0 Gardados para despois

"O 'Diario Cultural' é patrimonio de todas, de todos os galegos"

Redacción | @prazapublica

A anunciada supresión por parte da Radio Galega do programa Diario Cultural no seu actual formato ergueu a protesta e indignación no mundo cultural e artístico de Galicia, así como o rexeitamento da oposición política. A dirección da CRTVG, segundo confirmou tras presentar a nova programación ao comité intercentros, ten decidido suprimir o emblemático espazo conducido por Ana Romaní e diluír os seus contidos en magazines e informativos, pero privándoo da súa independencia e franxa horaria propia. 

Un manifesto aglutina a protesta pola desaparición do 'Diario Cultural' e a desgaleguización da Radio Galega

Numerosos colectivos --como a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), o Colexio de Xornalistas ou A Mesa-- alzaron a súa voz e pediron á Radio Galega que rectifique. Agora, un manifesto lanzado por un grupo de persoeiros do ámbito da cultura aglutina esa protesta, reclama á CRTVG que "cumpra a lei" e lémbralle que "os medios de comunicación públicos son patrimonio de todas, de todos". 

O grupo promotor do manifesto Non imos ficar caladas, que pode ser asinado aquí, está composto por Xurxo Souto, Ledicia Costas, María Reimóndez, Manuel Bragado, Cesáreo Sánchez Iglesias, Rosalía Fernández Rial, Eli Ríos, Mercedes Queixas, Margarita Ledo Andión, María Xesús Nogueira, Fran Alonso,, Manuel Rivas,, Dores Tembrás, Xiana Lastra, Marcos Maceira e Suso de Toro. 

Xurxo Souto, Manuel Rivas, De Toro, Margarita Ledo, Manuel Bragado ou Ledicia Costas son algúns dos impulsores do texto

No texto, os seus impulsores advirten de que "ningunha dirección é propietaria do Diario Cultural" e aseguran que, despois de 28 anos de traxectoria, o espazo é "un referente, patrimonio de todas, de todos os galegos". "A existencia de medios de comunicación públicos é un gran triunfo colectivo desta sociedade, un instrumento definitivo para o futuro da propia lingua", insiste o manifesto, que cre que a súa aparición "permitiu a difusión do talento de miles de artistas que decidiron desenvolver en galego a súa creatividade".

"Ningunha dirección é propietaria do 'Diario Cultural', é patrimonio de todas, de todos os galegos"

"A expresión máxima desta revolución da intelixencia é o Diario Cultural, un espazo caracterizado pola calidade na forma e nos contidos, que definiu un estilo de seu", din sobre "un contorno de comunicación que acolle, e co que se senten identificad@s, a inmensa maioría das creadoras e creadores deste país".

Ademais, o manifesto lembra que a desaparición de Diario Cultural "súmase á supresión dunha boa parte da programacion cultural da radio e a televisión públicas, como aconteceu con Libro Aberto, Planeta Furancho, Onda Vital, Alalá ou Eirado". Para os impulsores do texto, é necesario lembrar que a Radio Galega "non foi creada para traducir as axendas e os contidos das cadeas estatais". "Naceu para ser o referente primeiro da literatura, da música, do teatro, do cinema, das artes plásticas, de todas as formas de cultura que produce esta sociedade. Exactamente como leva facendo, dun xeito espléndido, dende hai 28 anos, o Diario Cultural", insisten. 

"A Radio Galega non foi creada para traducir as axendas e os contidos das cadeas estatais"

No manifesto considérase a desaparición do programa "un ataque frontal á propia lei" e lembran o punto 1 do artigo primeiro da lei de creación da Compañía da RTVG, no que se lle atribúe a súa "misión de servizo público consistente na promoción, difusión e impulso da lingua galega, así como a atención á máis ampla audiencia, ofrecendo calidade e a máxima continuidade e cobertura xeográfica, social e cultural". 

"A pesar deste mandato, a Radio Galega é cada vez menos galega, tamén en materia xeográfica", quéixanse, ao referirse tamén á "eliminación das desconexións locais cos contidos propios de cada cidade e das súas áreas de influencia". "Curioso paradoxo, o medio que, por definición, debería informar máis de preto, desatende o contorno máis próximo", denuncian. 

"A Radio Galega é cada vez menos galega, tamén en materia xeográfica"

"Cómpre lembrarlle aos actuais responsables que non dirixen unha compañía privada -este medio é propiedade de todas e todos- e deben cumprir a lei. E cómpre lembrarlle tamén ao conxunto da sociedade que temos o dereito e deber de demandarllo", remantan, tras proclamar "longa vida á creatividade e ao talento". "Longa vida ao Diario Cultural!". 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.