A Guarda presenta en Pasaia o Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia

Navegación da flota galega no I Festival Marítimo de Pasaia © Culturmar

O peirao vasco de Trintxerpe (en Pasaia, Guipúscoa) acolleu esta mañá a presentación do próximo Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia. Un evento que se celebrará na Guarda do 11 ao 14 de xullo e que servirá de pulo para o movemento de recuperación e posta en valor do amplo patrimonio marítimo fluvial da vila. Xaquín Cadilla (presidente da Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais Piueiro) e Xaquín Lores (membro da directiva de Culturmar, Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial) foron os encargados de explicar ao público do I Festival Marítimo de Pasaia os detalles do evento.

Ao igual que no anterior Encontro, celebrado o verán pasado en Combarro, contará coa presenza dunha delegación do municipio vasco. Así o asegurou a alcaldesa de Pasaia, Izaskun Gómez, que puxo en valor os numerosos vínculos existentes entre a cultura de Galicia e a dunha vila que acolle á comunidade de galegos fóra de Galicia máis extensa do Estado español. O verán pasado Combarro acolleu ao redor de 150 barcos chegados de todo o país pero tamén de Portugal ou do País Vasco.

Á senda de colaboración entre o Concello de Pasaia e Culturmar iniciada o verán pasado en Combarro aínda lle quedan quilómetros por andar, destaca a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial. Quedou patente este sábado na presentación do próximo Encontro de Embarcacións da Guarda, un evento co que a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial quere contribuír á recuperación do patrimonio desa vila situada na fronteira entre Galicia e Portugal.

O presidente de Piueiro, asociación de recente creación nacida co obxectivo de impulsar a posta en valor da riqueza etnográfica e cultural ligada aos cauces fluviais (nomeadamente, ao río Miño) e ao litoral da Guarda, quixo agradecer o respaldo recibido dende Culturmar. Xaquín Cadilla amosou a súa vontade de traballar arreo para que a localidade pontevedresa chegue ao vindeiro Encontro "lista para amosar ao público todo o seu patrimonio etnográfico, cultural e tamén gastronómico".

A presentación do Encontro da Guarda celebrouse no espazo expositivo de Galicia no I Festival Marítimo de Pasaia. Un espazo no que dende o pasado xoves a comunidade galega loce o bo facer dos seus artesáns e artesás con mostras en vivo de oficios tradicionais. Aos zoqueiros, redeiras, palangreiras, carpinteiros de ribeira e palilleiras únense ademais degustacións gastronómicas de conservas do mar galego. Todo isto, xunto coa música tradicional que resoa ao longo de toda a xornada, teñen conseguido que o peirao de Trintxerpe se converta nun constante bule bule dun público totalmente entregado ás singularidades, tamén turísticas e paisaxísticas, de Galicia, adiantando o que se poderá ver na Guarda no verán.

Navegación da flota galega no I Festival Marítimo de Pasaia © Culturmar
En Pasaia presentouse o vindeiro Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia © Culturmar
En Pasaia presentouse o vindeiro Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia © Culturmar
Navegación da flota galega no I Festival Marítimo de Pasaia © Culturmar

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.