Os míticos cadernos Rubio chegan ao galego

© Rubio

Rubio, a emblemática editorial de cadernos didácticos, chega ao galego e vén de lanzar a súa primeira colección de cadernos neste idioma. Segundo aclara, Vacacións Galego xorde "ante a crecente demanda de docentes e pais da Comunidade de materiais na súa lingua propia" e para continuar na súa "aposta pola diversidade lingüística e cultural". 

Rubio lanza a súa primeira colección de cadernos en galego para nenos e nenas de Infantil e Primaria

“Para nós é sumamente importante escoitar e analizar as necesidades de pedagogos, docentes e familias á hora de desenvolver todo o noso material de reforzo”, sinala nun comunicado o director xeral de Rubio, Enrique Rubio. “Isto levounos a comprender a importancia de crear materiais adaptados para comunidades que, coma Galicia, a Comunitat Valenciana e Catalunya, contan cunha lingua propia cunha forte penetración. É unha riqueza que hai que coidar e preservar sempre”, asegura. 

"Comprendemos a importancia de crear materiais adaptados para comunidades que, coma Galicia, Comunitat Valenciana e Catalunya, contan cunha lingua propia cunha forte penetración"

Estes novidosos cadernos en galego súmanse aos xa existentes en valenciano e catalán. Segundo a editorial, cada un destes lanzamentos logrou "espertar rapidamente o interese da distribución", tamén nesta ocasión con Vacacións Galego, dado que se trata dun "produto con alta demanda en época estival".

Vacacións Galego está composto por un total de seis cadernos destinados a reforzar os coñecementos de nenos e nenas de entre 5 e 11 anos, especialmente pensados para que asenten de forma divertida o aprendido durante o curso. A editorial explica que están deseñados para que alumnos manteñan o hábito de traballo adquirido e, ao mesmo tempo, poidan asentar os coñecementos adquiridos durante o curso en tres das áreas educativas máis importantes: Lingua, Matemáticas e Ciencias Naturais e Sociais, sempre mediante exercicios divertidos, debuxos e xogos. 

A colección Vacacións Galego de Rubio pódese mercar nos puntos de venda habitual e tamén por internet na páxina web da empresa. A emblemática editorial ten xa máis de 60 anos e é a editoria dos coñecidos cadernos didácticos baseados en "potenciar a plasticidade do cerebro, a través do desenvolvemento das competencias básicas, coma a escritura e o cálculo". Rubio vendeu máis de 300 millóns de exemplares de cadernos desde a súa fundación. 

© Rubio

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.