0 Gardados para despois

Defenden que caracterizar o galego como lingua minorada tornouse unha “pexa” para a súa promoción

Montse DopicoMontse Dopico | @montsedopico


A miúdo termos técnicos da análise (socio)lingüística (i.e. bilingüismo, dialecto e lingua, entre outros) téñense deslizado cara á esfera pública cobrando un novo sentido ou, cando menos, xogando un papel diferente. Ao noso parecer, algo semellante ocorreu coa clásica caracterización do galego como idioma minoritario e minorado. Se o primeiro adxectivo é cuestionable, o segundo converteuse nunha pexa á hora da promoción lingüística desta lingua”. Isto afirman os investigadores Martín Vázquez e Facundo Reyna, editores do ensaio Encrucilladas da diversidade lingüística europea. Kiel-Santiago de Compostela, (Galaxia), que defenden caracterizar, no discurso público, a comunidade lingüística galega como “de tamaño medio” para contribuír a “configurar unha imaxe máis positiva da lingua galega”.

O termo “comunidades lingüísticas de tamaño medio”, das que son exemplo a neerlandesa, checa, polaca, ucraína, danesa, eslovena, estoniana, finesa, hebrea, letoa e húngara, xorde, segundo estes autores, para definir as comunidades situadas nunha posición intermedia entre as grandes linguas e as pequenas. Trataríase de linguas de máis dun millón de habitantes e menos de 25 millóns, faladas en sociedades economicamente “desenvolvidas” e cunha “transmisión interxeracional positiva como síntoma de vitalidade lingüística”. Segundo estes criterios, a comunidade lingüística do galego podería considerarse de tamaño medio, malia que “ a súa vitalidade lingüística non está garantida e a transmisión interxeracional é un dos problemas máis importantes”.

Desde o punto de vista demolingüístico, explican Vázquez e Reyna no limiar de Encrucilladas da diversidade lingüística europea, o galego sitúase entre o 5 por cento das linguas do mundo con máis dun millón de falantes, “feito que demostra a pouco axeitada caracterización desta lingua como minoritaria”. “Entendemos”, -engaden-, que “a caracterización da comunidade lingüística galega como mediana, un termo que non remata por rachar a xerarquización entre minoritario-maioritario, sérvenos para mellorar a imaxe e contribuír a eliminar algúns dos prexuízos sobre a súa utilidade ante o marco ideolóxico imperante”. Da mesma maneira, aseguran que o termo “lingua minorada”, aínda que nalgún momento puido servir para denunciar as “forzas invisibles” que actuaban na substitución lingüística, “agochadas baixo o argumento da liberdade do individuo, na actualidade esta etiqueta xoga en contra do galego á hora da súa promoción”.

"O galego sitúase entre o 5 por cento das linguas do mundo con máis dun millón de falantes"

Vázquez e Reyna conflúen ademais, na súa argumentación, co profesor da Universidade de Vigo Fernando Ramallo, que noutro dos artigos recollidos neste mesmo libro ocúpase das linguas minoritarias europeas. Malia a elaborada narrativa a favor do mantemento destas linguas, tan reproducida no “mantra” neoliberal da “unidade na diversidade”, en moitos Estados, -indica Ramallo-, “as políticas públicas deixan de lado non só a promoción da diversidade senón, e isto é o máis preocupante, unha elemental protección”, de xeito que se reforza o “discurso da diversidade como un mecanismo de dilución do discurso da xustiza”, ao tempo que se constrúe o discurso da diversidade como problema. O autor defende, por isto, unha abordaxe da diversidade lingüística a partir das desigualdades e non desde unha retórica “baleira e abstracta”.

Fernando Ramallo defende unha abordaxe da diversidade lingüística a partir das desigualdades e non desde unha retórica “baleira e abstracta”

As cifras que se manexan, -sostén Ramallo-, “sitúan a diversidade lingüística de Europa entre 230 e 300 linguas, das que un 15 por cento ten status de ‘lingua oficial’. O resto, considéranse linguas sen Estado, linguas rexionais ou linguas minoritarias. Das linguas minoritarias, 79 estarían cubertas pola Carta Europea para as Linguas Rexionais ou Minoritarias. Mais o concepto “minoría lingüística”, -lembra-, é ambiguo. Unha serie de trazos, -explica-, adoitan aparecer nas situacións de minoración lingüística, como, desde o punto de vista sociopolítico: a dependencia política en modelos democráticos liberais, o baixo prestixio social, o conflito lingüístico permanente, que pode estar latente, e o activismo cívico a favor da lingua minorada, ou desde o punto de vista demográfico o perfil envellecido ou a aparición de minorías aínda máis desprotexidas, fronte ás minorías autóctonas, a consecuencia dos movementos migratorios.

Das linguas minoritarias, 79 estarían cubertas pola Carta Europea para as Linguas Rexionais ou Minoritarias

Outros trazos serían, desde o punto de vista legal, unha fráxil lexislación de protección das minorías lingüísticas e o baixo nivel de visibilidade institucional, desde o económico o empobrecemento e desde o sociolingüístico problemas de ruptura da transmisión interxeracional, presenza de neofalantes ou actitudes máis favorables á diversidade lingüística nos falantes da lingua minoritaria que nos da dominante, xunto con actitudes máis neutrais cara á primeira nos falantes da lingua maioritaria, ou desfavorables se consideran o bilingüismo como competencia. En canto ao futuro destas linguas minoritarias, Ramallo propón un modelo para tratar de predicilo, en función de dúas variables: o maior ou menor prestixio social da lingua e a intensidade do conflito lingüístico entre as comunidades en contacto.

Así, no grao un estaría a substitución lingüística, en situacións de baixo prestixio sen apenas resistencia social; no grao dous a diglosia funcional, en situacións de baixo prestixio e con conflito baixo ou latente que leva a tensións cando se activa; no grao tres a autonomía lingüística, con establecemento de dereitos lingüísticos territorializados; no catro o federalismo lingüístico, con monolingüismo exclusivo da lingua minoritaria nun determinado territorio, e multilingüismo oficial, acando a lingua minoritaria status legal en todo o Estado e para todas as funcións. En calquera caso, -resume Ramallo-, as linguas europeas son maioritariamente linguas minorizadas. E a dobre consideración das linguas como maioritarias ou minoritarias, oficiais ou non oficiais, constitúe a base dunha discriminación con múltiples implicacións.

"En calquera caso, -resume Ramallo-, as linguas europeas son maioritariamente linguas minorizadas"

“Basta xa de episodios gloriosos pero errados!”, conclúe este autor. Pois, -salienta-, os falantes das linguas minoritarias “teñen dereito á caída do adxectivo e a que no seu día a día a súa lingua sexa maioritaria e operativamente exemplar. Se aceptamos que as linguas minoritarias teñen futuro, cómpre desminoralas, isto é, enchelas de oportunidades, de espazos de uso, de funcionalidades mediante a súa transformación de linguas minoritarias a linguas comunitarias”.

Sobre o futuro da lingua -galega- reflexiona tamén, no mesmo libro, o profesor emérito da Universidade de Santiago e ex-presidente da Real Academia Galega Xesús Alonso Montero, que reivindica o galego como unha lingua “antiburguesa”. Nun texto que parte das lembranzas da súa infancia e da súa toma de conciencia do nexo entre lingua e clase social, lembra que, no Rexurdimento, as elites intelectuais galegas eran, no seu día a día, monolingües en castelán. “Rosalía e Murguía”, -sinala- “escribíanse sistematicamente neste idioma, e neste idioma, o castelán, cortexáronse, namoraron, conviviron e socializaron os seus fillos”. E esta situación mantívose, con poucos matices, durante décadas.

Deste xeito, -asegura-, Ramón Otero Pedrayo non falaba en galego coa súa nai, e a mesma “incoherencia” entre o seu discurso público e a lingua das súas relacións familiares amosaron Francisco Fernández del Riego ou Ricardo Carvalho Calero, “capaz de dirixirse en castelán á súa muller e ás súas dúas fillas en grupos onde o galego era o idioma de conversa”. Arredor de 1955, -engade-, Antón Beiras e Antía Cal comezaron a falar en galego no fogar, a partir dunha “heroica decisión incomprendida daquela por non poucos antifranquistas e non seguida en Vigo e en Lugo por ningún dos galeguistas que xa o eran antes do 1936”.

Antón Beiras e Antía Cal comezaron a falar en galego no fogar, a partir dunha “heroica decisión incomprendida daquela por non poucos antifranquistas"

Segundo Alonso Montero, é Curros Enríquez, por outra banda, o primeiro defensor do galego que presenta esta lingua como “un idioma civil, un idioma nobre”, dotado da nobreza que lle transmite non “o ocio, o ouro e o ouropel” das clases altas, senón “o prestixio do traballo e do sufrimento” das clases traballadoras. A “lingua proletaria do meu pobo” de Celso Emilio Ferreiro, o idioma da “nación sociolóxica” dos pobres, dos labregos, dos “parias”. No Rexurdimento, -sinala Montero-, ningún dos moitos apoloxistas da lingua patria a defendeu con este argumento, agás Curros, como despois fará Castelao.

A “lingua proletaria do meu pobo” de Celso Emilio Ferreiro, o idioma da “nación sociolóxica” dos pobres, dos labregos, dos “parias”

A partir dos anos 80, o Estatuto de Autonomía e as leis posteriores sobre o idioma, -en concreto, a presenza do galego na escola, nos medios de comunicación e na administración-, conseguen, segundo Montero, desacelerar o proceso de substitución lingüística, pero se a inmensa maioría da sociedade aínda non a percibe como unha lingua de prestixio é, segundo a súa análise, porque as “clases altas”, -agás excepcións-, seguen sen usala como lingua coloquial habitual, “nin na casa nin no marco veciñal ou profesional”. Mais de toda a sociedade, conclúe, e non só de certas institucións ou grupos, depende o seu futuro.

A obra Encrucilladas da diversidade lingüística europea foi impulsada desde o Centro de Estudos Galegos de Kiel, (Alemaña), baixo a dirección de Javier Gómez-Montero. O Camiño de Santiago foi a vía escollida por este centro para poñer en valor a lingua galega, no contexto do plurilingüismo europeo, no norte de Europa. “A literatura”, indica o propio Gómez-Montero nun artigo neste libro, “fundou o Camiño” e “é un espello de como cada xeración o reinventa”. As lecturas literarias do Camiño, os textos ficcionais e a literatura odopórica, “redescobren de mil formas diferentes o territorio que o cruza, a súa historia oculta, a das súas cidades, aldeas e vilas, e supoñen tamén unha aproximación ás linguas dos seus habitantes, enraizándoas tanto na sociedade como nos seus imaxinarios colectivos”.

No espazo báltico, a diversidade lingüística está presente en virtude da confluencia entres as familias lingüísticas xermánica, eslava a báltica, xunto con linguas non indoeuropeas como o finés e o estoniano. O espazo báltico é, segundo Vázquez e Reyna, lugar de reunión de moitas das comunidades lingüísticas de tamaño medio. Da diversidade lingüística no norte de Alemaña e áreas veciñas ocúpase en Encrucilladas da diversidade lingüística europea o profesor Alastair Walker, da Universidade de Kiel, que define os distintos modelos educativos en canto a presenza das linguas minoritarias ou rexionais.

O espazo báltico é, segundo Vázquez e Reyna, lugar de reunión de moitas das comunidades lingüísticas de tamaño medio

Así, remarca, nos Países Baixos o frisón occidental pode abranguer desde unha hora de aulas á semana ao 50% do currículo, segundo a decisión da dirección de cada escola, mentras que o Baixo saxón case non está nas aulas, agás en dous concellos. En Alemaña, hai un modelo de inmersión lingüística en todo o currículo nas escolas de minoría danesa; o baixo alemán é moi pouco utilizado, aínda que a tendencia comeza a mudar; o frisón setentrional está normalmente unha ou dúas horas á semana no xardín de infancia e na escola e o romaní non ten taxa de matrícula formal, aínda que membros da comunidade lingüística acompañan os nenos sinti na escola en Kiel, empregando esta lingua. En Dinamarca, case todo o currículo nas escolas de minoría alemá ten como lingua de instrución o alemán.

Deste xeito, conclúe o autor, “as dúas minorías que teñen os sistemas educativos máis eficientes e desenvolvidos son as minorías danesa e alemá. Estas son dúas minorías transfronteirizas nas que a lingua minoritaria é máis unha lingua de uso institucional que familiar”, mentras que “as comunidades lingüísticas autóctonas, coa excepción do frisón occidental, teñen xeralmente unha posición moi modesta nos respectivos sistemas educativos estatais”.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.