Un xardín onde as pedras recitan versos de Rosalía, Seamus Heaney e Luz Pozo

Descubrimento da pedra de Luz Pozo Garza © Concello de Santiago

"Son pedra faladoira. / Deixo palabras na tribo. / Luz, Amor. / Vida. Morte". Son versos inéditos de Luz Pozo Garza que dende este luns se poden ler gravados nunha das pedras que compoñen o Xardín das Pedras que Falan, antigo Xardín de Fonseca, en Compostela, inaugurado hoxe. Trátase dun proxecto concibido por Suso de Toro hai máis dunha década e no que colaboran o Concello de Santiago e a USC, e consistente nunha espiral con laxes nas que se inscriben versos inéditos de diferentes autores e autoras de diferentes países e diferentes linguas. 

Este luns presentáronse as tres primeiras, con textos de Rosalía de Castro, do irlandés Seamus Heaney e da propia Luz Pozo. No acto participaron o alcalde da cidade, Martiño Noriega; a concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra; o reitor en funcións da USC, Juan Viaño; Suso de Toro; o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira; a viúva de Seamus Heaney, Marie Heaney, ademais de Luz Pozo Garza. Está prevista a instalación dunhas 40 rochas en total, de xeito progresivo. Aínda así, dende o principio verase a dimensión da obra porque os lugares que ocuparán as pedras estarán xa sinalizados cuns discos de granito. Está previsto que a cuarta pedra sexa colocada o 4 de xuño por Antonio Gamoneda, que estará en Santiago para participar na SELIC.

Suso de Toro destacou que este espazo "volve reivindicar a identidade literaria de Compostela" e comentou que este proxecto xurdiu dunha dobre reflexión "sobre o poder da palabra literaria, e sobre a identidade de Santiago como cidade que crea memoria e crea mito". Tanto o escritor como Martiño Noriega amosáronse convencidos de que "este xardín será case como un novo destino de peregrinación no que tamén xuntaremos diferentes linguas e diferentes culturas", en palabras do rexedor, que tamén destacou que a iniciativa "pon en valor a Compostela Literaria que vimos reivindicando, e faino ademais apelando á posteridade". Branca Novoneyra explicou que "este proxecto é unha homenaxe ao feito literario que complementa os recoñecementos individuais a escritoras e escritores que se poden ver en nomes de rúas, parques ou placas conmemorativas".

Rosalía de Castro foi a autora elixida para a primeira pedra do xardín. Está prevista a instalación dunhas 40 rochas en total, de xeito progresivo

Rosalía de Castro foi a autora elixida para a primeira pedra do xardín, cos versos: "Dende aquí vexo un camiño / que non sei a donde vai; / polo mismo que n’o sei / quixera o poder andar". A segunda pedra da espiral do xardín está asinada por Seamus Heaney, amigo persoal de Suso de Toro, e ambos tiñan falando moito do proxecto. "The dotted line my father’s ashplant made / On Sandymount Strand / Is something else tide won’t wash away" foron os versos escollidos. Luz Pozo Garza destapou a terceira das pedras cos xa referidos versos: "Son pedra faladoira. / Deixo palabras na tribo. / Luz, Amor. / Vida. Morte.".

 

A primeira pedra contén versos de Rosalía de Castro © Concello de Santiago
Unha imaxe máis do acto © Concello de Santiago

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.