversos obradoiros sobre a autora ou sesións de contacontos. Máis alá desas actividades concretas, as bibliotecas serán tamén protagonistas con algunhas das principais mostras sobre a autora.

Oito ilustradoras e ilustradores de distintas xeracións revisitan outras tantas obras da autora na exposición María Victoria Moreno. Paisaxes e personaxes, coordinada polo tamén ilustrador David Pintor, que foi inaugurada a semana pasada na biblioteca Anxel Casal de Santiago e desprazarase posteriormente, ata o mes de decembro, por Pontevedra, Vigo, Lugo, Ourense, A Coruña, Ferrol, Sanxenxo, Ordes, Vilalba e Celanova.

En Vigo a biblioteca pública Juan Compañel acolle do 10 ao 30 de maio a mostra Unha historia de amor co galego sobre a vida e a obra da autora, así como a mostra Eu conto, ti les de obras infantís de autores homenaxeados co Día das Letras.

Na Coruña a biblioteca pública Miguel González Garcés acolle do 14 ao 31 de maio as mostras María Victoria Moreno Márquez no contexto da literatura infantil galega e Os autores das letras galegas, co fondo bibliográfico desa biblioteca sobre os autores homenaxeados entre 2015 e 2018.

En Santiago o Museo Pedagóxico de Galicia dedica a súa peza destacada do mes de maio a María Victoria Moreno facendo fincapé no seu labor docente.

Libros

As librarías do país están xa cheas de libros sobre a figura da autora homenaxeada este ano

Ademais dos actos, exposicións e premios, as librarías do país están xa cheas de libros sobre a figura da autora homenaxeada este ano. Algúns deles son Mulleres bravas da nosa historia, María Victoria Moreno (Eli Ríos, Urco editora), Unha historia de amor. Pequena biografía de María Victoria Moreno (Joanna Lorenzo, Lela Edicións), A muller que durmía pouco e soñaba moito (Fina Casalderey e Marilar Aleixandre (Xerais), A voz insurrecta (Montse Pena Presas, Galaxia), Sementadora de futuro (Isabel Soto e Xabier senín, Xerais), ou Doce cartas a María Victoria Moreno (Ánxela Gracián, Hércules de ediciones).

Audiovisuais

A CRTVG, varias webs e mesmo empresas privadas fan tamén un despregamento especial arredor da figura homenaxeada

Neste mes o Día das Letras e a figura de María Victoria Moreno tamén subirán aos escenarios. O día 10 de maio o Teatro Colón da Coruña acolle o VII Festival Arte pola Igualdade, un espectáculo de música, interpretación e baile de varios centros educativos no que se lembrará a vida e a obra da autora. O día 16  o centro Afundación de Pontevedra acollerá o antedito concerto das letras con música de Matamoro sobre texto de Moreno. O día 17, ás 18.00 horas, o Museo do Castro de Viladonga organiza un concerto do grupo Clave de Fado co gallo do Día das Letras. E durante todo o mes a obra de Matrioshka Teatro Señora que pasea pola rúa con dous cans preciosos, que percorre a vida e a obra de María Victoria e do seu universo de imaxe e letras, percorrerá diversos concellos de Galicia.

Tamén en internet hai un despregamento especial arredor de María Victoria Moreno nas páxinas da Academia ou da Fundación Barrié, con abundantes textos, fichas didácticas e materiais interactivos na web de Primavera das Letras, e a CRTVG prepara tanto na televisión como na radio unha programación especial que abranguerá todo o 17 de maio. E empresas privadas como Feiraco ou Vegalsa-Eroski, ou a pública Renfe, tamén desenvolven, como en anos anteriores, actividades de promoción do Día das Letras.

Ademais de todas estas e moitas outras actividades arredor da figura de María Victoria Moreno, que non rematarán en maio senón que se estenderán durante o que queda de ano, o día 17 será tamén unha data de reivindicación do uso normal do galego, con convocatorias de colectivos, institucións e partidos por todo o país.

María Victoria Moreno, nunha imaxe da Editorial Galaxia cedida á RAG © Galaxia - RAG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.