0 Gardados para despois

Fernando Trueba e Gracia Querejeta encabezan o cento de realizadores que pasarán polo Festival de Cans

Redacción | @prazapublica

Do 23 ao 26 de maio Cans acollerá a 15ª edición do seu festival, polo que pasarán máis dun cento de directores e directoras, convertendo esta parroquia do Porriño "nun escaparate da creación audiovisual galega, a que se produce aquí e a que está espallada polo mundo", en palabras de Alfonso Pato, director da cita. Entre eles e elas destaca a presenza de Fernando Trueba e Gracia Querejeta, que participarán dos Coloquios no Espazo Mahou da Leira de Alicia. Manuel Lourenzo e as actrices Pilar Pereira, Berta Ojea, Mariana Fernández, Tamara Canosa, Isabel Blanco e Nieves Rodríguez estarán tamén nos coloquios. Na presentación da programación Pato subliñou o "equilibrio" presente na sección oficial e na programación paralela entre cineastas debutantes e persoas que chegan a Cans avaladas polos seus éxitos noutros festivais.

Cans convértese un ano máis "nun escaparate da creación audiovisual galega, a que se produce aquí e a que está espallada polo mundo"

Entre as novidades do programa, Pato fixo fincapé nas seccións A que andas?, na que se descubrirán os guións en proceso de Borja Cobeaga, Ángeles Huerta ou Ignacio Vilar entre outros e outras cineastas, e o habitual seguimento dos Fillos e fillas de Cans, nos que o público do festival poderá ver imaxes inéditas de filmes tan esperados como La sombra de la ley, de Dani de la Torre; Arima, de Jaione Camborda, ou Nación de muchachos, de Javi Camino. Tamén destacou a atención ás conexións literarias do cinema, coa primeira proxección nun festival galego de Versogramas, documental de Belén Montero e Juan Lesta sobre o fenómeno das videopoesías; e o concurso de booktrailers Ollo de vidro.

Isabel Naveira, Anxos Fazáns, Felipe Lage, Nieve de Medina e Borja Cobeaga compoñen o Xurado de Ficción e Animación. Haberá tamén, como é tradición, un Xurado dos Veciños e Veciñas integrado por cinco habitantes de Cans.

A presidenta da Asociación Arela, Keka Losada, debullou a parte máis comunitaria da programación, atendendo a públicos de todas as idades e fomentando a súa implicación e creatividade, xa que a actividade Cans do Futuro traerá cada día a 200 escolares ao Festival, e tanto a rapazada como a xente maior participarán cos seus deseños en Debuxa Cans e Cans Senior. Dentro desa diversidade, o público infantil poderá desfrutar dunha programación para nenas e nenos máis ampla que nunca: MiniCans incluirá música, proxeccións, maxia e toda unha serie de obradoiros no entorno do Parque do Río.

O Festival de Cans recoñecerá este ano a traxectoria da produtora Chelo Loureiro co Premio Pedigree 2018

O Festival de Cans recoñecerá este ano a traxectoria da produtora Chelo Loureiro co Premio Pedigree 2018. A Asociación Cultural Arela, organizadora do certame, quere premiar a súa aposta polos novos creadores, o seu traballo continuo no desenvolvemento do cine de animación e a súa voz crítica na loita pola visibilidade das mulleres no audiovisual Os Chimpíns de Prata “Premio Pepe Puime” deste ano serán para a actriz Isabel Blanco e os veciños Chelo Casalmorto e Constante Romero, propietarios do “Cuberto de Chelo”.

A música correrá da man de Triángulo de Amor Bizarro, Burning, Depedro, Pardo, MounQup, Tanxugueiras ou Familia Caamagno

A música correrá da man de Triángulo de Amor Bizarro, Burning, Depedro, Pardo, MounQup, Tanxugueiras ou Familia Caamagno. Os videoclips tamén serán protagonistas un ano máis, con 18 pezas finalistas que se proxectarán nunha sesión conducida polo xornalista da TVG Eduardo Herrero, que tamén forma parte dun xurado que completan Paloma Zapata e Fernando F. Rego. A programación do festival complétana a sección especial Contra o lume, con pezas que convidan á reflexión crítica sobre os incendios e o territorio, ou os roteiros conducidos por Xurxo Souto e Carlos Meixide, o primeiro centrado na música e o segundo de carácter cinéfilo-literario.

'Cans e cadelas', canción oficial do 15º Festival de Cans

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.